Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
Martes 14°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Uncategorized

Uncategorized

15Xul 2020

Malpica comeza a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura, comezou a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’ e logo da proxección do filme ‘María Solinha’ a comezos deste mesmo mes.

Así, desde a administración malpicá ofértase un amplo abano de posibilidades culturais, que comezarán o vindeiro sábado, 18 de xullo con ‘A gran viaxe’ de Iventi Teatro na rúa Eduardo Vila Fano.

O 25 de xullo, o Día de Galicia, haberá un pasarrúas con ‘A danza dos paxaros’ a cargo de Urdime, e agosto comezará no seu primeiro día coa obra de Ghazafelhos ‘A illa sen tesouro’, na rúa Eduardo Vila Fano.

O 8 de agosto, darase cita na praza do Campo O Cardume, de Xarope Tulú e o 15 de agosto, Mamá Cabra executará o ‘Eu cociño, ti cociñas?’ na rúa Eduardo Vila Fano. O penúltimo espectáculo correrá a cargo de Magín Blanco o 22 de agosto con ‘Magín Blanco e a banda das apertas’ e pechará este ‘Seráns na Rúa’ o 29 de agosto co pasarrúas de Fantoches Baj, ‘O folión do Zampón’.

As actuacións serán todas ás 20:30 horas e en caso de choiva serán trasladadas ao Mercado Municipal ou ao Centro Cívico, segundo o formato de actuación. Manteranse en todo momento os protocolos hixiénico-sanitarios e os aforos completaranse por estrita orde de chegada.

O alcalde, Walter Pardo, sinala o enorme ‘esforzo de toda a área de Cultura por achegar actividades á veciñanza. Hai que ter precaución pero isto non é incompatible con gozar dun novo formato de divertimento’, apuntou.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Leticia Varela, anota que ‘seguimos apostando pola cultura en formatos máis reducidos, e seguiremos gozando de contidos de calidade con responsabilidade’, finalizou.

3Xul 2020

O Concello de Malpica estreará o domingo as actividades culturais de verán cunha proxección ao aire libre

O Concello de Malpica estreará este domingo na rúa principal as actividades culturais de verán cunha proxección ao aire libre. Trátase do filme ‘María Solinha’, de Ignacio Vilar.

A proxección comezará ás 22:00 horas do domingo, 5 de xullo. Inicialmente estaba previsto ubicar esta actividade no parque de Malpica, pero finalmente decidiuse optar pola rúa Principal.

Cartel da película ‘María Solinha’


Durante a proxección, así como previa e posteriormente, garantiranse todas as medidas de seguridade, aforo e hixienización derivadas do contexto sanitario provocado pola COVID-19. Á mesma acudirá o director, Ignacio Vilar.


Trátase dun proxecto inédito, no que supón de exhibición con carácter de estrea e primicia mundial dun filme, galego e en galego, en localidades medianas e pequenas que non contan con sala de cine comercial. Na peza, realidade e ficción mestúranse para construír unha película que ‘non é unha historia de mulleres, senón unha historia de amor que trascende o xénero’.


Priorizarase a orde de chegada para completar o aforo, e estímase que arredor dunhas cen persoas poderán ocupar as cadeiras e ser protagonistas desta estrea a nivel galego.

30Xuñ 2020

O Concello de Malpica impulsa as tarefas para a execución da mellora da avenida Canido e da rúa Boa Vista

O Concello de Malpica impulsa a mellora da avenida Canido e da rúa Boa Vista, executando así unha serie de traballos cun valor aproximado de 39.735,92 euros. 

Imaxe da avenida Canido

Estes consistirán na aplicación dunha capa de rodadura e instalación de sinalización horizontal, que servirá para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores. Observáronse numerosos baches, así como o cuarteamento na pavimentación. Estas anomalías deben ser subsanadas para o correcto mantemento da mesma. 

Nas tarefas previas, limparanse as cunetas nos espazos de tránsito, realizarase o bacheo pertinente e incrementaranse a profundidade das arquetas, tapas, sumidoiros e outros elementos das redes no pavimento. O prazo de execución das mesmas serán de dous meses desde o seu comezo.

O alcalde, Walter Pardo, sinala que ‘executamos gradualmente proxectos que non puidemos arrincar debido ao estado de alarma, pero que son moi necesarios. Nas vindeiras semanas tamén poñeremos en marcha varias limpezas e desbroces moi importantes para moitos núcleos rurais’, anunciou o rexedor. 

10Xuñ 2020

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica varias melloras ás instalacións durante o estado de alarma

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, no Concello de Malpica, aplicou varias melloras nas instalacións durante o estado de alarma.

Durante o confinamento, a actividade non estivo parada nunha das xoias culturais do Concello e os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, consistiron no arranxo de varios muros exteriores e adecentamento da estrutura do edificio de administración, unha vivenda rehabilitada para tal fin.

Os traballos levaronse a cabo para reparar danos estruturais de base. Así, conséguese un doble obxectivo: consolidar a estrutura de varias das paredes tanto do interior como do exterior, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘non estivemos parados durante o estado de alarma. Seguimos traballando en melloras e para impulsar novamente as visitas á nosa exposición dunha manera segura’, rematou.

Reactivación das visitas

O Ecomuseo do Forno do Forte retomou a actividade ‘habitual’ de visitas priorizando o sistema de cita previa, e adaptando as instalacións ao contexto sanitario que se está a vivir.

Así, a sinalética amosa en todo momento o aforo máximo permitido en cada sala, e os carteis colocados estratéxicamente ao longo de todo o recinto lembran da obrigatoriedade do emprego da máscara sanitaria, así de como, na medida do posible, se deberá gardar unha distancia mínima de seguridade.

10Xuñ 2020

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica varias melloras ás instalacións durante o estado de alarma

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, no Concello de Malpica, aplicou varias melloras nas instalacións durante o estado de alarma.

Durante o confinamento, a actividade non estivo parada nunha das xoias culturais do Concello e os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, consistiron no arranxo de varios muros exteriores e a renovación da estrutura da estrutura do edificio de administración, unha vivenda rehabilitada para tal fin.

Os traballos leváronse a cabo para reparar danos estruturais de base. Así, conséguese un doble obxectivo: consolidar a estrutura de varias das paredes tanto do interior como do exterior, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘non estivemos parados durante o estado de alarma. Seguimos traballando en melloras e para impulsar novamente as visitas á nosa exposición dunha manera segura’, rematou.

Reactivación das visitas

O Ecomuseo do Forno do Forte retomou a actividade ‘habitual’ de visitas priorizando o sistema de cita previa, e adaptando as instalacións ao contexto sanitario que se está a vivir.

Así, a sinalética amosa en todo momento o aforo máximo permitido en cada sala, e os carteis colocados estratéxicamente ao longo de todo o recinto lembran da obrigatoriedade do emprego da máscara sanitaria, así de como, na medida do posible, se deberá gardar unha distancia mínima de seguridade.

6Mai 2020

Malpica entrega as últimas cartas e debuxos a pacientes ingresados por coronavirus

O Concello de Malpica fixo entrega das derradeiras cartas a pacientes ingresados no CHUAC por coronavirus. A iniciativa da Fundación María José Jove, #cartasconalma, permite a recollida do material para facer entrega no centro sanitario coruñés.

Así, dende o Concello e en coordinación cos distintos centros educativos de Malpica, colaboramos con esta bonita iniciativa, que permitirá achegar ánimos dende a distancia ás persoas que están a sufrir o coronavirus. A temática é libre, así como o seu formato.

A concelleira de Educación, María Álvarez, admite que “era imposible non sumarse a esta iniciativa. Si cun pequeno xesto podemos contribuír a axudar a aquelas persoas hospitalizadas por coronavirus, que ninguén dubide que o imos facer”, apunta a edil.

Pola súa banda, o alcalde, Walter Pardo, anima a “todas as crianzas de Malpica a colaborar nesta marabillosa idea, para que en nome de todos, lles fagan chegar esas mensaxes de “non estades sós e soas”, subliña o alcalde.

26Dec 2019

Malpica de Bergantiños acollerá obradoiros para nenas e nenos no marco do programa educativo “A Vila do Mañá”

A Escoliña Vella do Concello de Malpica acollerá obradoiros enmarcados no programa educativo “A Vila do Mañá”. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación Provincial da Coruña, pretende que se tome conciencia, a través dos xogos e desde a infancia, da arquitectura, o patrimonio tanxible, o urbanismo e a paisaxe.

Serán os días 30 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, para nenas e nenos entre 3 e 12 anos. As inscricións poderán formalizarse no Departamento de Cultura do Concello de Malpica.

O reto principal que presenta este proxecto é que a infancia e a adolescencia participen de xeito activo nos proceso de construción do espazo común, dotándoos de ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura.

Os técnicos e técnicas responsables do mesmo apuntan que “entendemos as vilas e cidades como un taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para que as nenas e nenos poidan descubrir, coñecer e valorar o seu hábitat.

Despois de realizarse en concellos como Rianxo, Ames, Verín, A Pobra, Cambados ou Arteixo, chega a Malpica de Bergantiños, impulsado tanto pola Deputación da Coruña como polo Concello, e que recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego).

Dálle forma o equipo POSTArquitectos, e xa ten formado parte de exposicións moi importantes tanto a nivel estatal como europeo. Así, estivo na Bienal de Venecia 2018 ou na 9th Child in the City World Conference, en Viena, Austria.

26Nov 2019

Corte no subministro de auga mañá, mércores 27 de novembro

A empresa que presta o servizo de auga vén de comunicarlle ao Concello de Malpica que, por mor dos traballos de mellora que se están a realizar na rúa Emilio González López e na praza Eduardo Vila Fano, procederase ao corte no subministro desde as 9:00 ás 21:00 horas mañá, mércores 27 de novembro, nos seguintes lugares:
 
  • Rúa Igrexa.
  • Rúa Barreiro.
  • Rúa Camiño do Río.
  • 1ª, 2ª, 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª Travesía do Río.
  • Rúa Agros A, rúa Agros B e rúa Agros C.
  • Rúa Orxeira.
  • Traesía de Orxeira.
  • Rúa As Neves.
 
Desculpen as molestias.
6Nov 2019

Malpica acollerá o sábado 9 de novembro a II Fase de Niveis de patinaxe por equipos

Malpica acollerá o vindeiro sábado, 9 de novembro, a II Fase de Niveis de patinaxe por equipos, no Pavillón Municipal. Este evento está organizado polo Club de Patinaxe Velúa, da localidade malpicá.

Será un campionato no que participarán conxuntos da zona norte da Coruña. En total, catorce equipos, con arredor de 100 inscritos, e que comprenderá os niveis 1, 2 e 3. Dará comezo ás 10:30 horas da mañá, coa participación dos clubes Lenda, Costa da Morte, Patín Axel, Escola Lubiáns, Conxuro, Buxaina, Alquimia, Velúa, Aura e Inercia. Pola tarde, saltarán á pista os conxuntos Compañía María, Patiart Coristanco, Liceo La Paz e o Raiola. Está previsto que a cita teña remate ás 18:30 horas da tarde.

O club malpicán conta cunha ampla representación nesta fase, coas patinadoras Antía Pérez, Noela Díaz, Mara Rega, Lara Verdes, Noelia Cedeira, Leticia Chouciño e Ainhoa López.

Página 13 de 14« Primera...1011121314