Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
10°
Domingo 17°
11°
Luns 16°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Manifesto de condena contra a violencia de xénero. Malpica, 31 de maio de 2022

31Mai 2022

Manifesto de condena contra a violencia de xénero. Malpica, 31 de maio de 2022

En primeiro lugar, quero agradecer a vosa presenza nesta concentración en repulsa da violencia de xénero. Unha lacra contra a que levamos anos loitando para erradicala. Pero, moi ao noso pesar, cada día está máis presente na nosa sociedade.

Ao falar de violencia de xénero, o primeiro que vén á mente son os empurróns, os golpes ou as agresións físicas. Pero estamos equivocados, o agresor comeza sometendo a vítima aos poucos, apartándoa das súas amizades, da súa familia, controlando os seus  movementos, a súa roupa, o seu peiteado, a súa maquillaxe, as súas chamadas… Todo.

Nos primeiros seis meses do ano 2022, 17 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou ex-parella; 1144 dende o 2003, ano no que se comezaron a recompilar estes datos. Aínda que tamén deberiamos de contabilizar as vítimas de agresións, como a acontecida na madrugada do luns en Carballo, a cal lle desexamos que se recupere pronto das graves lesións que sofre. E oxalá que pronto poida abrazar aos seus pequenos, a súa familia e amizades e comece con fortaleza unha nova vida coas súas crianzas.  Porque, cantas mulleres son vítimas de violencia de xénero realmente? Cantas mulleres permanecen caladas no anonimato por medo?   

Por iso, desde aquí pedímoslles que venzan os seus medos e se atrevan a pedir axuda  para saír do pesadelo ao que están sometidas. Lembrámoslle que poden atopar apoio profesional gratuíto no teléfono 016, enviando unha mensaxe de Whatsapp no 600 000 016 ou a través da dirección de correo 016-online@igualdad.gob.es. Aí atoparan axuda para elas e as súas crianzas, protección, e o asesoramento xurídico e psicolóxico que precisen.

Xa para rematar, queremos dicir que todos e todas os que estamos aquí presentes damos un paso adiante para condenar calquera tipo de violencia física ou psíquica e brindarlle a axuda que necesiten ás vítimas.

Moitas grazas

María Soledad Blanco Gorín

Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade