Malpica lembra, 84 anos despois, a primeira representación de monicreques das Misións Pedagóxicas
O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís, xunto a Rafael Dieste, iniciaban na nosa vila as representacións de monicreques que as Misións Pedagóxicas levarían por todo o país. En lembranza daquel titánico esforzo por achegar a cultura a todos os recunchos do Estado español, no 22 de outubro de 2017, queremos levar ó mesmo espazo que se usara no ano 33 unha representación de monicreques.
Deste xeito, as Misións Pedagóxicas regresan a Malpica 84 anos cunha xornada festiva e cultural na que lembraremos aquela data histórica. Coa colaboración da Asociación Cultural Malante, a Asociación de Veciños San Antonio y A Tropa dos Pardo, ás 17 horas empezará a celebración cun pasarrúas da A.C. Malante pola praza de Anselmo Villar Amigo e a rúa Eduardo Vila Fano. A continuación volverán os monicreques. Titereficcións presentaranos “Cantos contos contas”, un espectáculo teatral e musical na que dous viaxeiros que coinciden nunha estación de tren compartirán, mentres agardan, algúns dos contos que marcaron as súas vidas.
O acto central comezará ás 19 horas na praza. Un magosto popular encherá de animación a vila. Haberá castañas, viño, licor café e chocolate, e cuncas a 2 euros coas que se poderá recuncar tantas veces como se queira. E como en toda boa festa debe haber música, as cantareiras e os gaiteiros de Malante e A Tropa dos Pardo encargaranse de que non falte.
Este ano, como novidade, tamén organizamos un concurso de disfraces de época no que haberá premios á mellor caracterización (anos 1920-1930). Teremos dúas categorías: infantil (ata 12 anos) e absoluta (sen límite de idade), e un xurado popular encargarase de decidir os premios, que consistirán en trofeos e cestas.
Exposición
Aínda que o prato forte será o 22, desde onte pode visitarse tamén na aula circular do Fondo Lugrís (Centro Cívico) unha exposición de fotografías da representación do ano 1933. Así mesmo, todos/as os/as veciños/as que dispoñan de fotografías das actividades das Misións Pedagóxicas no ano 1933 en Malpica poden achegalas ao Departamento de Educación e Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á Mostra Fotográfica “As Misións Pedagóxicas en Malpica”. Todas as persoas que acheguen fotografías recibirán un CD con fotografías do conxunto da exposición.