Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 19°
17°
Domingo 21°
17°
Luns 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

18Nov 2021

A concellaría de Promoción Económica prepara unha campaña de Nadal para potenciar o comercio local

Por cada 20 euros de compra, a clientela dos negocios adheridos poderá optar a un vale de 100 € para gastar nos mesmos

Achégase o Nadal, unha das datas do ano nas que máis se consume. Dende a concellaría de Promoción Económica de Malpica, conscientes de que cada vez máis os obstáculos para o comercio local son maiores debido ás grandes superficies e á venta en liña, temos preparada unha campaña que fomente a compra nos locais da nosa localidade.

Unha quincena de negocios adheríronse á iniciativa, que consistirá no seguinte: por cada compra de 20 euros nestes establecementos, a clientela optará a gañar un vale de 100 € para gastar nestas empresas. En total son cinco vales de cen euros. Botará a andar o 5 de decembro e rematará o 6 de xaneiro, momento no que se fará un sorteo público do que sairán os gañadores.

Estes son os locais adheridos: Almacenes Armas, Asfeco Asesores, A Tenda de Vera,  Calzados LC, Elemoba, Estanco Vanessa Varela Morales, Estanco Visi, Farmacia Atlántico, Gemma Chouciño Estética, Joyería Pallas, Librería Casa Pardo, Librería Miguens, Peluquería Cristal, Peluquería Isabel e Torrado Anido SL.

Este ano viviremos “Un Nadal de premio no comercio de Malpica”. Así se chama a campaña. Dende o Concello animamos a toda a veciñanza a participar.

16Nov 2021

Bandas galegas e internacionais estarán presentes no Festival Rock de Malpica

A Concellería de Turismo e Festexos do Concello de Malpica organiza o Festival Malpica Rock.

O evento terá lugar o vindeiro sábado 4 de decembro e albergará diversas actuacións musicais de bandas tanto galegas como internacionais, como é o caso de 58 Shots, unha das bandas máis excitantes que xurdiron na escena musical francesa.

O seu estilo de hard rockin´blues crudo resoará no Concello de Malpica xunta grupos da talle de Ambigüo (Laracha) de Indie Pop Rock ambiguo, El Puto Antón + artistas convidados e Recambios Tucho nado no seo de Heredeiros da Crus no ano 2000.

O Festival Malpica Rock levarase a cabo na Rúa Eduardo Vila Fano e as actuacións darán comezo a partir das 21:30 horas, tamén haberá carpa.

16Nov 2021

O Concello de Malpica rexistra 8 casos de covid-19

A subida respecto ao pasado martes é de 6 positivos

O Concello de Malpica informa que, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, o municipio rexistra 8 casos positivos de covid-19 a día de hoxe, 16 de novembro. A subida con respecto ao pasado martes, día 9, isto é, hai unha semana, é de 6, pois por esas datas eran 2 os contaxios detectados.

Dende o consistorio pedimos prudencia a todos os veciños e veciñas para frear este crecemento.

15Nov 2021

«Liberto» é a próxima cita da Mostra de Teatro de Malpica

A historia de Ada deixará mudos aos asistentes

Este venres, día 19 de novembro, chega a cuarta cita da XVII Mostra de Teatro do Concello de Malpica. «Liberto», de Rebordelos S. L., será protagonista no auditorio do Centro Cívico. A obra pertence ao xénero do drama e terá unha duración de 80 minutos. Está pensada, sobre todo, para o público adulto.

A través desta interpretación, percorreremos a viaxe de Ada, unha muller nova que conta en primeira persoa a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento do seu segundo fillo. Durante o parto, o neno estivo un tempo sen osíxeno. Son dúas semanas de infinitos sentimentos que levan á protagonista a reflexionar sobre que o amor se manifesta de distintas formas, pero sempre esixe valentía.

Como xa é habitual, o horario programado será a partir das 20.30 e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas en asistir poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com. Deberán indicar o nome e os apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.

Outras dúas mostras están previstas para o que resta de mes e, tres máis, para decembro, sendo todas elas moi diversas e pensadas para os distintos públicos. Esta programación conta coa colaboración da área de cultura da Deputación da Coruña: @DACCultura en Twitter e facebook.com/Culturadac

15Nov 2021

Malpica afondará en dúas especies mariñas como son a zamborca e a saboga

Será a través dunha xornada, o próximo venres, na confraría

A confraría de pescadores de Malpica prepara, co apoio da Concellaría de Cultura, unha xornada divulgativa sobre dúas especies como son a zamborca e a saboga, coñecidas máis tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Será este venres, día 19 de novembro, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da confraría.

Na charla darase a coñecer o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño. O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón, ambos da USC, serán os poñentes.

«Sempre loitamos por visibilizar a importante función social, educativa, histórica e científica que desenvolvemos e, que na maioría das ocasións, non sae a relucir se non é con xornadas coma esta», trasladan dende a confraría malpicá. Este estudo está financiado polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.

14Nov 2021

A Cea das Letras 2021, unha nova edición exitosa

A obra de Andrea Fernández Maneiro, “Edénicas”, gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

A Casa da Cultura de Seaia acolleu este sábado 13 de novembro unha nova edición da xa consolidada Cea das Letras. A asociación Caldeirón de Malpica promoveu a Cea das Letras 2021, un evento que resultou todo un éxito.

Na Cea das Letras tamén degustáronse as tradicionais filloas da pedra que se prepararon no momento

Gastronomía e cultura unidas nun só evento coa celebración desta cita á que acudiron numerosos persoeiros .

A Cea das Letras 2021, organizado tamén polo Concello de Malpica e que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, deuse a coñecer á gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, salientou a importancia do Certame no panorama literario e lembrou os inicios desta cita coa poesía, “dende hai dezaseis anos. Foi unha aposta cando eu era concelleiro de Cultura e daquela non imaxinábamos nunca chegar ata aquí”.

Engadiu que durante estes anos todos, polo Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas “pasaron moitosescritores e escritoras que colocaron no seu lugar ao Concello de Malpica” no marco destas citas literarias.

Nesta edición o galardón recaeu na escritora Andrea Fernández Maneiro coa súa obra “Edénicas”. O xurado escolleuna por unanimidade “polo seu sutil erotismo e pola súa luz poética” entre outros.

Neste acto tamén se presentou o libro “Na república da intimidade”, de Ricardo Seixo.

As cantareiras de Raigañas e Farrapos amenizaron a velada, na que a olaría de Buño estivo moi presente tanto nos agasallos como na propia vaixela para degustar unas deliciosas filloas cociñadas no momento.

13Nov 2021

Malpica é a capital do surf nacional e galego esta fin de semana

O Concello de Malpica convértese esta fin de semana na capital do surf. A praia de Area Maior acolle estes días as probas da Liga Galega e o Campionato Nacional de Longboard.

A praia malpicá foi o escenario escollido para levar a cabo este sábado e domingo, 13 e 14 de novembro, a 4ª Proba do Circuíto Nacional de Longboard e a 2ª Proba Liga Galega Open, Máster e Sub 18 Longboard.

O evento está organizado pola Federación Galega de Surf, Federación Española de Surf e a escola local One Surf Academy, e colaboran o Concello de Malpica , Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Esta gran cita co surf estaba programada inicialmente para celebrarse a finais do pasado mes de outubro, pero debido ás condicións climatolóxicas e do mar tivo que ser aprazada ata o día de hoxe. Desta volta o tempo si acompañou ás e aos participantes das probas e permitiu que moitos espectadores se achegase ata a praia de Area Maior para presenciar o espectáculo.

12Nov 2021

A obra “Os Nenos da Variola” marcaron a terceira xornada da Mostra de Teatro en Malpica

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu na tarde deste venres 12 de novembro a terceira xornada da XVII Mostra de Teatro.

O público malpicán puido gozar da representación desta obra de teatro da compañía Pérez & Fernández. Trátase dunha adaptación á escena da novela de María Solar, “​Os Nenos da Variola​”, na que as e os asistentes, puideron

achegarse un pouco á vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que se converteron en heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Unha expedición que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

A seguinte cita desta edición da Mostra de Teatro, organizada polo Concello de Malpica coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña, será o vindeiro venres 19 de novembro coa representación de “Liberto”, da compañía Rebordelos S.L. Coñeceremos a través desta función a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.´

Ao igual que en todas as funcións da Mostra de Teatro, a de “Liberto” dará comezo ás 20:30 horas e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas en asistir, poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva. 

9Nov 2021

O Concello de Malpica tamén vai “DE FRONTE á violencia de xénero”

De novo e un ano máis, o Concello de Malpica adhírese á campaña impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña: “DE FRONTE á violencia de xénero” con motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

No marco desta campaña ofértanse diversas actividades e talleres virtuais nos que se abordan cuestións de gran interese tanto para os profesionais que traballan no seu día a día con mulleres, como para toda a cidadanía. Dende o Concello de Malpica queremos animar a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades programadas e ir De Fronte á violencia de xénero.

Amais, dende a Área de Igualdade do concello están a ultimarse os detalles para celebrar outro acto realizado por expertos e especialistas que traballan a diario con mulleres que sufriron violencia de xénero. Nos próximos días agardamos poder presentalo e convidar a toda a veciñanza a participar.

9Nov 2021

Este sábado celébrase unha nova edición da Cea das Letras

A xa consolidada Cea das Letras, organizada pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica celebrarase este vindeiro sábado 13 de novembro ás 20:30 horas.

Nesta cita gastronómica-cultural, que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, darase a coñecer o fallo do xurado do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

No acto, que que terá lugar na Casa da Cultura de Seaia, tamén se fará a presentación do libro “Na república da intimidade” de Ricardo Seixo. A Cea das Letras 2021 contará amais coas actuacións musicais das Cantareiras de A.C. Raigañas e Farrapos.

Todas as persoas interesadas en asistir á Cea das Letras, que ten un prezo de 20 euros, poden reservar praza chamando á Asociación Cultural Caldeirón no teléfono 649 507 285 ou ao Concello de Malpica no 981707104.

Página 39 de 153« Primera...102030...3738394041...506070...Última »