Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lanza a convocatoria para a recepción de obras na súa 17ª edición

27Mai 2022

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lanza a convocatoria para a recepción de obras na súa 17ª edición

O Concello de Malpica acolleu a presentación dunha cita que xa é unha referencia do xénero nas letras galegas

O XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas púxose en marcha coa presentación da cita nun acto que tivo lugar na mañá deste venres na Casa do Concello de Malpica. O concurso literario, nacido no ano 2005, converteuse neste tempo nunha referencia deste xénero literario nas letras galegas, atraendo cada ano a un maior número de participantes.

No acto desta mañá participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, a concelleira de Cultura , Noelia Freijeiro, e o presidente da asociación cultural Caldeirón (entidade que convoca o certame), Paco de Tano.

Eduardo Parga destacou que é “unha honra” presentar un ano máis a cita, que comezou en 2005 cando, segundo lembrou, el era concelleiro de Cultura. “Despois de 17 anos vense claramente os logros acadados, cunha participación cada vez maior, obras moi interesantes e de gran calidade”.

Pola súa banda, Paco de Tano lembrou, do mesmo xeito que o alcalde, a figura de Paco Souto, falecido en 2017, como un dos impulsores deste premio. “Paco e mais eu cumprimos un soño cando o premio se fixo realidade. Agora sabemos que isto non terá fin, e mesmo seguirá despois de nós. Queremos dicirlle a Paco Souto que, alá onde estea, isto segue adiante”.

Bases

Ao premio poderán optar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro inédito de temática erótica non premiado con anterioridade e escrito en lingua galega, en calquera das súas normativas recoñecidas. O prazo de admisión finaliza o 18 de setembro. As obras deberán enviarse ao enderezo premio@caldeiron.org.


Establécese un premio único de 1.500 € (suxeitos ás retencións correspondentes) e a publicación da 1ª edición da obra, con 400 exemplares, na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón.


O resto das bases pode consultarse nesta ligazón: