Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 18°
15°
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Romaría de Santo Hadrián, Regata Illas Sisargas e patinaxe na fin de semana que marca o comezo da temporada de verán en Malpica

16Xuñ 2017

Romaría de Santo Hadrián, Regata Illas Sisargas e patinaxe na fin de semana que marca o comezo da temporada de verán en Malpica

En Malpica a temporada de verán arranca oficialmente esta fin de semana. E ademais faino por todo o alto, cunha oferta de actividades festivas, deportivas e de ocio que garanten un ambiente extraordinario. Incluso o tempo acompañará, xa que, segundo Meteogalicia, teremos os ceos despexados e temperaturas máximas próximas aos 30 graos.

cartel regata

Malpica volve a ser escenario da Regata Illas Sisargas, que dedica a súa 30ª edición a Pucho Bermúdez de Castro e Juan Manuel Vázquez “O Botero”. A proba organizada polo Real Club Náutico da Coruña, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, contará con 25 participantes entre as dúas categorías en competición: ORC 0-2 e ORC 3-4. A saída realizarase mañá sábado, ás 14 horas, dende A Coruña, e a chegada a Malpica está prevista para as 19 horas. Ás 21 terá lugar a entrega de trofeos. E o domingo ás 12 os veleiros partirán do porto de Malpica de regreso á Coruña.

O deporte estará moi presente nesta primeira fin de semana de verán en Malpica, porque o sábado e o domingo tamén se celebra no noso pavillón municipal a II Fase de Niveis Coruña Norte para patinadores e patinadoras de varios clubs da provincia.

E ademais empeza a festa!
O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas de Santo Hadrián, que ten preparada unha fin de semana de actividades. Comezarán o día 17 con pasarrúas a cargo da Banda de Música Eduardo Pondal, misa solemne ás 13 horas cantada pola Coral de Malpica, procesión coa banda, sesión vermú co Dúo Libertad e verbena cos dúos D’Festa e Libertad. O domingo ás 8 horas sairá a procesión coa imaxe do santo dende a igrexa parroquial de San Xulián ata a capela, onde haberá misas durante boa parte da xornada ata o regreso á vila a partir das 17.30 horas. A partir das 21 horas será a verbena con O Tren da Unha.

Cartel-Sto-Hadrian-2017

Estes días estanse a repartir con moita demanda os panos de romeiro realizados polo Concello de Malpica dentro da campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico de Galicia. As persoas interesadas aínda poden pasar polo Centro Cívico.

Fin de semana de praia
Como é habitual, a fin de semana de Santo Hadrián tamén empeza a funcionar en Malpica o servizo de salvamento e socorrismo, que contará con 6 profesionais na praia de Area Maior durante tres meses.