Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Agosto

Agosto 2017

31Ago 2017

Clausurado o Torneo de Fútbol Praia e Fútbol Sala Infantil, que pecha a programación deportiva do verán

Coa entrega de medallas rematou o Torneo de Fútbol Praia e Fútbol Sala Infantil, unha das numerosas e participativas actividades organizadas ao longo do verán pola Concellería de Deportes de Malpica. O delegado da área, Iago Espasandín; o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández participaron no acto de clausura, celebrado no paseo marítimo.

Na categoría de MAIORES, os resultados foron os seguintes:
1ª División4
Campión: “Bombonas rotas”
Subcampión: “Pokemon go”
2ª División
Campión: “Uno y uno siete”
Subcampión: “New team”
3ª División
Campión: “Japos”
Subcampión: “Tronzapernas”

A categoría de PEQUES quedou así:

11ª División:
Campión: “Futboleros”
Subcampión: “Invencibles”
2ª División:
Campión: “Chocolateros”
Subcampión: “Los cojos”
3ª División:
Campión: “Los magos”
Subcampión: “Los pirulos”

As nenas e os nenos de Malpica non pararon un minuto este verán, porque xa desde o mes de xuño participaron nun feixe de actividades organizadas pola Concellería de Deportes coa colaboración de entidades e empresas. Surf, kayak de mar, excursión de aventura a Asturias, Día da Bicicleta, Campamento Deportivo Costa Bergantiñá, Campus de Fútbol Costa Bergantiñá, Curso de Vela da Deputación da Coruña e o Campamento Deportivo da Deputación, que rematará mañá, completaron a oferta.

28Ago 2017

A Liga Reumatolóxica Galega instalou unha mesa informativa e organizou un concerto solidario coincidindo coas Festas do Mar

LIGA REUMATOLOXICA 2

A festa e a solidariedade non están rifadas, como demostrou este domingo a Liga Reumatolóxica Galega, que regresou a Malpica, despois da difusión da campaña “Polos teus ósos” de finais do ano pasado, para seguir informando á sociedade sobre un tipo de patoloxías que afectan ao 40% da poboación. Coincidindo coas Festas do Mar, o domingo a asociación instalou unha mesa informativa no paseo da praia na que vendeu doces e rifas para o sorteo dunha fin de semana nun balneario, ademais de ofrecer información. E ademais, para visibilizar as enfermidades reumatolóxicas entre os máis novos, organizou, coa colaboración do Concello de Malpica e a comisión de festas, un concerto solidario a cargo do grupo 7 Setenta.

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Noelia Freijeiro visitaron o posto informativo e agradeceron a presenza da Liga Reumatolóxica Galega en Malpica.

28Ago 2017

As Festas do Mar consolidan a vila de Malpica como unha das principais referencias turísticas da Costa da Morte

PROCESION (7)

Malpica volveu a estar abarrotada esta fin de semana. Despois dun mes de agosto de moitísima actividade cultural e lúdica, as Festas do Mar ofrecéronnos unha despedida do verán por todo o alto, con millares de persoas enchendo as rúas, as praias, o porto e mesmo os barcos que participaron na procesión marítima. As Festas do Mar, en definitiva, consolidaron a nosa vila como unha das principais referencias turísticas da Costa da Morte.

As celebracións comezaron o venres coa 17ª edición do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” , que xa acadou unha participación moi alta, con máis de cen inscritos/as e un total de 17 figuras realizadas. O bo tempo contribuíu a converter a praia no centro da actividade desas primeiras horas das Festas do Mar, que continuaron ofrecendo durante toda a xornada un variado programa musical. O sábado foi o día, ou máis ben a noite, grande de Malpica. Milleiros de persoas ateigaron as rúas, os establecementos de hostalería, as atraccións das festas e a carpa da verbena, onde non cabía un alfinete durante a actuación estelar do Combo Dominicano. Malpica quedou pequena, e as ringleiras de coches e a multitude de visitantes obrigaron a establecer medidas especiais de vixilancia. A falta de incidentes foi outro dos aspectos positivos das Festas do Mar.

O domingo foi o día central das celebracións relixiosas. O tempo respectou, agás por unhas pingueiras de choiva, a procesión marítima. A Virxe do Carme viaxou a bordo do “Ladrón de Bagdag” na súa travesía anual, na que estivo acompañada por decenas de embarcacións do noso porto. E, pola noite, a gran sesión de fogos puxo o broche a unha fin de semana redonda. Ata o ano que vén!

28Ago 2017

A “Costa máxica de Malpica” gaña o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”

PARTICIPANTES (2)

A “Costa máxica de Malpica”, unha creación impresionante tanto polo tamaño como polos detalles, acadou o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, un clásico que marca o comezo das Festas do Mar. “A balea”, inspirada na obra de Lugrís, mereceu o segundo premio, e o terceiro foi para “O arroarte”, un arroaz moi logrado. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das asociacións de Amas de Casa e de redeiras Mar da Illa, volveu a telo moi complicado, xa que a calidade e a orixinalidade das obras vai en aumento cada ano.

O premio á mellor barcana foi para “O marítimo”, mentres que o infantil acadárono as “Tartarugas na area”. Polo que se refire ao premio especial do público, os votos depositados na urna outorgáronllo a “A barcana dos Inchopic”. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, entregaron os premios aos máis de cen participantes no concurso.

A elaboración das 17 figuras participantes encheu de animación durante toda a mañá a praia de Area Maior. Ás 13 horas rematou o tempo outorgado para a realización das obras e comezou a deliberación do xurado. Todos os galardoados recibiron unha peza de Olería de Buño e os tres primeiros, ademais, premios en metálico. Así mesmo, para todos os nenos e nenas participantes houbo doces.

24Ago 2017

Asinado o contrato para a execución das obras de mellora de infraestruturas en Cancela de Areas

4

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe coa empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos o contrato correspondente á obra de mellora de infraestruturas en Cancela de Areas, onde se realizará un investimento de 24.992,67 euros. Os traballos, financiados cos fondos do Plan de Acción Social (PAS), centraranse na demolición de peches de predios, o desbrave e limpeza das marxes da pista e a nivelación do terreo para que acade a mesma cota do pavimento.

Dentro do PAS tamén se incluíu a mellora das infraestruturas en Sorrío, Mens e nas rúas Mouróns e Piñeiro de Buño; así como a mellora da seguridade da iluminación pública nas parroquias de Buño, Cambre, Cerqueda e Leiloio; o acondicionamento dos parques infantís do Milladoiro e de Beo, e o cambio de ventás e fachada do Centro Cívico, xa rematado.

24Ago 2017

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

CARTEL CASTELOS AREA AGOSTO 17

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” leva xa 16 anos marcando o comezo das tradicionais Festas do Mar. E este ano non será diferente, porque mañá venres a partir das 10.30 horas desenvolverase a 17ª edición coa finalidade de seguir promovendo a cultura popular e fomentando o uso lúdico da nosa praia. As inscricións poderán realizarse ata as 11 horas na mesma praia.

O Concello de Malpica establece tres modalidades de participación: infantil (ata 10 anos), amateur (a partir de 10 anos) e barcanas tradicionais de area (sen límites de idade). Cada participante ou grupo de participantes deberá realizar unha única obra. Na categoría amateur haberá tres premios dotados con 130, 70 e 40 euros, respectivamente, e trofeo. Tamén recibirán trofeos os gañadores dos premios á mellor barcana, á mellor obra infantil e á máis votada polo público, que terá á súa disposición unha urna para votar entre as 13 e as 13.30 horas.

O xurado, que estará formado por representantes do Concello de Malpica, da Asociación de Amas de Casa e da Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, valorará a calidade técnica da obra, a súa complexidade, o deseño, as dimensións, a orixinalidade e a vinculación con Malpica.

Festas do Mar

Co Concurso de Barcanas e Castelos de Area arrancan as Festas do Mar, organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva Estádiga, e que contarán tamén nesta primeira mañá de celebracións cos pasarrúas dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante. Pero haberá música durante toda a xornada, xa que na sesión vermú das 14 horas actuará o Dúo Libertad, ás 18 actuarán no paseo da praia os grupos Inerttes e Aula 11, e pola noite haberá verbena con Los Mecánicos e o Dúo Diamante.

O sábado 26 actuarán de novo os gaiteiros de Malante ao longo da mañá, e na sesión vermú estará o dúo Calú. A partir das 16 horas haberá inchables na praia, e no paseo tocarán ás 19 horas Monoulious Dop. Verbena de luxo con Armonía Show e El Combo Dominicano. As Festas do Mar rematarán o domingo con outra xornada chea de actividades: pasarrúas cos gaiteiros de Malante e coa Banda de Música de Abegondo, que actuará a partir das 11 dentro do ciclo da Concellería de Cultura “Música na rúa”, sesión vermú con O Tren da Unha, e despois da procesión marítima volverá a música ao paseo da praia co Grupo 7 Setenta. Disco Fabrik e Grupo Bomba animarán a verbena, e ás 24 horas terá lugar a gran sesión de fogos de artificio na praia.

FESTAS DO MAR 2017

23Ago 2017

O artesán rianxeiro Roberto Figueira Martínez doa unha escultura da Virxe do Carme ao Concello de Malpica

TALLA VIRXE (1)

O artesán rianxeiro Roberto Figueira Martínez foi un dos participantes na Feira Medieval Mariñeira de Malpica. Os seus traballos en madeira chamaron a atención dende o primeiro momento do alcalde, Eduardo Parga Veiga, que se interesou tanto pola técnica como polos materiais utilizados e o tipo de obras realizadas polo escultor, e ese interese veuse recompensado cunha imaxe da Virxe do Carme que chega, ademais, en vésperas das Festas do Mar.

Roberto Figueira talla con gubias case todo tipo de madeiras, aínda que ten preferencia polas autóctonas, e deseña e fabrica todo tipo de obxectos, tanto colgantes e complementos decorativos como mobles ou elementos estruturais. A escultura da Virxe do Carme está realizada en piñeiro roxo. Relevos, esculturas de pequeno e mediano formato, carpintería e ebanistería son as especialidades deste rianxeiro, que ademais realiza demostracións en eventos como a Feira Medieval Mariñeira.

TALLA VIRXE (2)

Normalmente empeza unha peza en cada feira, e en Malpica puxo mans á obra xa dende o primeiro momento coa talla da Virxe. A súa idea era que o público puidese ver o proceso completo da creación, pero faltoulle un día de traballo para lixala e darlle o acabado final. Será o Concello o que se encargue de completar a obra. “Normalmente cando me piden algo procuro facer unha peza acorde á duración da feira, pero neste caso non estaba previsto”, explicou o artesán, que se amosou agradecido pola boa acollida que tivo o seu labor.

22Ago 2017

O Concello de Malpica inviste case 85.000 euros na mellora do sistema de abastecemento de auga

ETAP (1)

O alcalde, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Espina y Delfín S.L. o contrato de subministración e instalación de diferentes equipos para a mellora da ETP e dos depósitos do sistema de abastecemento de auga do Concello de Malpica. O investimento acada os 84.783,64 euros.

As obras serán financiadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e do reequilibrio territorial. Neste sentido, os proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e abastecemento de augas considéranse prioritarios.

14Ago 2017

La Festa Galega cumple 10 años con un cartel de lujo en el que destacan Tanxugueiras, Samarúas y Radio Cos

La Festa Galega de Malpica cumple 10 años, y para celebrarlo hemos preparado un cartel de lujo, con grupos de primera fila como Tanxugueiras, Samarúas y Radio Cos. Los conciertos se celebrarán el próximo fin de semana, coincidiendo con la Feira Medieval Mariñeira, que volverá a llenar de animación, colorido y actuaciones las calles de nuestra villa.

La Feira Medieval Mariñeira será inaugurada el viernes 18 a las 11 horas, y media hora después empezarán a sonar los primeros acordes de la Festa Galega en el pasacalles de los gaiteros de la Asociación Cultural Raigañas. A partir de las 22.30 horas las actuaciones se trasladarán al puerto, donde actuarán la Banda de Gaiteros de la A.C. Malante, Tanxugueiras (23.15 horas) y Fol de Veneno (00.30).

El sábado 19 también habrá música desde las 11.30 horas, en esta ocasión con las gaiteras de la Asociación Cultural Carcaxía. Por la tarde volverán a llenarse las calles de música con el quinto Desfile de Bandas de Gaitas de la A.C. Malante, que saldrán a las 19.15 del Centro Cívico en dirección al centro de la villa. Ya en el puerto, a las 22 horas arrancará la noche grande de la X Festa Galega con las Cantareiras de la A. C. Carcaxía, a las que seguirán No Filo da Ferreña (22.30), Samarúas (23.15) y Radio Cos (00.50).

El domingo 20, a partir de las 11 horas y hasta la noche, estarán abiertos los puestos de la Feira Medieval Mariñeira.

Festa mariñeira 2017_ 320x700mm-reducido.pdf

12Ago 2017

A Consellería de Política Social reforza con 6.383 horas máis ao ano o servizo de atención á dependencia no noso concello

A xuntanza celebrada a semana pasada entre o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muiños, xa está a dar froitos. A Consellería de Política Social vén de anunciar o incremento das horas asignadas ao noso concello para a atención ás persoas dependentes, o que nos permitirá seguir ampliando e mellorando o servizo.

A partir do 1 de setembro, o Concello de Malpica terá un reforzo de 6.383 horas máis ao ano, cun incremento do financiamento anual estimado de 60.602,16 euros. Deste xeito, explicou a concelleira de Servizos Sociais, “o noso Concello disporá de case 2.900 horas mensuais para dar servizo ás persoas dependentes, pero seguiremos xestionando novas ampliacións para intentar reducir a lista de agarda a cero”.

En calquera caso, a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF Dependencia) enmárcase no obxectivo compartido pola Consellería de Política Social e o Concello de Malpica de “conseguir un maior benestar para os nosos maiores”. Nesa liña, ámbalas dúas institucións están a traballar tamén na consecución dun centro de día ou centro social para os nosos maiores. O goberno municipal ofreceu ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as instalacións da Casa do Oleiro con esa fin. A proposta foi ben acollida e, de feito, o vindeiro mes de setembro desprazaranse ata Buño responsables e técnicos do departamento para valorar a idoneidade do edificio.

Página 1 de 3123