A hostalería local pon en valor os sectores pesqueiro e oleiro na segunda edición da ruta de tapas “Malpica sabe a mar”
“Mestura mariñeira”, “Tapa de terra e mar”, “Chipirón do martillo con salsa lío”, “Chopo en tinta”, “Pementos do piquillo recheos de bacallau”, “Croquetas de polbo con grelos”, “Salpicón de rape e centola”, “Guiso de chipirón” e “Percebes con cachelos” son algunhas das apetecibles tapas que servirán ao longo da fin de semana os nove establecementos participantes na segunda edición da ruta “Malpica sabe a mar”. A posta en valor do sector pesqueiro é un dos obxectivos desta iniciativa organizada pola Concellería de Promoción Económica coa colaboración da hostalería local, e por iso todas as tapas terán entre os seus ingredientes un produto do mar.
A variedade e a calidade están garantidas en “Malpica sabe a mar”, que tamén contribúe á promoción da Olería de Buño, xa que os pratos nos que se servirán as tapas son de barro e foron elaborados ao xeito tradicional no Ecomuseo Forno do Forte.
Durante as tres xornadas que durará a ruta de tapas, os establecementos participantes repartirán case 800 premios entre os seus clientes. As tapas venderanse a 1,5 euros, e con cada unha entregarase un boleto que ofrece a posibilidade de conseguir premios directos: bolsas de tela de “Malpica sabe a mar”, botellas de distintas bebidas, mandís, camisetas… son algúns dos moitos agasallos que poderán conseguir as persoas que realicen a ruta. E ademais, grazas á implicación do propio sector hostaleiro, o sábado pola noite haberá animación en todos os locais a cargo dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante.
Coincidindo con “Malpica sabe a mar”, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo organiza unha ruta guiada en autobús por distintos recursos de interese histórico e patrimonial do concello que nos remontan á época do Renacemento, entre eles as Torres de Mens, que abriran as súas portas para acoller a un máximo de 25 persoas. O percorrido comezará o sábado ás 09.40 horas e rematará a tempo para gozar das tapas ao mediodía. As prazas xa están cubertas.
Hoxe venres ás 20 horas arrancará a segunda edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar nos establecementos Taberna do Lesto, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, O Pescador, O Burato e Café bar Santiago Apóstol. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas.