O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas bate un récord de participación cun total de 21 obras
A todos os motivos que fan especial este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas engádese unha cifra récord de participación, cun total de 21 obras presentadas. O vindeiro 4 de novembro farase público o fallo do xurado, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial, xa que se celebrará no Centro Cívico de Malpica e incluirá unha homenaxe a Paco Souto. O que foi secretario da Asociación Cultural Caldeirón, organizadora do certame coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, foi un dos principais impulsores do premio. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de “O home invisíbel”, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.
O xurado, do que formara parte o propio Paco Souto xunto con Antón Noceda, técnico de Cultura do Concello de Malpica, e Mario J. Valeiro, gañador da edición anterior, valorou “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle, así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”. O Concello de Malpica financia o premio, dotado con 1.000 euros, e a edición da obra.
O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 12 anos. A relación de gañadores das anteriores edicións é a seguinte:
- “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
- “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
- “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
- “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
- “Amantes”, María Lado
- “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
- “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
- “Dominio público”, Ramón Neto
- “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
- “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
- “O home invisíbel”, Xabier Queipo