A actividade comezará ás 16 horas no pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero
O pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño acollerá este venres 27 de maio unha exhibición das Escolas Municipais de Patinaxe do Concello de Malpica de Bergantiños.
Os e as deportistas demostrarán as súas habilidades na pista a partir das 16 horas. A entrada á actividade será libre.
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, ven de asinar a oferta de emprego de seis postos de socorristas, incluído un coordinador-socorrista, para a Unidade de Socorrismo Acuático nas praias de Area Maior e Canido. Os interesados teñen 8 días naturais, para presentar a súa solicitude desde o a publicación da oferta. A información completa pode consultarse na páxina web do Concello de Malpica, e a solicitude debe realizarse a través da sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas administrativas de luns a venres en de horario de 09:00 horas a 14:00 horas.
A contratación realizarase para que o servizo de inicio o 17 de xuño ata o 11 de setembro. Estarán a xornada completa, cunha retribución bruta mensual de 1.516,85 € e para a categoría de socorrista-coordinador de 1.727,84 €, en ambos casos coas pagas extras incluídas. O persoal seleccionado terá entre as súas función: Prever accidentes ou situacións de emerxencia nas praias indicadas na base primeira, realizando a través, tarefas de vixilancia e información. Rescatar persoas en casos de accidente ou situación de emerxencia. Asistir como primeiro interveniente no caso de accidente ou situación de emerxencia. Velar pola seguridade dos usuarios das praias indicadas do Concello de Malpica de Bergantiños previndo situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.
O Concello de Malpica colabora na celebración da Gala de Fin de Curso da Asociación Cultural Malante. Un evento que se celebrará este venres, 22 de maio, no Centro Cívico.
Ás 12.00 horas dará comenzo este encontro co que se pechará un curso escolar cheo de formación en canto, baile e música tradicional.
A Concellería de Educación, Cultural, Patrimonio e Deportes de Malpica colabora no relatorio que mañá dará Suso Lista sobre o artigo asinado por el mesmo: “Nerigha, onde ceo, terra e mar se xuntan”. O acto, no que tamén colabora a Asociación Caldeirón, será no Cornecho ás 20.30.
Un encontro no que o actor e escritor falará sobre o estudo realizado en torno á situación do Promontorium Nerium. Un punto sobre o que Lista disertará sobre a localización do mesmo, do que indica que diversos autores o situaban no Cabo Fisterra, Touriñán ou Vilán. Sobre este enclave discrepan tres autores: Adolf Schulten, Kornad Haebler e Emil Braun, xa que para eles, baseándose soamente na toponimia, ese promontorio non pode ser outro que Punta Nerigha.
Suso Lista sinalou no seu artigo que: “Os autores clásicos antigos son claros con respecto do Promontorium Nerium e todos eles afirman que é o último de Occidente e que é o primeiro do Septentriom. Non din que sexa o que está máis a Occidente. O último da parte occidental é Punta Nerigha porque o Sol desde aquí até San Vicente (Promontorium Sacrum) sempre se pon polo mar”.
Un relatorio para coñecer mais sobre a xeografía da comarca e as diferentes teorías en torno ao seu orixe.
Ao comezo do acto o alcalde lembrou a figura do primeiro rexedor do Concello, Luis Cancela Vecino
O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, inaugurou hoxe o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños).
Pola mañá abriu as portas cunha intervención do rexedor que lembrou a importancia de ter presente a historia, ao tempo que transmitiu o seu pesar polo falecemento do primeiro alcalde, en democracia, de Malpica, Luis Cancela Vecino “un home que fixo moito polo Concello, aínda lembro que foi o responsable de instalar o primeiro alumeado público de Malpica”.
No acto tamén interveu a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, cuxo departamento é responsable da organización da mostra. Unha exposición que reúne imaxes gráficas e documentación que percorren a historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. Asemade fixo entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra. Na súa intervención a concelleira destacou que: “Para rematar quero dar as grazas a todos/as os/as colaboradores que me axudaron a facer realidade este proxecto, aos que aportaron documentación ( Rosario das Marías, Xosé Manuel Varela, Elena Verdes, Fransy González, Xabier Díaz, Luis Prego, Beatriz Busto, AC O Fiadeiro, Asoc de Coros e Danzas EIDOS, Chisco Feijoo e Quique Peón), ás asociación locais por participar na grabación, a Marco e a Mara por aportarnos a visión máis pura de todo esto, a Sandra e Guille de “Monnom” por conseguir plasmar ao detalle o que había na miña cabeza, a Selina Otero, polas suas verbas e , sobre todo, ás familias das persoas ás que hoxe homenaxeamos. Deixei para o final á persoa que me acompañou dende que isto eran só ideas na miña mente, Mar Suarez ou máis coñecida como Mar da Bouzas, grazas por adicarlle tanto tempo, por axudarme a darlle forma ao que hoxe presentamos, non hai maneira de agradecer o teu traballo. Por favor, acompáñame un pouco máis, que teño algo para ti”.
O acto contou coa participación e actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretaron pezas do Concello de Malpica.
“Non canto por cantar” é a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán. Cunha exhaustiva compilación de cancións e bailes recollidos aquí, esta mostra quere describir o xeito de bailar propio desta zona, con ritmos e pasos únicos na tradición galega. A pandeireta era o instrumento por excelencia. Había tamén gaiteiros que formaban parte das murgas ou charangas que tocaban nas festas. E regueifeiros. No pasado facíanse foliadas nos sobrados, fiadas, ruadas, bailes nas tabernas… Cada semana xuntábanse mozos e mozas do lugar para tocar, bailar e cantar. Era a forma de divertirse nos tempos de antes.
Os e as protagonistas desta exposición son os informantes, os maiores, dos que herdamos as pezas que hoxe tocan e bailan os mozos e mozas non só do concello senón de toda Galicia. Persoas que cederon a súa sabedoría en recollidas e foron fonte de información para asociacións folclóricas de distintos puntos da xeografía. Xente de Mens, Barizo, Santiso, Vigo dos Toxos, Beo, Seaia, Cerqueda, Cambre e Leiloio, principalmente, que nos deixan o seu legado. En “Non canto por cantar” poderán ver fotos de moitos deles e delas, dos que queda documentación gráfica, co seu nome, alcume, a casa á que pertencían e o lugar de onde son. Para esta exposición contamos con 44 pero segundo aseguran as fontes orais puido haber máis de 200 en todo o concello.
Dende maneos, muiñeira, punteada, ‘jotas’, agharrados, muiñeira corrida, valses ata a Ribeirana, un baile típico desta zona. Un baile moi especial que se bailaba nas foliadas, fiadas e tamén cando se facía o percorrido dos ‘Madamitos e Ghuardineros’ de Cerqueda no Entroido. Máis que un baile parece unha danza, difire de calquera outro baile solto da zona (punteadas, jotas e maneos). No vídeo desta exposición, que se proxecta na sala audiovisual contigua, obsérvanse estes bailes, intepretados por bailadores de antes (a primeira recollida foi no ano 1971 en Mens) e da actualidade, a través das tres asociacións de música e baile tradicional do concello malpicán: Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación Cultural Malante de Malpica e Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía de Seaia. Ademais de bailes e cancións, as palabras dos mestres/as, músicos/as e bailadores/as malpicáns que manteñen viva a nosa cultura axudan a interpretar en “Non canto por cantar” a historia e o significado da música tradicional do Concello de Malpica.
A obra “Rosalía” chega o 17 de maio ao Ecomuseo Forno do Forte, en Buño
O Concello de Malpica traerá, o vindeiro 17 de maio, a vida de Rosalía de Castro a través dunha obra de teatro homónima, representada pola compañía Culturactiva Producións. Será, ás 17.00 horas, no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño.
Unha oferta familiar, con entrada de balde, que recreará a vida da escritora achegando a Rosalía nena que cantaba, bailaba, lía e comía chocolate. A que vive no lugar onde medran as poetas entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as canción con rimas e sen autor. Toda unha recreación cos valores sociais en escena dirixida por Fina Calleja e representada por Rocío González e Cristina Collazo.
Esta obra xa leva mais de 70 funcións realizadas desde a súa estrea ata ser un título imprescindible do teatro familiar galego.
Con esta programación o Concello continúa coa programación de “Malpica nun mar de letras” co que celebra o Día das Letras Galegas ao longo do mes de maio. A programación do día 17 complétase coa inauguración da sala Non canto por cantar, ás 12.00 horas, no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) unha homenaxe ao canto e baile tradicional e o patrimonio inmaterial da terra.
Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.
As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse nesta actividade impulsada pola asociación Costa da Morte- Terra Atlántica que se desenvolverá o 5 de xuño
O Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, acollerá en xuño unha iniciativa do Laboratorio Artístico para a creación dunha nova peza representativa dos valores da Costa da Morte. O día 5, ás 12.00 horas, dará comezo a proposta da Terra Atlántica que fundaméntase en conseguir crear unha obra que represente a Costa da Morte dende unha perspectiva artística.
Os interesados teñen de prazo para inscribirse ata ás 23.59 horas do 22 de maio a través da ligazón: LABORATORIO ARTÍSTICO.
Poderán participar todas aquelas persoas e colectivos artísticos ou artesáns maiores de idade. A participación no laboratorio farase por orde de inscrición e tendo en conta os criterios de selección. O número de participantes está limitado a 15 intervencións.
As persoas participantes farán unha intervención, en directo, da obra creada ou comisariada para este proxecto, tendo cabida propostas de artesanía e distintas disciplinas artísticas (encaixe, olería, pintura, escultura, etc). As/os artistas deberán crear a obra durante o tempo estipulado do Laboratorio formando parte dun evento da Marca, co estilo, técnica e dimensións de libre elección.
Desde o Concello de Malpica apoiase esta iniciativa que ten como obxectivo apoiar a cultura e a artesanía da nosa terra a través da creatividade e innovación artística.
A actividade será o sábado, 14 de maio no río de Vaa
O Concello de Malpica organiza para a representación do espectáculo “Muiñada”. Unha actividade na que se une arte e natureza, o 14 de abril, no río de Vaa. O acto que estaba previsto, inicialmente, para o pasado mes de abril tivo que ser aprazada por mor da climatoloxía ata o vindeiro sábado.
Unha obra de teatro para toda a familia na que o xogo, lendas, tradición e música son o fío condutor para mostrar as raíces.
Ás 17.30 horas comezará a representación de “Muiñada”, a cargo da compañía Galeteatro. Unha hora máis tarde haberá unha visita guiada pola contorna da Área Recreativa do Río de Vaa.
Os interesados deberán inscribirse antes do inicio da actividade, que é de carácter gratuíto.
Con “Muiñada” pónse en valor o patrimonio de Malpica a través dunha actividade lúdica organizada pola Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de A Coruña.
O espectáculo está incluído dentro da programación “Malpica nun mar de letras 2022” que se desenvolve no mes de maio
O concerto didáctico “De aquí para alá”, representado hoxe no Auditorio do Centro Cívico, tivo como público o alumnado de diferentes centros educativos de Malpica.
Así, a primeira hora as nenas e nenos do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e das escolas unitarias de Mens e Barizo, do CRA A Nosa Señora do Faro; e posteriormente o do CEIP Milladoiro gozaron desta viaxe polo mundo a través da música.
O espectáculo creado por Lydia Botana permite que o público poida aprender características e peculiaridades de diferentes partes do planeta a través dos seus sons.
Esta representación está incluída dentro da programación do mes de maio coa que o Concello celebra o Día das Letras Galegas: “Malpica nun mar de letras 2022”.
A convocatoria, da ruta de tapas, conta coa participación de 14 locais nos que se servirán tapas por 2 euros
A Concellaría de Promoción Económica de Malpica organiza a VI edición de “Malpica sabe a mar” os días 13, 14 5 15 de maio.
O encontro volve cun record de participación nunha iniciativa conxunta que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalaría e a olaría. Unha acción na que os locais participantes trataran de sorprender á clientela a través exquisitas elaboración cun custe de 2 euros cada tapa. Ademais esta prevista a realización de sorteos e animación para que toda a clientela goce destas xornadas.
Así o vindeiro 13 de maio, de 20.00 horas a 23.00 horas; o sábado 14 de 12.00 horas a 14.00 horas e de 20.00 horas a 23.00 horas. E o domingo, 15 de maio, de 12.00 horas a 14.00 horas. Os asistentes poderán transitar entre os seguintes establecementos para degustar o mellor de “Malpica sabe a mar” na A Taberna do Lesto, Bar Arcos, Bar Dársena, Bar O Pescador, Café Bar Humbolt, Café Bar Ibarra, Café Bar Pepucho, Café del Mar, Cafetería JB, Cafetería Santiago Apóstol, Larada Bar, O cornecho de Tano, Restaurante O Burato e o Restaurante San Francisco.
Esta nova edición, impulsada desde o Concello de Malpica, ten como obxectivo a promoción económica e gastronómica e debido a gran acollida destas actividades xa se está traballando nunha nova convocatoria para o mes de outubro. Por outra banda, a concellaría de Promoción Económica tamén traballa nunha nova campaña co sector da alimentación, para o impulso do comercio en todas as súas vertentes.
Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario - Ocultar detalles
• Social media Facebook, Twitter e outras Redes Sociais precisan utilizar cookies para recoñecerte.
• Analytics Os datos recollidos polas cookies de Google Analytics son anónimos e só se usan para valorar a experiencia do usuario no nosa web.
• Anuncios Este sitio pode albergar publicidade propia, de afiliados, ou de redes publicitarias.
• Cookies propias Este sitio utiliza cookies propias para facilitar o acceso e mellorar a navegación e experiencia ao usuario Aviso Legal ACEPTOLeer más