Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 15°
10°
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Xuño

Xuño 2017

8Xuñ 2017

O Concello de Malpica promociona a Romaría de Santo Hadrián e a Mostra da Olería de Buño en Festur

FESTUR (2)

O Concello de Malpica promociona a Romaría de Santo Hadrián e a Mostra da Olería de Buño en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebra dende onte xoves e ata o domingo en Silleda, no marco da 40ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

A partir de hoxe e durante a fin de semana, ademais do persoal de información, no stand de Malpica haberá demostracións a cargo do oleiro José Antonio Corral. Entre os visitantes que terá o stand nesta xornada de venres estarán o alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, que se achegarán pola tarde ata Silleda.

As persoas que visiten o stand do Concello de Malpica de Bergantiños atoparanse con algunhas novidades, entre elas, e especialmente destacada, é a nova imaxe da Mostra da Olería de Buño, que nesta edición aposta por un cambio tanto estético como de contidos. Neste sentido, o programa que se dará a coñecer nas vindeiras semanas incluirá aspectos novidosos con respecto a anos anteriores.

Tamén hai novidades relacionadas coa promoción da Romaría de Santo Hadrián. O Concello de Malpica volve a apostar por segundo ano consecutivo pola difusión dos aspectos máis tradicionais da popular e concorrida celebración, que terá lugar o vindeiro domingo 18, cun programa que tamén se fará público en breve.

8Xuñ 2017

Malpica, sede da II Copa da Costa de fútbol sala feminino

O Concello de Malpica de Bergantiños será a sede da II Copa da Costa de fútbol sala feminino organizada pola Asociación Deportiva Vidú baixo a tutela da Federación Galega de Fútbol Sala.

Calendario II Copa da Costa FSF (2)

Nesta segunda edición, que terá lugar o sábado 10 de xuño no pavillón municipal de Malpica de Bergantiños, serán tres os equipos participantes, un menos que na primeira Copa da Costa de fútbol sala feminino debido a que o actual campión da liga provincial, o SD A Baña, e o Ponteceso FSF, actual campión da copa provincial, non poden asistir por falta de efectivos para a data na que se celebrará esta competición.

Por tanto, un Fisober que este ano fixo unha gran tempada que o levou a acadar a ansiada permanencia na Segunda División Nacional do fútbol sala feminino; un Villa de Cee que na súa primeira campaña na Liga Autonómica acadou manterse na categoría e competir moi ben en cada un dos seus partidos; e un Atletes que segue medrando e crecendo a pesar da súa xuventude; serán os equipos que participarán nesta segunda edición da Copa da Costa FSF que se comeza a afianzar no panorama do fútbol sala feminino da Costa da Morte.

Debido a que tan só competirán tres equipos nesta segunda edición da Copa da Costa de fútbol sala feminino, a organización decidiu que a competición se xogase mediante liguilla en lugar de por eliminatoria, polo que todos os equipos se enfrontarán uns aos outros.

Pola mañá haberá dous encontros nos que ao Atletes de Esteiro lle tocará dobre ración xa que as esteiranas enfrontaranse ao Villa de Cee e ao Fisober, ás 11.00h. e ás 13.00h., respectivamente. Mentres que pola tarde, ás 18.00h., serán o Villa de Cee e o Fisober os que se verán as caras no derradeiro partido da competición.

Este ano, a Copa da Costa de fútbol sala feminino terá como madriña a unha ilustre da zona deste deporte como é a muxiá Patri Romaní, que actualmente milita no Viaxes Amarelle FSF.

Dende a entidade malpicá animan a todos os afeccionados ao fútbol sala que se acerquen ata o pavillón municipal de Malpica de Bergantiños para desfrutar desta gran festa do fútbol sala feminino da Costa da Morte.

5Xuñ 2017

Nace a Malpica Vidú Cup

_DSC0932

O Concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Deportiva Vidú organizan a I Malpica Vidú, un torneo de fútbol 11 de categoría Sub15 no que estarán algúns dos mellores clubs de Galicia e co que tentarán promover o fútbol base na zona.

Desde a organización facemos unha aposta forte por este evento e conseguimos a participación de equipos de renome como o son o Vitória Sport Clube e o GD Chaves (dous clubs portugueses que militan en Primeira División), e varios dos equipos máis grandes de Galicia, aos que se suman dous combinados de calidade como son a Selección Coruñesa e a recentemente creada Selección da Costa.

I Malpica Vidu Cup Cartel

Este evento celebrarase o vindeiro domingo día 11 de xuño nos campos municipais da Pedra Queimada (Malpica de Bergantiños) e Xaviña (Buño). A actividade futbolística dará comezo ás 10.00 da mañá en ámbolos campos onde se disputará a fase de grupos. O grupo para formado por Selección Coruñesa, RC Deportivo, GD Chaves e o Pontevedra CF disputarase na Pedra Queimada, mentres que no que respecta ao grupo B, serán a Selección da Costa da Morte, o CD Lugo, o Vitória de Guimarães e o Atlético Coruña Montañeiros CF, quen se verá as caras en Xaviña.

Todos os partidos que se disputen durante este novo evento terán unha duración de 35 minutos e desde as 10.00h. ata as 13.55h non cesarán en ningún instante. Tras o parón para comer, a actividade futbolística retomarase unicamente en Xaviña (Buño), a iso das 16.30h, coa disputa da fase final do torneo, na que os oito equipos participantes buscarán selar o seu nome nos anais desta Malpica Vidú Cup ao proclamarse campión da primeira edición.

Ademais, este torneo será a segunda cita para a recentemente creada Selección da Costa Sub-15, a cal terá a oportunidade de enfrontarse a rivais de gran nivel en partidos que seguramente queden gravados para sempre na mente dos protagonistas.

Desde a organización desta I Malpica Vidú Cup convidamos a todos os amantes do fútbol que se acheguen ata Xaviña e A Pedra Queimada para gozar desta gran festa do fútbol base.

Normativa I Malpica Vidú Cup

I Malpica Vidú Cup

1Xuñ 2017

Clausurado o obradoiro de manualidades infantís, no que participaron 23 nenas e nenos de catro a dez anos

Os 23 nenos e nenas que participaron este curso no obradoiro de manualidades organizado pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo recibiron os seus diplomas e tamén medallas, porque demostraron ser uns campións tanto en comportamento como en creatividade.

MANUALIDADES INFANTIL (41)

Ao longo de todo o curso, e coa axuda da súa monitora, Lucía Villanueva, puxeron en práctica a reutilización e a reciclaxe, convertendo a parte metálica das pinzas da roupa en brazaletes ou os cartóns dos ovos en obxectos de decoración. Segundo as épocas do ano tamén fixeron os centros para as mesas de Nadal, os agasallos para o Día do Pai e o Día da Nai… Aprenderon a traballar con madeira, con goma eva e distintas técnicas de pintura. E boa parte do que fixeron pode verse xa na exposición inaugurada onte polo alcalde, Eduardo Parga, na planta baixa do Centro Civico.

O alcalde foi tamén o encargado de entregar os diplomas aos nenos e ás nenas, para o cal contou coa axuda do tenente de alcalde Miguel Fernández. O acto tivo lugar no auditorio, no que se deron cita tamén as familias dos alumnos, nenos e nenas de catro a dez anos de idade moi traballadores e “sempre dispostos a aprender”, como dixo a súa monitora. Despois do acto oficial, todas e todos participaron nunha merenda.

MANUALIDADES INFANTIL (39)

Pero as clausuras continúan. Mañá venres ás 19 horas celebrarase o remate do curso para as 12 alumnas do curso de manualidades para adultos que tamén organiza a Concellería de Educación, Cultura e Turismo.

Página 2 de 212