Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 17°
14°
Xoves 17°
13°
Venres 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

26Set 2015

A Escola Municipal de Educación Física amplía a súa oferta para os nenos e nenas en idade escolar

O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de outubro no Departamento de Deportes ou nos respectivos centros escolares

540-f-foto



Escola de porteiros, ximnasia rítmica, fútbol, baloncesto, psicomotricidade, patinaxe e aerobic integran a oferta da Escola Municipal de Educación Fïsica (EMEF) do Concello de Malpica para as nenas e os nenos en idade escolar, que vén de facer pública o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín.







O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de outubro no Departamento de Deportes (de 09.00 a 14.00 horas), nos respectivos colexios, a través do número de teléfono 981 720 001 ou do correo electrónico pablo.lista@malpica.dicoruna.es. No cadro adxunto pódese consultar a oferta completa por horarios, idades e centros.

Así mesmo, segue aberto o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Tenis, dirixida tanto a nen@s coma a adult@s, aínda que se requirirá un mínimo de participantes para que se poña en marcha. As sesións de adestramento, dirixidas polo Club de Tenis Punta Salera, da Pobra do Caramiñal, desenvolveranse os domingos no polideportivo. Hoxe ás 12 horas celebrarase unha xuntanza con tod@s @s interesados no salón de plenos do Concello.

Os e as maiores de 16 años tamén poden participar nos cursos de ximnasia terapéutica (grupos en Malpica e Buño) e zumba (Malpica). Máis información no Departamento de Deportes.

25Set 2015

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia achega material escolar ás familias con nenas e nenos

O servizo ten nestes momentos un total de 21 familias usuarias

540-f-foto

O banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e a Concellería de Servizos Sociais, presta unha atención especial aos máis pequenos/as coincidindo co inicio do curso escolar. No reparto correspondente ao mes de setembro o banco de alimentos achegou ás familias con nenos e nenas en idade escolar mochilas equipadas con todo tipo de material de escritura e debuxo, complementando así outro tipo de axudas ás que poidan acceder.

Nos dous anos que leva en funcionamento, o banco de alimentos do Concello de Malpica non só se encarga de subministrar produtos non perecedoiros e alimentos frescos de temporada ás 21 familias usuarias que ten nestes momentos, senón que tamén atende outras necesidades, coma o acondicionamento e/ou amoblamento das vivendas ou, coma neste caso, a achega do material preciso para os nenos e nenas en idade escolar. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, estivo acompañada no reparto polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, ademais de persoal do departamento.

24Set 2015

O Departamento de Servizos Sociais convoca novos obradoiros de memoria e de iniciación á informática

O Concello de Malpica reforza a súa oferta de actividades formativas para maiores, persoas con diversidade funcional e mulleres
540-f-foto

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, reforza a súa oferta de actividades formativas para as persoas maiores e/ou con diversidade funcional coa convocatoria de obradoiros de memoria e de iniciación á informática que se desenvolverán a partir do 5 de outubro e durante todo o curso.

 

Os talleres de memoria terán lugar na Casa do Oleiro de Buño e no Centro Cívico de Malpica, nos dous casos en horario de 10.30 a 12.00. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O obradoiro de iniciación á informática, dirixido tamén tanto a maiores coma a persoas con diversidade funcional, impartirase todos os luns de 12.00 a 13.30 horas na Casa do Oleiro de Buño. Coma no caso anterior, as prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os/as interesados/as poden solicitar información ou anotarse no número de teléfono 981 720 280.

 

Así mesmo, ata o 2 de outubro segue aberto o prazo de solicitude de praza para as primeiras actividades incluídas no programa Conectad@s, unha iniciativa da Área de Igualdade que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero.

 

A oferta inclúe un curso de alfabetización dixital para mulleres e outro de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos. As persoas interesadas en participar deben anotarse antes do 2 de outubro no departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica ou a través dos números de teléfono 981 720 280 ou 981 707 104. Hai dez prazas por grupo. O curso de alfabetización dixital para mulleres desenvolverase do 7 de outubro ao 9 de decembro en horario de 10.30 a 12.00, mentres que o de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos terá lugar nas mesmas datas pero de 12.00 a 13.30 horas, os dous na Casa do Oleiro de Buño. 

 

23Set 2015

A Agrupación de Protección Civil de Malpica conta cunha das bases mellor equipadas da comarca tras anos de abandono

O alcalde e o tenente de alcalde reuníronse hoxe con voluntarios da agrupación e presentaron o novo remolque de emerxencias
540-f-foto

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños conta cunha das bases mellor equipadas da comarca. E esa dotación, que inclúe tamén dous vehículos e un edificio propio totalmente reformado despois de varios anos de abandono, vén de mellorar coa entrega, por parte da Xunta de Galicia, dun remolque de emerxencias dotado dun xerador de electricidade, equipo de iluminación, bombas de achique para augas residuais e pluviais, luces de sinalización de accidentes, conos, motoserra, desbrozadora, garrafas e todo o material de autoprotección correspondente. Hoxe realizouse a presentación oficial do novo remolque, nun acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da agrupación, Iván Muíño, e un grupo de voluntarios de Protección Civil.

 

O alcalde e o concelleiro, que mantiveron unha reunión cos voluntarios, expresaron hoxe de novo o compromiso do goberno municipal coa agrupación e manifestaron a súa disposición a seguir mellorando o equipamento e as instalacións.

 

O Concello de Malpica continuará deste xeito coa política iniciada no ano 2011 para dotar convenientemente o grupo local de Protección Civil. A base, que levaba 11 anos construída, atopábase nun estado de abandono absoluto, polo que ao longo destes catro anos foi preciso cambiar os teitos, ventás, portas, solos, solucionar os problemas de humidade, pintar e amoblar as dependencias. Nestes momentos, o edificio conta cunha ampla zona de recepción e operacións, baños, almacén-garaxe, despacho, vestiario-zona de lecer e cociña perfectamente equipados. Tamén se acometeu a maior parte da urbanización exterior, na que participaron os propios voluntarios e voluntarias e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, coa execución directa das obras.

 

Os próximos obxectivos son a ampliación da base e a adquisición dunha nova embarcación de salvamento.

 

22Set 2015

A Área de Igualdade do Concello de Malpica promove as TIC entre mulleres e maiores a través do programa Conectad@s

Aberto o prazo de inscrición para os dous primeiros cursos: alfabetización dixital para mulleres e novas tecnoloxías para maiores de 55 anos
540-f-foto

Tras a incorporación da nova técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, o Concello de Malpica pon en marcha unha serie de iniciativas encamiñadas a promover a igualdade entre homes e mulleres, a integración, a comunicación e a inserción profesional das mulleres en idade de traballar.  Con esta filosofía arranca o programa Conectad@s, que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero.

 

As primeiras actividades xa están en marcha. Onte abriu o prazo de inscrición para un curso de alfabetización dixital para mulleres e para outro de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos que se desenvolverán ata mediados de novembro na Casa do Oleiro de Buño. As persoas interesadas en participar deben anotarse antes do 2 de outubro no departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica ou a través dos números de teléfono 981 720 280 ou 981 707 104. Co obxectivo de ofrecer unha formación máis personalizada e eficaz establécese un límite de dez prazas por grupo.

 

O curso de alfabetización dixital para mulleres desenvolverase do 7 de outubro ao 9 de decembro en horario de 10.30 a 12.00, mentres que o de novas tecnoloxías terá lugar nas mesmas datas pero de 12.00 a 13.30 horas. Neste último, a participación está reservada a persoas de 55 anos ou máis.

 

21Set 2015

Os novos farois do paseo marítimo reforzan o compromiso do Concello de Malpica coas medidas de aforro enerxético

O proxecto, financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, incluíu a substitución das lámpadas de vapor de sodio por haloxenuros metálicos
540-f-foto

O paseo marítimo de Malpica loce un novo alumeado moito máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. O Concello, dentro da súa política de posta en marcha de medidas de aforro enerxético, vén de acometer a substitución das antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2015. A actuación, executada pola empresa Grupo Mariño Obras e Servizos por un importe de 72.600 euros, incluíu tanto a substitución das lámpadas coma dos farois, polo que o cambio percíbese tamén de día, aínda que é especialmente significativo pola noite.

 

As lámpadas de haloxenuros ou ioduros metálicos caracterízanse por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada. Por todas esas funcións son utilizadas, sobre todo, para a iluminación de campos de deporte, prazas e grandes espazos.

 

19Set 2015

A UD Cerqueda fai a súa primeira achega ao banco de alimentos

O goberno municipal agradece a iniciativa da xunta directiva do club, que inicia deste xeito unha colaboración estable coa área de Servizos Sociais
540-f-foto

A Unión Deportiva Cerqueda comezou a súa colaboración estable coa área de Servizos Sociais do Concello de Malpica coa entrega ao banco de alimentos dos produtos adquiridos coa recadación do Torneo Solidario Os Petóns. Pasta, conservas de peixe, verduras e hortalizas, cacao, aceite e azucre forman parte dunha lista da compra moi especial, en primeiro lugar porque vai contribuír a cubrir as necesidades de 21 familias do municipio e, en segundo lugar, porque pon de manifesto que o fútbol pode ir moito máis aló do estritamente deportivo.

 

O presidente da UD Cerqueda, Roberto García, acompañado por outros membros da xunta directiva e o capitán do equipo, fixo entrega onte de alimentos non perecedoiros por valor de 406 euros, superior aos 379 que se recadaron no torneo de finais de agosto. Por parte do Concello de Malpica asistiron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, que agradeceron o xesto solidario da UD Cerqueda e reiteraron o seu compromiso coa atención permanente ás familias con máis necesidades.

 

19Set 2015

Malpica acollerá mañá unha concentración de coches clásicos

Arredor de 25 vehículos realizarán un percorrido pola vila e estarán expostos xunto á Casa do Pescador
540-f-foto

Os afeccionados aos coches clásicos teñen unha cita este domingo en Malpica, porque a nosa vila será o destino da caravana do Coruña Veteran Car, un club de automóbiles históricos fundado no ano 1999 e que, entre outras moitas actividades, organiza o tradicional Rally Teresa Herrera.

 

Na concentración, na que colabora o Concello de Malpica, participarán arredor de 25 coches, que sairán ás 10 da mañá dende o paseo marítimo do Burgo en dirección a Malpica, onde farán un percorrido polo pobo e permanecerán expostos xunto á Casa do Pescador.

 

Os participantes na concentración de vehículos clásicos serán recibidos á súa chegada na casa consistorial polo alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín.

 

18Set 2015

Sesenta persoas iniciaron hoxe os cursos de manualidades organizados pola Concellería de Servizos Sociais

As actividades funcionarán durante todo o curso na capital municipal e Buño
540-f-foto

Un total de 60 veciñas e veciños do municipio de Malpica participan nos talleres de manualidades para maiores e/ou persoas con diversidade funcional organizados pola Concellería de Servizos Sociais e que se prolongarán durante todo o curso.

Hoxe foi o primeiro día dos obradoiros, que arrancaron pola mañá no Centro Cívico para un grupo de oito persoas con diversidade funcional. Pola tarde empezaron as maiores de Buño, un total de vinte, e as de Malpica, onde a actividade bate un récord con 32 participantes. Debido a este éxito, este ano será preciso facer dous grupos. Na inauguración participaron o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que estiveron acompañados polos concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín e polas monitoras dos cursos, Lucía Villanueva e Chelo García.

 

Ao mesmo tempo lembramos que segue aberto o prazo de matrícula nos obradoiros de animación teatral e manualidades organizados pola Concellería de Educación e Cultura para nen@s e adult@s.

 

17Set 2015

A Asociación Caldeirón pechará o día 30 o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O premio, dotado con 1.000 euros e a publicación da obra, cumpre 10 anos
540-f-foto

O vindeiro 30 de setembro remata o prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica. As bases do premio, que acada a súa décima edición, son as seguintes:

 

PRIMEIRA.

 

Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.

 

SEGUNDA.

 

Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ó/á gañador/a  trinta exemplares.

 

TERCEIRA.

 

As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.

 

As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.

 

CUARTA.

 

O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de 2015, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños Avda. Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “X Certame de poesía erótica Illas Sisargas”.

 

QUINTA.

 

O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que, non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.

 

SEXTA.

 

Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.

 

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous terzos dos seus membros.

 

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

 

O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios autores/as se o xurado o estima conveniente.

 

A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2015 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.

 

SÉTIMA.

 

Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte serán destruídas.

 

OITAVA.

 

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.