Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 17°
Mércores 16°
12°
Xoves 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

27Xul 2021

Teatro, música e cultura para toda a familia no mes de agosto en Malpica cos ‘Seráns na rúa’

A Concellería de Cultura de Malpica, dentro da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña, acaba de presentar unha programación para o mes de agosto repleta de teatro, música e diversión para todos os públicos. Os ‘Seráns na rúa’ comezarán o sábado 7 de agosto e celebraranse durante os fins de semana ata o día 21.

A primeira das actuacións será apta para todos os públicos e realizarase no paseo da Praia. O sábado 7 de agosto chega ‘Velliñas’, de Butaca Zero Inherente Teatro, a partir das 20:00 horas.

Nese mesmo horario, pero o sábado 14 de agosto, chegará o segundo dos espectáculos programados. ‘A música das buguinas’, de Mamá Cabra & Bellón e Maceiras, trátase dunha actuación para toda a familia que se representará na praza do Campo.

O domingo 15 de agosto será a quenda dunha cita musical dobre a Canido que comezará ás 21:00 horas co concerto de Arredores. Unha hora máis tarde, ás 22:00, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre continuarán co espectáculo enriba do escenario.

Finalmente, o sábado 21 de agosto a partir das 20:00 horas pecharanse os ‘Seráns na rúa’ coa representación de ‘Isolada’ a cargo de Pajarito. Neste caso, a obra está recomendada para maiores de 8 anos.

O aforo estará limitado a 50 persoas en todos os espectáculos agás nos concertos de Arredores con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, nos que estarán dispoñibles 150 entradas. Só será necesario reservar asentos no caso do concerto a través do enderezo malpicacultura@gmail.com. No resto de actuacións poderanse gardar asentos 30 minutos antes do seu inicio.

No caso de que queden entradas sen reservar, estará permitido o acceso ata completar o aforo máximo permitido. Para calquera dúbida ou consulta, está dispoñible o teléfono 981 707 104 (Departamento de Educación e Cultura) en horario de 9:00 a 13:00 horas.

24Xul 2021

O Concello favorecerá a conciliación de 30 familias do municipio co lanzamento do seu campamento urbano de verán

As solicitudes poderán tramitarse no departamento de Servizos Sociais do Concello entre o 26 e o 30 de xullo.

Promover a conciliación, a valoración da contorna e hábitos de vida saudables. Eses son os obxectivos que o Concello de Malpica busca alcanzar co lanzamento do seu campamento urbano de verán, no que poderán participar 30 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. O concelleiro de Benestar e Promoción Económica, Sergio García Villar, incide na intención do goberno local de “por en marcha medidas e iniciativas e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar, máis aínda na situación sanitaria actual”.

O programa, 100% gratuíto, terá lugar de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, arrincando o 2 de agosto e prolongándose ata o 31 dese mesmo mes. Ao longo das 22 xornadas de campamento, os nenos e nenas participarán en actividades de expresión artística, saídas de coñecemento e valorización da contorna, accións de sensibilización ambiental, papiroflexia, xogos na praia, e propostas vinculadas tamén á igualdade de xénero. Así mesmo, o 20 de agosto, os cativos e cativas participarán no XX Concurso de Barcanas e Castelos de Area Praia de Area Maior. A base dos campamentos será o Centro Cívico de Malpica, pero para realizar todas estas propostas levaranse a cabo tamén saídas á contorna.

As solicitudes poderán tramitarse no departamento de Servizos Sociais do Concello (1º andar do Centro Cívico) entre o luns, 26 de xullo, e o venres, día 30. Para acceder a toda a información sobre a convocatoria e á solicitude podedes facer clic na ligazón.

Protocolo covid-19

O campamento urbano de Malpica levarase a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Deste xeito, o Concello establecerá unhas medidas para a entrada e a saída dos nenos e nenas da instalación. Estas incluirán a identificación de cada participante e da nai/pai que recolla ou deixe á crianza. O documento de seguridade sinala, así mesmo, o control de temperatura á entrada da actividade, a desinfección de mans e o uso da máscara segundo indica a normativa en vigor. 

16Xul 2021

Malpica presenta a XXXVII Edición da Mostra de Olería de Buño que se celebrará do 12 ao 15 de agosto

O Concello de Malpica presentou esta mañá a XXXVII Edición da Mostra da Olería de Buño no Forno dos Mouróns ás 10:30 horas. Celebrarase do 12 ao 15 de agosto e seguirá as pautas da celebrada o pasado ano. Estiveron presentes o alcalde, Walter Pardo; a concelleira de Cultura e Olaría, Leticia Varela; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela; o edil de Turismo, Alfredo Cañizo e membros da Asociación Oleira.

O cartel está baseado nunha ilustración de Leandro Lamas, un pintor e ilustrador de Neda, que fixo a súa primeira exposición no ano 1998. A súa idea foi empregar as cores tradicionais da cerámica de Buño e a muller como protagonista, representada dando forma a unha peza. 

En canto á programación, tratarase de darlle protagonismo unicamente á olaría, habendo postos de venda, exposicións permanentes no parque Luciano García Alén e demostracións co torno. 

Contarase tamén con representacións folclóricas tradicionais mediante pasarrúas das asociacións culturais municipais e daráselle un protagonismo principal á muller oleira coa exposición “Sen elas non hai olería”, coa charla coloquio “Alfarería e a muller”, e conseguintemente tamén o espazo expositivo das xa coñecidas Zoquiñas Vermellas. 

Tamén haberá espectáculos para a rapazada con maxia, xogos tradicionais e obradoiros adaptados ás súas idades. 

8Xul 2021

Suelo Empresarial del Atlántico presenta en Malpica un plan para impulsar o polígono de Buño

Suelo Empresarial del Atlántico presentou esta mañá un plan para impulsar o polígono empresarial de Buño que inclúe tanto a promoción e difusión como a mellora da oferta económica.

Con este obxectivo, a xerente Beatriz Sestayo reuniuse no Concello co alcalde, Walter Pardo, o concelleiro Alfredo Cañizo, o concelleiro de Promoción Económica, Sergio García e o secretario da asociación de empresarios, Fernando Couto, para explicar a oferta de máis da metade da superficie en Dereito de Superficie.

SEA
Imaxe da xuntanza desta mañá | Suelo Empresarial del Atlántico

Dentro das medidas expostas para impulsar o polígono, no último Consello de Administración aprobouse ampliar a oferta de chan en dereito de superficie, a modo de alugueiro con opción a compra, a preto de 15.000 metros cadrados, co que se duplica a oferta existente ata o momento. As cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados.

Na modalidade de Dereito a Superficie, as empresas poden instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra do chan. Así, poderían continuar nesta modalidade durante un período de ata 30 anos ou ben optar por comprar a parcela, cunha redución parcial das cantidades abonadas previamente.

En paralelo, dentro das medidas adoptadas, Beatriz Sestayo presentou o vídeo promocional elaborado para impulsar o polígono industrial e que recolle a súa proximidade ao porto pesqueiro, á Coruña, a Santiago e as súas enormes posibilidades como área empresarial para distintos sectores. O vídeo foi entregado ao Concello e será difundido por “SEA”, dependente do Ministerio de Transportes a través do SEPES, en distintos foros económicos e empresariais.

O alcalde, Walter Pardo, en nome do goberno local, agradeceulle a Beatriz Sestayo “política e persoalmente o esforzo para promocionar o noso polígono, en busca de sinerxias co empresariado local para fomentar a economía e xerar emprego, obxectivos fundamentais para nós”, sinalou.

Pola súa banda, Beatriz Sestayo apuntou que “imos apostar por Malpica, e tentaremos dinamizar o polígono buscando distintas fórmulas que cremos que servirán de revulsivo, coa colaboración do Concello e atendendo as propostas das asociacións de empresarios”, explicou.

7Xul 2021

Malpica clausura os obradoiros de memoria e arranxos florais destinados a persoas maiores e con diversidade funcional

O Concello de Malpica clausurou esta mañá os obradoiros de memoria e arranxos florais destinados a persoas maiores e con diversidade funcional. Acudiu o concelleiro de Benestar, Sergio García.

Os talleres realizáronse tanto nas instalacións do Centro Cívico municipal como nas da Casa do Oleiro de Buño.

As persoas inscritas amosáronse moi ledas logo da experiencia, cuxo obxectivo prioritario foi o de promover a saúde mental e física destes colectivos logo dun período marcado pola ausencia de contacto social e as consecuencias da covid-19.

O concelleiro de Benestar, Sergio García, manifestou a súa satisfacción “co éxito da iniciativa, que completou todas as prazas dispoñibles ás poucas horas de abrirse a convocatoria”. Neste sentido, asegurou que “o goberno local seguirá apostando por organizar actividades que potencien o benestar de toda a veciñanza”.

23Xuñ 2021

A rapazada malpicá poderá gozar de campamentos e cursos deportivos durante todo o verán

A concellería de Deportes do Concello de Malpica preparou para os meses de xullo e agosto un amplo programa de campamentos para a veciñanza máis nova. As actividades inclúen campus de fútbol sala, deportes sobre rodas, de raqueta ou surfing, entre outras.

En total, Malpica conta con tres campamentos deportivos, que están destinados a mozas e mozos que saiban nadar e que naceran entre o 2008 e o 2014. As sesións impartiranse en horario de 10:30 a 14:00 horas en varias datas de xullo e agosto.

Por outra banda, a praia de Area Maior acollerá catro cursos de surf para rapazada de entre 8 e 13 anos que saiba nadar. Tanto os horarios como o número de prazas varía en cada un deles.

Celebrarase, ademais, un campus de deportes de raqueta para mozos de 7 a 14 anos, outro de deportes sobre rodas (ciclismo, skate, seguridade viaria…) de 8 a 15 anos e un campus de fútbol sala para nados entre 2008 a 2014.

A cota de inscrición será de 21,71 euros por participante. Deberá haber como mínimo seis persoas apuntadas para desenvolver as actividades.

Tamén se organiza o ‘Actívate na praia’, aberto a todas as idades e de carácter gratuíto, e sesións de tenis de mesa e bádminton no pavillón previa solicitude no rexistro municipal do Concello.

O prazo para anotarse nos campamentos xa está a aberto. O trámite deberá facerse de xeito presencial na Casa do Concello, onde se deberá presentar a documentación e aboar a correspondente cota. Desde a concellería de Deportes destacaron o “amplo abano de opcións para que a rapazada malpicá descubra ou siga practicando deportes no noso municipio, aproveitando as nosas instalacións e o noso entorno”.

22Xuñ 2021

O Ecomuseo Forno do Forte de Buño acollerá obradoiros de barro nos meses de xullo e agosto

O Ecomuseo Forno do Forte acollerá durante as tardes deste verán obradoiros de barro abertos para todas as persoas que se queiran achegar ás instalacións en Buño.

As actividades formativas comezarán o día 1 de xullo e estenderanse ata o 31 de agosto. As clases estarán limitadas a un máximo de 15 persoas á vez. Impartiranse de martes a sábado de 16:30 a 18:30 horas.

O taller está organizado conxuntamente pola concellería de Olería de Malpica e a Deputación da Coruña, ademais do propio Ecomuseo Forno do Forte. Segundo explicaron dende o goberno local, trátase dunha actividade coa que “dinamizar o tránsito de persoas polo recinto e seguir aproximando a olería e o traballo co barro á sociedade”.

O Concello de Malpica ten habilitado o teléfono 981 71 15 20 para máis información. Atenderanse chamadas de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

10Xuñ 2021

Malpica completa a limpeza do lavadoiro de Mens dentro do seu programa de acondicionamento de áreas recreativas

O Concello de Malpica rematou nos últimos días os traballos de limpeza e acondicionamento do entorno do lavadoiro de Mens. Esta actuación encádrase dentro dun programa de conservación das áreas recreativas de todas as parroquias do municipio que comezou nas últimas semanas.

Entre as tarefas que se están a realizar nestas intervencións está a roza da masa vexetal e a súa retirada, así como a limpeza do pavimento nos casos onde sexa necesario.

Ademais do acondicionamento destes espazos, o Concello está a executar paralelamente os traballos de desbroce nas marxes da rede viaria municipal. A intención é completar o acondicionamento de todas as parroquias ó longo dos meses de verán.

Desde o goberno local destacaron “a importancia destas actuacións, que a pesar de que poidan parecer algo rutineiro, son moi necesarias para que a veciñanza poida gozar do noso entorno agora que chegou o bo tempo”. “No caso da limpeza das estradas, os traballos avanzan a bo ritmo e agardamos poder asegurar a condición de circulación nas pistas asfaltadas municipais nas vindeiras semanas”, concluíron.

9Xuñ 2021

Malpica presenta a XVI edición do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’

O Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’ chega este ano á súa XVI edición de man da concellería de Cultura do Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. O galardón deste ano constará da publicación da 1ª edición da obra gañadora e dun premio en metálico de 1.500 euros.

Este mércores presentáronse as bases do concurso nun acto na Casa do Concello no que participaron o alcalde, Walter Pardo, a concelleira de Cultura, Leticia Naya, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, poderán optar ó premio todas aquelas autoras e autores que presenten un libro inédito de temática erótica en galego e que non recibira galardóns previamente. Os textos deberán enviarse en formato PDF ó correo electrónico premio@caldeiron.org ata a medianoite do 19 de setembro do 2021.

O galardón componse dun premio en metálico de 1.500 euros e a publicación da 1ª edición da obra na colección Illas Sisargas da Editorial Calderón, cunha tirada de 400 exemplares.

1Xuñ 2021

A Xunta asegura que os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán a vindeira semana

Os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán, segundo asegurou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a partir da semana que vén.

Esta confirmación chegou durante unha reunión que mantivo en Santiago o alcalde, Walter Pardo, coa titular do organismo autonómico. Nesta xuntanza abordáronse diversas problemáticas que afrontan os espazos portuarios do municipio para intentar atopar unha solución o antes posible.

Entre as prioridades para o goberno local e a veciñanza de Malpica está a reapertura da vía que une o porto e a lonxa, que necesita duns traballos de apuntalamento para poder asegurar as súas condicións de circulación. Segundo explicou a presidenta de Portos de Galicia, o inicio dos traballos preparativos para esa intervención está marcado na primeira quincena de xuño.

O rexedor malpicán trasladou unha vez máis a “preocupación de moitas familias que dependen directa e indirectamente desta actuación” e instou ó organismo a rematar os traballos no menor tempo posible.

Por outra banda, tamén se insistiu na necesidade de buscar unha solución para as saídas da dársena coa que asegurar as condicións de seguridade das embarcacións e do persoal a bordo. Portos de Galicia afirmou ter en marcha estudos técnicos para reducir este risco.

Entre os temas tratados tamén estivo a urxencia de aprobar un convenio para regular o uso dos espazos portuarios para outras actividades, a autorización para a pesca deportiva en algunhas zonas dos portos e o arranxo da grúa do porto de Barizo.

Infraestruturas do porto

O alcalde, Walter Pardo, tamén solicitou a colaboración do ente autonómico para lograr a substitución de parte do mobiliario do porto malpicán que se atopa a carón da dársena seca.

Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comprometeuse a estudar a opción de substituír os elementos deteriorados por outros cun material que poida manterse mellor conservado.

Página 38 de 148« Primera...102030...3637383940...506070...Última »