Clausurados os cursos de manualidades da Concellería de Servizos Sociais, nos que participaron máis de 30 persoas
O alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, clausuraron os cursos de manualidades para persoas maiores e/ou con diversidade funcional, unha das concorridas actividades que organiza cada curso o departamento que dirixe Marisol Blanco. Nesta ocasión houbo máis de 30 participantes entre Malpica e Buño, e o resultado do traballo de todo o curso pode verse nas exposicións abertas no Centro Cívico e na Casa do Oleiro, respectivamente.
Desde a Concellería de Servizos Sociais apostan cada ano por actividades que contribúen a manter entre as persoas maiores e/ou con diversidade funcional unha vida activa, a exercitar as súas destrezas e a fomentar a socialización. O taller de envellecemento activo, o obradoiro de memoria que rematou hai uns días, a viaxe cultural a distintos puntos de España ou o baile social, que tamén pechou a temporada este mes, son algunhas desas iniciativas, que contan con moi boa acollida entre a xente maior.
Os cursos de manualidades desenvolvéronse tanto en Malpica coma en Buño, impartidos, respectivamente, por Lucía Villanueva e Chelo García.