Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Cultura

Cultura

8Ago 2017

Os nenos e nenas de Malpica crean a súa propia lenda da balea no proxecto Pintar na Rúa

BALEA FINAL

Os nenos e as nenas que participaron este ano no proxecto Pintar na Rúa conseguiron crear unha lenda propia a través dunha figura tan lugrisiana e malpicá como a balea. O debuxo do mural que pode verse xa no parque infantil da Rúa Patria Galega converte a balea nunha especie de illa “enriba da que se forma un país, unha cultura, unha forma de vivir”. Así o explica a ilustradora carballesa Laura Tova, autora do deseño e monitora do obradoiro que se veu impartindo desde o 24 de xullo.

BALEA DEDICATORIA

O proxecto de rexeneración urbana promovido pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo tamén inclúe a homenaxe da autora e dos participantes “ao amigo” Paco Souto, que dalgún xeito foi inspirador do mural. De feito, o seu poema “A percebeira é unha illa” dá título á propia pintura.

Nesta cuarta edición, Pintar na Rúa seguiu conquistando espazos da vila malpicá. Despois do Centro Cívico e o Paseo da Praia, os nenos e nenas deixaron nesta ocasión a súa pegada no parque infantil. Na vindeira edición seguiremos estendendo a arte urbana por Malpica.

7Ago 2017

O vídeo do alumnado do IES Urbano Lugrís “6 pasos para falar malpicán”, premiado no Festival de Pardiñas

PARDIÑAS (4)

O vídeo que presentou o alumnado do IES Urbano Lugrís ao concurso de Youtubeir@s, e polo que conseguiu a “Mención honorífica á calidade lingüística”, foi tamén premiado esta fin de semana no Festival de Pardiñas, nun acto no que participaron alumnos e alumnas, profesores e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que felicitou a todo o equipo do instituto polo traballo realizado.

PARDIÑAS (3)

O vídeo “6 pasos para falar malpicán” é un titorial que en só tres minutos fai un percorrido moi completo polas singularidades da nosa fala, explicadas polos alumnos e alumnas do IES Urbano Lugrís. O vídeo ronda xa as 10.000 visualizacións en YouTube.

5Ago 2017

O Ecomuseo do Forno do Forte recupera os ouriñais, que deixaron de fabricarse hai anos, na Cocedura Tradicional

Este ano cocéronse arredor de 1.500 pezas no Forno do Forte, e entre elas figuran, por primeira vez, os tradicionais ouriñais ou pericos. “Era algo que había en todas as casas e que se facía en todas as olerías, e en Buño tamén”, sinalou o director do ecomuseo, Paco Doval, quen destacou o éxito desta 19ª Cocedura Tradicional: “Saíu todo moi ben”. Ademais dos ouriñais, que poden ser reproducidos grazas a que se atopou unha peza antiga nun faiado, mañá desenfornaranse todo tipo de pezas de tamaño mediano e grande, todas elas tradicionais.

IMG-20170805-WA0046

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas e do que forma parte tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que despois de tantos anos xa é case un experto. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde e Manuela de Mariñán prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Pelepau.

O Ecomuseo do Forno do Forte converteuse no principal centro de atracción da segunda xornada da Mostra da Olería de Buño. Ao longo de todo o día recibiu a máis de mil persoas procedentes de todo o territorio español e, aínda que en moita menor cantidade, tamén do estranxeiro.

As persoas que queiran ver o resultado da Cocedura Tradicional poderán achegarse mañá domingo a partir das 11 ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Mañá tamén, a partir das 13.30, haberá sesión vemú co grupo De Vacas no Parque Luciano García Alén.

4Ago 2017

A Mostra da Olería de Buño estrea imaxe disposta a garantir o futuro do colectivo oleiro máis importante de Galicia

IMG_0774

Xa está en marcha unha nova edición da Mostra da Olería de Buño. Son 34 anos xa de historia e moitos retos por cumprir aínda, pero quizais o máis importante sexa garantir o futuro da comunidade oleira máis importante de Galicia. A ese obxectivo referíronse todas as autoridades no acto inaugural, celebrado hoxe no parque Luciano García Alén coa participación da presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

O acto celebrouse baixo a carpa e o orballo, que acompañou todo o percorrido das autoridades polos postos, este ano situados no adro da igrexa. A presidenta da Asociación Oleira agradeceu a colaboración do párroco para poder realizar o cambio pero destacou sobre todo a nova imaxe da Mostra da Olería, porque “este ano pensamos a Mostra dun xeito distinto”, máis moderno, pero coa intención de contribuír a que a olería de Buño perdure. Carmen Isabel Labrador rematou a súa intervención convidando ao público a “desfrutar de 10 días de artesanía e vida”.

IMG_0761

Á nova imaxe da Mostra da Olería referiuse tamén o alcalde, quen destacou que aínda que Buño é a comunidade oleira máis importante de Galicia, tamén se atopa “nunha encrucillada decisiva para o seu futuro”. Ese futuro, engadiu Eduardo Parga, debe contar coa “participación de todas e todos”, polo que convidou aos profesionais da olería a esquecer discrepancias e traballar cóbado con cóbado, e fixo un chamamento á “complicidade das Administracións”.

Goretti Sanmartín expresou o compromiso da Deputación da Coruña coa olería de Buño, como se demostra a través do Ecomuseo do Forno do Forte, pero apelou á necesidade de apostar aínda “máis forte” para evitar que a nosa artesanía acaba esmorecendo. Nese sentido apuntou a necesidade de que haxa un relevo xeracional, malia as dificultades que existen na sociedade actual para dedicarse a un sector como o da artesanía. Para a vicepresidenta, a Mostra da Olería é unha oportunidade para que “os nenos aprendan a meter as mans no barro, porque é a forma de construír o futuro”.

IMG_0817

O conselleiro pechou as intervencións destacando a capacidade dinamizadora que ten a olería de Buño, tanto desde o punto de vista económico como da tradición e da “vinculación co territorio”. Francisco Conde subliñou que “non se entende un verán en Galicia sen Mostra da Olería, que ademais é a feira decana de Galicia”, e tivo palabras de lembranza para Luciano García Alén.

A Mostra da Olería de Buño permanecerá aberta ata o día 13.

1Ago 2017

Asinado o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación para o financiamento da Mostra da Olería

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 80.000 euros para financiar a Mostra da Olería de Buño.

31-jul-2017    OLERIA  0S30

Esta achega custeará o 80% do orzamento total do evento, incluíndo os gastos en publicidade, material gráfico, o alugueiro das carpas e os espazos expositivos, actividades coma obradoiros para nenos e outras animacións, ademais dos gastos de persoal para a organización do encontro.

Valentín González Formoso, destacou que co apoio á mostra, a Deputación pretende impulsar a “olería de Buño non só como recurso cultural e turístico senón tamén como motor para a creación de emprego e riqueza na comarca” e confirmou que a institución provincial continuará colaborando no seu desenvolvemento. Pola súa banda, Eduardo Parga agradeceu a achega da Deputación e resaltou a importancia de traballar para preservar unha artesanía secular de sona internacional.

A Mostra da Olería de Buño, que cumpre a súa 34 edición, desenvolverase entre o 4 e o 13 deste mes, e incluirá actividades coma rutas turísticas, actuacións musicais, obradoiros e distintos tipos de artesanía. A mostra desenvolverase no parque Luciano García Alén, onde se situarán as casetas de venda, e no Ecomuseo Forno do Forte, que acollerá a xa emblemática cocedura tradicional.

O Ecomuseo, adquirido e rehabilitado pola Deputación da Coruña e xestionado polo Concello de Malpica, tamén ofrecerá distintas exposicións e visitas ás coleccións sobre a tradición oleira da comarca.

22Xul 2017

O Concello de Malpica promociona a Mostra da Olería de Buño na praza de María Pita da Coruña

IMG-20170722-WA0058

O Concello de Malpica iniciou na Coruña unha campaña de promoción da Mostra da Olería de Buño (MOB), que se celebrará do 4 ao 13 de agosto. Este ano a tradicional feira de artesanía de Buño estrea imaxe e aposta por unha programación que trata de atraer a un maior número de visitantes e de abrir o abano a todas as idades. Os detalles déronse a coñecer na Praza de María Pita, na que o principal reclamo para o público foi a presenza do oleiro José Antonio Corral facendo unha demostración no torno.

Ao longo da xornada foron moitas as persoas que se achegaron ata o novidoso stand promocional da Mostra da Olería, no que tamén estivo presente o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. Así mesmo, o Concello de Malpica aproveitou a ocasión para iniciar a distribución do novo mapa turístico de Buño, que estará a disposición de todo o público tanto na oficina de información turística de Malpica como no Ecomuseo do Forno do Forte.

A Mostra da Olería volverá a celebrarse no Parque de Luciano García Alén, no que estarán abertas as casetas de venda de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, unha exposición do fotógrafo Peter Schneider, outra de artesanía, unha zona gastronómica e outra infantil. Pero a Mostra terá tamén como escenario o Ecomuseo do Forno do Forte, onde haberá a diario obradoiros de barro e exposición dos oleiros e oleiras de Buño.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
VENRES 4 DE AGOSTO
17.30 Concerto Raigañas no Parque Luciano García Alén
18.00 Acto oficial de inauguración
18.30 Visita ás instalacións da Mostra da Olería de Buño

CARTEL COCEDURA

SÁBADO 5 DE AGOSTO
11.00 a 20.00 Cocedura Tradicional no Forno do Forte
19.30 Actuación de Carcaxía no Parque Luciano García Alén
21.00 Carroa no Forno do Forte
22.30 Actuación de Pelepau no Forno do Forte

DOMINGO 6 DE AGOSTO
11.00 a 14.00 Descarga do Forno do Forte
13.30 Sesión vermú con De Vacas (Parque Luciano García Alén)

LUNS 7 DE AGOSTO – DÍA DO NENO
A partir das 17.30 Busca do tesouro e outras actividades

MARTES 8 DE AGOSTO
12.00 A 14.00 e 18.00 a 20 Ruta dos fornos guiada
22.30 Curtametraxes en familia

MÉRCORES 9 DE AGOSTO
19.00 e 21.00 Show The Momento Impro

XOVES 10 DE AGOSTO – FESTOLERÍA
A partir das 21.00 horas: Hellorice, The Cove, Cachas&Cousins, Dj Manuele Caamagno

VENRES 11 DE AGOSTO
17.30 Concurso infantil de modelado
21.00 Actuación Entrelas

SÁBADO 12 DE AGOSTO
17.30 Trofeo de fútbol MOB
21.30 Queimada tradicional e actuacións de Batuko Tabanka, Festicultores, Dj La SinCereza

DOMINGO 13 DE AGOSTO
12.00 a 14.00 e 18.00 a 20.00 Ruta dos fornos guiada
13.30 Sesión vermú coa Familia Caamagno

20Xul 2017

As nenas e os nenos de Malpica volven a “Pintar na rúa” para encher de cor o parque infantil

O vindeiro luns 24 arrancará a cuarta edición de “Pintar na rúa”, un proxecto de rexeneración urbana que ten a particularidade de que son os nenos e as nenas os que traballan, dirixidos por profesionais das artes plásticas. Este ano a monitora do obradoiro será a carballesa Laura Tova, que forma parte do colectivo artístico Crea Formas e que ten participado en proxectos como Derrubando Muros con Pintura.

Malpica, que foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, recuperou no verán do 2014 o proxecto “Pintar na Rúa” a través de dous obradoiros que permitiron transformar o muro exterior do Centro Cívico nun enorme lenzo no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade. A experiencia tivo tanto éxito que a Concellería de Cultura decidiu incluíla na programación de Malpica Verán, e, deste xeito, nos anos 2015 e 2016 desenvolvéronse os dous coloridos murais que decoran o Paseo da Praia.

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila, pero nesta ocasión traballarán no parque infantil da rúa Patria Galega desde o 24 de xullo ata o 7 de agosto, divididos en dous grupos en función das súas idades. O obradoiro vai destinado a nenos e nenas de 6 a 14 anos, e aínda quedan tres prazas dispoñibles. As familias que queiran máis información ou inscribir aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.

PINTAR NA RÚAVERÁN 2017

19Xul 2017

Malpica acolle esta fin de semana o festival de curtametraxes “Vai no mar”

FESTIVAL CURTAS

Este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo amplía a programación do Malpica Verán co Festival de Curtametraxes Vai no Mar, unha iniciativa que nace de maneira experimental pero coa intención de consolidarse dentro do Malpica Verán. O certame celebrarase esta fin de semana, de venres a domingo. A primeira sesión será infantil e desenvolverase no parque da rúa Patria Galega. Nas dúas seguintes, que serán no paseo marítimo e destinadas a adultos, ao remate de cada sesión haberá unha votación para elixir a mellor curta da noite.

Pero esta fin de semana non só haberá cine, senón tamén música. O venres 21, a partir das 23 horas, haberá música de baile en directo xunto á Casa do Pescador co Dúo Café. E o sábado, a partir das 20.30 horas, unha exhibición de baile e pasarrúas dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante. Esta actividade está organizada polos locais de hostalaría A Taberna de Lesto, Brebaxe, Burato, Cachón, Café do Mar, Casa Antonio, Don Paco, Humboldt, Ibarra, JB, Larada, Pepucho, Pescador, San Francisco, Santiago Apóstol, Submarino e Xemevedes.

18Xul 2017

Canido acollerá a vindeira fin de semana a 2ª Copa da Costa de fútbol praia

Os días 22 e 23 deste mes disputarase a segunda edición da Copa da Costa de fútbol praia no areal de Canido, e aquí tivo lugar a presentación coa participación de Eduardo Parga, Miguel Fernández e Iago Espasandín, alcalde, tenente alcalde e concelleiro de deportes do Concello de Malpica, respectivamente; Iván Barreiro e Carlos Calvete, xerente e director comercial de Alquileres Reneymar, empresa patrocinadora do evento; e Martín Varela, presidente da Asociación Deportiva Vidú.

presentación copa da costa de fútbol praia

As autoridades locais mostraron a súa satisfacción por acoller de novo esta competición que está medrando a pasos axigantados e que fomenta unha modalidade deportiva un tanto descoñecida na zona.

Pola súa parte, os representantes de Alquileres Reneymar mostraron o seu apoio total á organización, á cal lle deron todas as facilidades e todos os servicios que están nas súas mans para facer algo grande desta aposta do Concello de Malpica e da Asociación Deportiva Vidú, que lle dan continuidade a un evento único en Bergantiños coa intención de seguilo facendo durante moitos anos máis. Ademais, a empresa carballesa proporcionará un vale de 200€ en material de alquiler aos clubes que se proclamen campións en ambas categorías.

Mentres tanto, Martín Varela mostrouse encantado polo crecemento que está a ter esta competición e pola gran participación que haberá este ano con respecto á primeira edición, xa que nesta II Copa da Costa de Fútbol Praia serán seis equipos femininos e nove masculinos os que formarán parte dela.

Por último, dende a organización quixeron mandar unha mensaxe para animar a todos os afeccionados ao deporte a que se acheguen ata a praia de Canido durante toda a vindeira fin de semana na que o fútbol praia invadirá o areal malpicán.

14Xul 2017

Malpica lembra as Misións Pedagóxicas cunha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 84 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de “A doncela guerreira”, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala, unha vez máis, cun ciclo de monicreques ao aire libre.

O departamento de dirixe Noelia Freijeiro programa unha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste, que arrancará mañá sábado no parque infantil coa compañía Ghazafelhos e o espectáculo O vendedor de fume. As próximas actuacións terán lugar no paseo marítimo o 29 deste mes e o 12 de agosto. Na primeira, o grupo Paporrubio interpretará A danza dos paxaros, e na seguinte teremos a Lucecús Teatro con PingüSOS. En caso de choiva as funcións serán no auditorio do Centro Cívico.

Festival de Curtametraxes Vai no Mar
Pero este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo amplía o programa co Festival de Curtametraxes Vai no Mar, unha iniciativa que nace de maneira experimental pero coa intención de consolidarse dentro do Malpica Verán. O certame celebrarase do 21 ao 23 de xullo no parque infantil (sesión infantil) e no paseo marítimo (pases para adultos), e en cada una das dúas sesións para adultos haberá unha votación ao remate de cada sesión para elixir a mellor curta.

Carteis Retablo de Fantoches xullo 17

Página 11 de 14« Primera...910111213...Última »