Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Xaneiro

Xaneiro 2019

29Xan 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño superou no 2018, por terceiro ano consecutivo, os 20.000 visitantes

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Por terceiro ano consecutivo, o Ecomuseo do Forno do Forte superou os 20.000 visitantes no 2018. En concreto foron 20.275, 42 máis ca no ano 2017 e 204 máis ca no 2016. O bo tempo prolongado durante case todo o ano, que contribuíu ao incremento dos turistas individuais e das visitas de entidades e turoperadores, xunto cun pequeno aumento des colexios (dous máis ca no ano anterior), foron dous factores clave para seguir mellorando as cifras.

Os escolares supoñen o 11,3% do público, xa que polo ecomuseo de Buño pasaron o ano pasado 2.293 nenos e nenas de máis de 40 centros educativos. Como xa sucedera o ano anterior, en momentos puntuais foi preciso contratar persoal de apoio para poder atender a demanda dos colexios, xa que, ademais de mergullarse na historia da olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través da visita guiada ao complexo, os rapaces convértense en oleiros por un día nos obradoiros infantís que se desenvolven no cabanote.

Pero as principais visitas colectivas son as organizadas por entidades e turoperadores. De feito, o Forno do Forte foi o destino o ano pasado de 81 excursións, que achegaron ata Buño a un total de 4.108 visitantes.

En canto aos visitantes individuais, a maioría son da contorna. A Coruña é a cidade galega que máis visitantes achega, seguida de Vigo e Santiago, e o ano pasado notouse un aumento de persoas procedentes das Rías Baixas e da Mariña Luguesa. De fóra de Galicia, Madrid é a comunidade que “envía” máis turistas ao ecomuseo. A continuación sitúanse Cataluña e Comunidade Valenciana, e increméntanse as visitas dende Andalucía e Castela León. Francia e Gran Bretaña son, así mesmo, os países de orixe da maior parte dos visitantes estranxeiros, e dende o outro lado do Atlántico dominan os de Sudamérica, aínda que tamén tivemos algún de Estados Unidos.

Se aínda non coñeces o Forno do Forte, aproveita para visitalo en calquera época do ano. Estes son os nosos horarios:

HORARIO DE INVERNO (NOVEMBRO A FEBREIRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 18:00
Luns pechado

HORARIO DE VERÁN (MARZO A OUTUBRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 19:00
Domingo
Mañá: 10:00 a 14:00
Luns pechado

ESTE HORARIO AMPLÍASE DURANTE A SEMANA SANTA E A MOSTRA DE OLERÍA

23Xan 2019

O paseo marítimo de Malpica estrea varandas de aceiro inoxidable

VARANDA PASEO 2

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, no paseo

A Concellería de Obras e Servizos de Malpica vén de acometer, con fondos municipais, a renovación das varandas do paseo marítimo. Hoxe mesmo rematou a colocación dos novos elementos de protección, que están fabricados en aceiro inoxidable pulido, semellante ao que se utiliza nos barcos, para garantir a súa durabilidade.

VARANDA PASEO 3

Detalle das varandas

O concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, explicou que as varandas anteriores atopábanse en moi mal estado, froito do deterioro de case trinta anos, e que representaban un perigo potencial para as persoas usuarias do paseo. Mellorar a seguridade da veciñanza e visitantes é o principal obxectivo do investimento que vimos de realizar, que, ao mesmo tempo, introduce un elemento de primeira calidade nun dos nosos principais recursos turísticos e un dos espazos públicos máis frecuentados do noso concello.

11Xan 2019

O Club Travesía Sisargas entregou ao banco de alimentos un quilo por cada participante na edición do 2018

O Club Travesía Sisargas vén de entregar no banco de alimentos de Malpica un quilo de alimentos por cada un dos participantes na edición do 2018. En total, 160 quilos de produtos non perecedoiros para as familias do noso concello con menos recursos, nun novo exemplo de compromiso social do deporte malpicán.

A travesía Sisargas cumprirá dez anos neste 2019, e, tal como comentou o seu impulsor, Daniel Gambón, dende a organización xa se está traballando en colaboración co Concello de Malpica para incluír “novidades importantes”. De momento xa podemos adiantarvos a data da proba, que será o domingo 11 de agosto.

7Xan 2019

A UD Cerqueda contribuíu a que o Nadal chegase aos fogares máis modestos cunha achega de alimentos e xoguetes

banco alimentos recortada

Despois da visita dos Reis Magos xa podemos contarvos que este ano volveron a ter unha axuda extra dende a UD Cerqueda. O club de fútbol, sempre implicado en causas solidarias, contribuíu a que o Nadal chegase aos fogares máis modestos do noso concello, xa que coa recadación do Trofeo Solidario Os Petóns mercou alimentos non perecedoiros e xoguetes para as familias usuarias do banco de alimentos.

Arroz, pasta, salsa de tomate, leite, cacao en polvo, azucre, aceite e conservas formaron parte do paquete de alimentos do Nadal xunto con outros produtos de primeira necesidade, e os/as peques recibiron tamén os seus agasallos: mochilas con rodas, escavadora, un maletín de pinturas, libros… E todo grazas á xenerosidade da UD Cerqueda e do público que asistiu ao campo.

O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, agradeceron unha vez máis a solidariedade da UD Cerqueda, que estivo representada polo seu capitán, Daniel García Reixía.