A Liga Reumatolóxica Galega instalou unha mesa informativa e organizou un concerto solidario coincidindo coas Festas do Mar
A festa e a solidariedade non están rifadas, como demostrou este domingo a Liga Reumatolóxica Galega, que regresou a Malpica, despois da difusión da campaña “Polos teus ósos” de finais do ano pasado, para seguir informando á sociedade sobre un tipo de patoloxías que afectan ao 40% da poboación. Coincidindo coas Festas do Mar, o domingo a asociación instalou unha mesa informativa no paseo da praia na que vendeu doces e rifas para o sorteo dunha fin de semana nun balneario, ademais de ofrecer información. E ademais, para visibilizar as enfermidades reumatolóxicas entre os máis novos, organizou, coa colaboración do Concello de Malpica e a comisión de festas, un concerto solidario a cargo do grupo 7 Setenta.
O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Noelia Freijeiro visitaron o posto informativo e agradeceron a presenza da Liga Reumatolóxica Galega en Malpica.