Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. As Festas do Mar consolidan a vila de Malpica como unha das principais referencias turísticas da Costa da Morte

28Ago 2017

As Festas do Mar consolidan a vila de Malpica como unha das principais referencias turísticas da Costa da Morte

PROCESION (7)

Malpica volveu a estar abarrotada esta fin de semana. Despois dun mes de agosto de moitísima actividade cultural e lúdica, as Festas do Mar ofrecéronnos unha despedida do verán por todo o alto, con millares de persoas enchendo as rúas, as praias, o porto e mesmo os barcos que participaron na procesión marítima. As Festas do Mar, en definitiva, consolidaron a nosa vila como unha das principais referencias turísticas da Costa da Morte.

As celebracións comezaron o venres coa 17ª edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” , que xa acadou unha participación moi alta, con máis de cen inscritos/as e un total de 17 figuras realizadas. O bo tempo contribuíu a converter a praia no centro da actividade desas primeiras horas das Festas do Mar, que continuaron ofrecendo durante toda a xornada un variado programa musical. O sábado foi o día, ou máis ben a noite, grande de Malpica. Milleiros de persoas ateigaron as rúas, os establecementos de hostalería, as atraccións das festas e a carpa da verbena, onde non cabía un alfinete durante a actuación estelar do Combo Dominicano. Malpica quedou pequena, e as ringleiras de coches e a multitude de visitantes obrigaron a establecer medidas especiais de vixilancia. A falta de incidentes foi outro dos aspectos positivos das Festas do Mar.

O domingo foi o día central das celebracións relixiosas. O tempo respectou, agás por unhas pingueiras de choiva, a procesión marítima. A Virxe do Carme viaxou a bordo do “Ladrón de Bagdag” na súa travesía anual, na que estivo acompañada por decenas de embarcacións do noso porto. E, pola noite, a gran sesión de fogos puxo o broche a unha fin de semana redonda. Ata o ano que vén!