Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Agosto

Agosto 2017

9Ago 2017

A música volverá a fin de semana por partida dobre tras o aprazamento da actuación de Killer Cats por mor da choiva

Malpica volverá a ofrecer esta fin de semana un programa cultural moi completo, no que a música terá un protagonismo moi especial. O venres teremos unha noite de concertos coas bandas The Cerne e Strobos, que amenizarán a velada no paseo maritimo durante dúas horas e media. E o sábado ás 22 horas celebrarase o concerto do grupo Killer Cats que estaba previsto para o pasado día 4, pero que tuvo que ser aprazado por mor da choiva. Os carballeses actuarán tamén no paseo marítimo, onde farán un completo repaso ao seu repertorio.

PinguiSOS-E

Esta fin de semana, ademais, chega á súa fin unha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste. A compañía Lucecús ofrecerá o sábado ás 20.30 horas, tamén no paseo marítimo, a obra de títeres “PingüSOS”, dirixida ao publico familiar. En caso de choiva a actuación trasladarase ao auditorio do Centro Cívico.

9Ago 2017

A nova senda peonil mellora a seguridade nos accesos ao centro de saúde de Buño

IMG-20170808-WA0014

O acceso ao centro de saúde de Buño é moito máis cómodo e seguro tanto para os automobilistas como para os peóns, que estrean estes dias a nova senda peonil. O Concello de Malpica investiu 43.528,20 euros na recuperación ambiental do espazo público da Camposa, que incluíu a construción da senda e a sinalización da zona.

Con esta actuación, o goberno municipal cumpre co seu compromiso de facilitar a mobilidade peonil entre o núcleo urbano de Buño e unha contorna de tanta actividade como a formada polo centro de saúde e a Casa do Oleiro.

8Ago 2017

Ampliado ata o venres o prazo para participar na ruta polo Camiño dos Faros desde Malpica ata Barizo

O vindeiro domingo celebrarase unha ruta polo Camiño dos Faros desde o porto de Malpica ata a praia de Barizo. O Concello de Malpica ampliou ata o venres o prazo de inscrición, que pode realizarse ben na Oficina de Turismo, situada na planta baixa da casa consistorial, ben no Centro Cívico.

Os participantes realizarán un percorrido de 13 quilómetros e dificultade baixa. Á saída de Malpica será ás 9 horas e a chegada ao destino está previsto para as 13. Desde Barizo haberá autobuses a disposición das persoas interesadas a un prezo de 3 euros por viaxeiro/a (o pago realizarase o mesmo domingo antes da saída do porto de Malpica, e prégase levar o importe xusto), que farán a súa saída ás 13.30 horas.

A organización establece un máximo de 275 participantes, e recoméndalles levar calzado axeitado, protección solar, gorra, auga, unha toalla pequena e calcetíns de reposto. E ademais fai un chamamento a que os/as camiñantes non se saian do sendeiro marcado e non deixen ningún residuo ao seu paso. A ruta, de feito, discorre por un terreo sensible, pegada á costa. Despois de saír do porto os participantes rodearán a península do Santo Hadrián antes de chegar ao merendeiro de Beo, onde haberá un descanso para avituallamento, e proseguirán por Seiruga, o río de Va e o Monte da Insua antes de chegar a Barizo.

12 Cartel Ruta dos Faros agosto 17

8Ago 2017

Os nenos e nenas de Malpica crean a súa propia lenda da balea no proxecto Pintar na Rúa

BALEA FINAL

Os nenos e as nenas que participaron este ano no proxecto Pintar na Rúa conseguiron crear unha lenda propia a través dunha figura tan lugrisiana e malpicá como a balea. O debuxo do mural que pode verse xa no parque infantil da Rúa Patria Galega converte a balea nunha especie de illa “enriba da que se forma un país, unha cultura, unha forma de vivir”. Así o explica a ilustradora carballesa Laura Tova, autora do deseño e monitora do obradoiro que se veu impartindo desde o 24 de xullo.

BALEA DEDICATORIA

O proxecto de rexeneración urbana promovido pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo tamén inclúe a homenaxe da autora e dos participantes “ao amigo” Paco Souto, que dalgún xeito foi inspirador do mural. De feito, o seu poema “A percebeira é unha illa” dá título á propia pintura.

Nesta cuarta edición, Pintar na Rúa seguiu conquistando espazos da vila malpicá. Despois do Centro Cívico e o Paseo da Praia, os nenos e nenas deixaron nesta ocasión a súa pegada no parque infantil. Na vindeira edición seguiremos estendendo a arte urbana por Malpica.

7Ago 2017

O vídeo do alumnado do IES Urbano Lugrís “6 pasos para falar malpicán”, premiado no Festival de Pardiñas

PARDIÑAS (4)

O vídeo que presentou o alumnado do IES Urbano Lugrís ao concurso de Youtubeir@s, e polo que conseguiu a “Mención honorífica á calidade lingüística”, foi tamén premiado esta fin de semana no Festival de Pardiñas, nun acto no que participaron alumnos e alumnas, profesores e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que felicitou a todo o equipo do instituto polo traballo realizado.

PARDIÑAS (3)

O vídeo “6 pasos para falar malpicán” é un titorial que en só tres minutos fai un percorrido moi completo polas singularidades da nosa fala, explicadas polos alumnos e alumnas do IES Urbano Lugrís. O vídeo ronda xa as 10.000 visualizacións en YouTube.

7Ago 2017

Malpica foi o punto de partida da II Ruta Clásica Costa da Morte organizada pola Asociación Lucense de Automóbiles Antigos

COCHES ANTIGOS (2)

Malpica converteuse este domingo no punto de partida da II Ruta Clásica Costa da Morte organizada pola Asociación Lucense de Automóbiles Antigos. Trátase da ruta máis longa das que se realizan en Galicia nun só día, xa que discorre ao longo de 150 quilómetros e das fermosas paisaxes do noso litoral.

COCHES ANTIGOS (1)

Os participantes concentráronse pola mañá diante da casa consistorial de Malpica, desde onde partiron rumbo ao cabo de Santo Hadrián acompañados polo concelleiro Miguel Fernández, que foi agasallado pola entidade organizadora cun recordo desta nova aventura, e que os convidou a regresar na vindeira edición da ruta.

A pr5965e4da6c8ce3.63035326imeira celebrárase en novembro do ano pasado. O Concello de Malpica apoiou aquela experiencia e volve a repetir agora, xa que este tipo de iniciativas contribúen á promoción turística do noso concello. Desde Malpica os participantes continuaron por Ponteceso, Laxe, Camelle, Arou, Santa Mariña, Camariñas, Cabo Vilán, Muxía e Fisterra.

 

5Ago 2017

O Ecomuseo do Forno do Forte recupera os ouriñais, que deixaron de fabricarse hai anos, na Cocedura Tradicional

Este ano cocéronse arredor de 1.500 pezas no Forno do Forte, e entre elas figuran, por primeira vez, os tradicionais ouriñais ou pericos. “Era algo que había en todas as casas e que se facía en todas as olerías, e en Buño tamén”, sinalou o director do ecomuseo, Paco Doval, quen destacou o éxito desta 19ª Cocedura Tradicional: “Saíu todo moi ben”. Ademais dos ouriñais, que poden ser reproducidos grazas a que se atopou unha peza antiga nun faiado, mañá desenfornaranse todo tipo de pezas de tamaño mediano e grande, todas elas tradicionais.

IMG-20170805-WA0046

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas e do que forma parte tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que despois de tantos anos xa é case un experto. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde e Manuela de Mariñán prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Pelepau.

O Ecomuseo do Forno do Forte converteuse no principal centro de atracción da segunda xornada da Mostra da Olería de Buño. Ao longo de todo o día recibiu a máis de mil persoas procedentes de todo o territorio español e, aínda que en moita menor cantidade, tamén do estranxeiro.

As persoas que queiran ver o resultado da Cocedura Tradicional poderán achegarse mañá domingo a partir das 11 ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Mañá tamén, a partir das 13.30, haberá sesión vemú co grupo De Vacas no Parque Luciano García Alén.

4Ago 2017

A Mostra da Olería de Buño estrea imaxe disposta a garantir o futuro do colectivo oleiro máis importante de Galicia

IMG_0774

Xa está en marcha unha nova edición da Mostra da Olería de Buño. Son 34 anos xa de historia e moitos retos por cumprir aínda, pero quizais o máis importante sexa garantir o futuro da comunidade oleira máis importante de Galicia. A ese obxectivo referíronse todas as autoridades no acto inaugural, celebrado hoxe no parque Luciano García Alén coa participación da presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

O acto celebrouse baixo a carpa e o orballo, que acompañou todo o percorrido das autoridades polos postos, este ano situados no adro da igrexa. A presidenta da Asociación Oleira agradeceu a colaboración do párroco para poder realizar o cambio pero destacou sobre todo a nova imaxe da Mostra da Olería, porque “este ano pensamos a Mostra dun xeito distinto”, máis moderno, pero coa intención de contribuír a que a olería de Buño perdure. Carmen Isabel Labrador rematou a súa intervención convidando ao público a “desfrutar de 10 días de artesanía e vida”.

IMG_0761

Á nova imaxe da Mostra da Olería referiuse tamén o alcalde, quen destacou que aínda que Buño é a comunidade oleira máis importante de Galicia, tamén se atopa “nunha encrucillada decisiva para o seu futuro”. Ese futuro, engadiu Eduardo Parga, debe contar coa “participación de todas e todos”, polo que convidou aos profesionais da olería a esquecer discrepancias e traballar cóbado con cóbado, e fixo un chamamento á “complicidade das Administracións”.

Goretti Sanmartín expresou o compromiso da Deputación da Coruña coa olería de Buño, como se demostra a través do Ecomuseo do Forno do Forte, pero apelou á necesidade de apostar aínda “máis forte” para evitar que a nosa artesanía acaba esmorecendo. Nese sentido apuntou a necesidade de que haxa un relevo xeracional, malia as dificultades que existen na sociedade actual para dedicarse a un sector como o da artesanía. Para a vicepresidenta, a Mostra da Olería é unha oportunidade para que “os nenos aprendan a meter as mans no barro, porque é a forma de construír o futuro”.

IMG_0817

O conselleiro pechou as intervencións destacando a capacidade dinamizadora que ten a olería de Buño, tanto desde o punto de vista económico como da tradición e da “vinculación co territorio”. Francisco Conde subliñou que “non se entende un verán en Galicia sen Mostra da Olería, que ademais é a feira decana de Galicia”, e tivo palabras de lembranza para Luciano García Alén.

A Mostra da Olería de Buño permanecerá aberta ata o día 13.

2Ago 2017

Participa como voluntari@ na II Carreira Pedestre Concello de Malpica!

VOLUNTARIOS CARREIRA

A Concellería de Deportes organiza por segundo ano consecutivo a Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o 10 de setembro. Ademais de participar na competición, na que podes inscribirte a través da ligazón https://championchipnorte.com /evento/ inscribirme/id/1228, tamén podes facelo como voluntario ou voluntaria. Envía un correo electrónico cos teus datos persoais ao enderezo pablo.lista@malpicadebergantinos.es. Ademais de colaborar recibirás a bolsa do corredor, co avituallamento e unha camiseta.

Polo que respecta á parte deportiva, a inscrición ten unha cota de 4 euros, un dos cales irá destinado á Asociación Española contra o Cancro. Os/as participantes que non teñan chip poderán alugalo por 1 euro. As carreiras infantís son gratuítas.

Unha das particularidades da carreira é que haberá dous percorridos: un de 10 quilómetros (nacidos no ano 2001 e anteriores) e outro de 5 quilómetros (2003 e anteriores), aos que se suman este ano tamén as categorías infantil (2004-2005) e alevín (2006-2007), benxamín (2008 a 2011) e biberón (2012 e posteriores).

Todos os participantes contarán con seguro, e ademais disporán de servizos de ducha e gardarroupa, avituallamento e unha camiseta como agasallo. O Concello de Malpica porá a disposición dos participantes na carreira o pavillón polideportivo para que se podan cambiar e duchar, así como un servizo de gardarroupa na Oficina de Información Turística, onde tamén se recollerán os dorsais e chips ou ben o sábado 9 de 17.00 a 20.00 horas ou ben o propio día da carreira a partir das 09.00 horas.

2Ago 2017

O goberno municipal xestiona a ampliación das horas de axuda do fogar e a creación dun centro de día para maiores

malpica consorcioO alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, reuníronse co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muiños, para abordar a necesidade de seguir mellorando os servizos e a atención ás persoas maiores.

Por unha banda, os representantes do goberno municipal solicitaron un incremento de horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha proposta que foi ben acollida, xa que coincide cos plans nos que está a traballar o consorcio. Pero o alcalde e a concelleira insistiron ademais na necesidade de seguir avanzando cara a creación dun centro de día para as persoas maiores, un dos obxectivos que figuraba no programa electoral do Partido Popular e que xa foi transmitido no seu momento ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.

Por parte do goberno municipal dáse agora un paso adiante ao ofrecer ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as instalacións da Casa do Oleiro con esa fin. A proposta foi ben acollida e, de feito, o vindeiro mes de setembro desprazaranse ata Buño responsables e técnicos do departamento para valorar a idoneidade do edificio. A Consellería de Política Social aposta nestes momentos pola posta en marcha de centros sociais, e o Concello de Malpica quere entrar na rede autonómica cun servizo que facilite a atención aos maiores.

Na xuntanza con Perfecto Rodríguez Muiños tamén se fixo unha valoración moi satisfactoria do funcionamento da escola infantil, que comezará o curso con 29 usuarios/as: 10 de un a dous anos e 19 de dous a tres. “Estamos satisfeitos, porque se demostra que era un servizo necesario”, destacou o alcalde.

Página 2 de 3123