Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Novembro

Novembro 2015

30Nov 2015

Equipos dos concellos de Ponteceso, Cabana e Malpica participan na liga de fútbol sala de veteranos

O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de decembro

540-f-foto

Dende hoxe luns e ata o 4 de decembro estará aberto o prazo de inscrición para os equipos interesados en participar na liga de fútbol sala de veteranos de Ponteceso, Cabana e Malpica, organizada pola Asociación de Veteranos de Fútbol da Costa.

A competición vai destinada a equipos con xogadores maiores de 30 anos, que xogarán todos os venres pola noite, a partir do 11 de decembro, nos pavillóns municipais dos tres concellos participantes. As inscricións poden realizarse chamando ao teléfono 646 670 678.

26Nov 2015

Comezaron as obras de saneamento no Vilar, en Leiloio



540-f-foto

Xa están en marcha as obras de saneamento do Vilar, na parroquia de Leiloio, que están incluídas no POS 2015. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, desprazáronse ata o lugar para supervisar os traballos, que son executados pola empresa Obras Ramón Cotelo, SL, cun orzamento de 30.139,51 euros.

No POS deste ano tamén figuran o proxecto de pavimentación e infraestruturas en Barizo, Porto do Fondo, Beo, Santiso, Aldeola e Cerqueda, cun orzamento de 69.056 euros, e a pavimentación da rúa Canido, por 64.887 euros, que xa está practicamente rematada e pendente do pintado e a sinalización.

24Nov 2015

Gran acollida do vídeo de participación social promovido polo Concello de Malpica contra a violencia de xénero

Máis de cen persoas, entre escolares e representantes de diferentes colectivos, protagonizaron un

540-f-foto

Co agradecemento ás persoas participantes e unha chamada de atención sobre a importancia de loitar contra a violencia de xénero, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, presentaron hoxe pola mañá o vídeo de participación social promovido dende a Área de Igualdade “co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre unha problemática tan importante como é a violencia de xénero”, tal como manifestou o alcalde.

A maioría das máis de cen persoas que participaron gravación asistiron á preestrea do vídeo, que tivo lugar no auditorio do Centro Cívico, e que rematou cun sonoro aplauso. Eduardo Parga lembrou que o ano pasado “rematou con 54 mulleres mortas vítimas da violencia machista, 6 na nosa comunidade autónoma, e 44 menores orfos. No que levamos do 2015 as vítimas ascenden a 48 mulleres”. As cifras indican que é preciso seguir traballando na sensibilización da poboación, e ese é o compromiso do Concello de Malpica, que ten en marcha campañas de información e formación, incidindo “nos centros educativos e na intervención por medio de apoio constante ás mulleres vítimas e ás súas familias”, engadiu o alcalde, porque “non debemos ser cómplices de ningún tipo de comportamentos violentos e debemos estar sempre do lado as mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas”.

A concelleira de Servizos Sociais felicitou á técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, pola iniciativa do lipdub como parte dese labor de sensibilización que está a desenvolver o seu departamento e que non se limita ao 25 de novembro, senón que “cremos necesario e primordial traballar durante todo o ano para intentar erradicar esta lacra social, que é a tarefa pendente do século XXI”. Marisol Blanco lembrou que a violencia de xénero “é unha violencia específica que sofren as mulleres polo simple feito de ser mulleres”.

O lipdub presentado hoxe pola mañá enmárcase na campaña “Non te escondas máis. Por min e por todas as miñas compañeiras”, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, e que tamén inclúe marcapáxinas informativos sobre os servizos que presta o Concello de Malpica en materia de igualdade e chapas coa imaxe de Malpica Igualdade, a nova marca que englobará todas as accións promovidas dende o Concello neste ámbito.

Escolares dos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, a UD Cerqueda, a Asociación Oleira de Buño, a Asociación de Redeiras O Fieital, os alumnos e alumnas dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías, a Asociación Íntegro e membros do goberno municipal participaron na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco, co obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas. O vídeo pode verse xa na canle de YouTube do Concello de Malpica, na súa páxina en Facebook e no seu perfil de Twitter.

23Nov 2015

O Concello de Malpica presenta a súa campaña para o Día Internacional contra Violencia de Xénero

Mañá martes proxectarase o vídeo gravado por colectivos e veciñ@s e comezará a distribución de material divulgativo de Malpica Igualdade

540-f-foto

O Concello de Malpica presentará mañá martes a campaña deseñada pola Concellería de Servizos Sociais, a través da Área de Igualdade, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Co lema “Non te escondas máis. Por min e por todas as miñas compañeiras”, a campaña, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, inclúe un vídeo protagonizado por entidades, veciñ@s e representantes políticos, marcapáxinas informativos sobre os servizos que presta o Concello de Malpica en materia de igualdade e chapas coa imaxe de Malpica Igualdade, a nova marca que englobará todas as accións promovidas dende o Concello neste ámbito.

A presentación do vídeo e do material informativo está prevista para as 11.30 horas nun acto público e aberto a toda a cidadanía que se celebrará no Centro Cívico. Escolares dos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, a UD Cerqueda, a Asociación Oleira de Buño, a Asociación de Redeiras O Fieital, os alumnos e alumnas dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías, a Asociación Íntegro e membros do goberno municipal participaron na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco, co obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas.

O vídeo poderá verse a partir do día 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na canle de YouTube do Concello de Malpica, na súa páxina en Facebook e no seu perfil de Twitter.

14Nov 2015

Entidades e escolares de Malpica implícanse na loita contra a violencia de xénero a través dun “lipdub”

Colectivos de todo tipo colaboran coa Área de Igualdade na gravación dun vídeo coa canción “Se acabaron las lágrimas” para o 25 de novembro

540-f-foto

A Área de Igualdade do Concello de Malpica de Bergantiños, coa colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, está a traballar na implicación da sociedade local na loita contra a violencia de xénero a través de distintas iniciativas. Esta semana celebrouse unha reunión para preparar a seguinte, na que escolares e entidades de todo tipo participarán nunha orixinal proposta que consiste na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco (como fan personaxes públicos neste vídeo . O obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas.

A gravación do lipdub realizarase os días 17 e 18 en distintos escenarios. Participarán a Asociación de Redeiras O Fieital, a Asociación de Oleiros de Buño, a UD Cerqueda, a Asociación Íntegro, as alumnas e alumnos dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías organizados dende a Área de Igualdade, escolares de Malpica e Buño e os membros do goberno municipal. O vídeo formará parte das actividades da Concellería de Servizos Sociais de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 

12Nov 2015

O Prisma-Illa-JB é o primeiro líder da Liga de Fútbol Sala de Malpica

Este sábado, 14 de novembro, dispútase a segunda xornada

540-f-foto

O Prisma-Illa-JB é o primeiro líder da Liga de Fútbol Sala de Malpica, organizada pola Asociación Deportiva A Pedreira coa colaboración do Concello. Aquí tes o resultados da primeira xornada, a clasificación e o cadro de partidos para a vindeira xornada, que se disputará este sábado, día 14.

 

 

 

RESULTADOS 1ª XORNADA

16:30

SAN FRANCISCO

BAR O CRUCE

1-0

17:20

BUCEO MALPICA

BAR AVENIDA

4-4

18:10

PUB LEÑO

PRISMA-ILLA-JB

3-7

19:00

SEAIA

SPORTING FUTBOL SALA

2-5

 

 

CLASIFICACIÓN

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

EQUIPO

X

G

P

E

GF

GC

DG

PUNTOS

1

PRISMA-ILLA-JB

1

1

0

0

7

3

4

3

2

SPORTING FUTBOL SALA

1

1

0

0

5

2

3

3

3

SAN FRANCISCO

1

1

0

0

1

0

1

3

4

BAR AVENIDA

1

1

0

1

4

4

0

1

5

BUCEO MALPICA

1

1

0

1

4

4

0

1

6

BAR O CRUCE

1

0

1

0

0

1

-1

0

7

PUB LEÑO

1

0

1

0

3

7

-4

0

8

SEAIA

1

0

1

0

2

5

-3

0

 

2ª XORNADA SÁBADO 14/11/2015

16:30

BAR O CRUCE

SPORTING FUTBOL SALA

 

17:20

PRISMA-ILLA-JB

SEAIA

 

18:10

SAN FRANCISCO

BUCEO MALPICA

 

19:00

BAR AVENIDA

PUB LEÑO

 

 


11Nov 2015

O pleno de Malpica aproba a rebaixa do IBI para o 2016

A proposta do goberno municipal, o tipo que aplica o Concello sobre a base impoñible establecida polo Catastro pasa do 0,6 ao 0,4932

540-f-foto

A corporación municipal de Malpica vén de aprobar no pleno celebrado esta mesma tarde a rebaixa do IBI para o vindeiro ano. Precisamente, a sesión celebrouse hoxe con carácter extraordinario para poder cumprir os prazos e que a medida entre en vigor o 1 de xaneiro do 2016. A proposta do goberno presidido por Eduardo Parga consiste na redución da porcentaxe que aplica o Concello sobre o valor catastral dos bens inmobles.

Cal é o tipo vixente no Concello de Malpica?

Dende a entrada en vigor do Real Decreto-Ley 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, o Concello de Malpica está obrigado a aplicar un tipo do 0,6 por non ter actualizados naquel momento os valores dos bens inmobles do municipio. Para o ano 2016 o Goberno permite aplicar unha redución aos concellos que, como é o caso de Malpica, cumpren unha serie de requisitos.

Que tipo se aplicará no 2016?

O goberno municipal propuxo aplicar o 0,4932. Esta porcentaxe estableceuse en función dun estudo económico elaborado polos servizos técnicos municipais, no que se determina que é o tipo necesario para manter o mesmo nivel de ingresos que ata o momento.

Como é posible manter o mesmo nivel de ingresos reducindo o tipo?

Debido a que como consecuencia do proceso de actualización catastral realizado este mesmo ano foi posible incluír no padrón arredor de 200 bens inmobles que ata agora non tributaban, pero que si o farán a partir do 2016.

Por que non se reduce ata o 0,45 anterior ao decreto do Goberno?

Aínda tendo en conta as novas altas catastrais, a redución do 0,6 ao 0,45 suporía un descenso dos ingresos do Concello de Malpica de máis de 90.000 euros. O alcalde explicou que o estudo económico realizado polos técnicos municipais sinala que o IBI é un dos recursos máis importantes para a estabilidade orzamentaria, e que o Concello non debe perder financiamento, sobre todo cando é preciso manter os novos servizos en marcha, coma a escola infantil, ou que entrarán en funcionamento o vindeiro ano, coma a EDAR.

9Nov 2015

O Concello de Malpica e as asociacións empezan a preparar as actividades de Nadal

A implicación do maior número de entidades na organización da cabalgata de Reis é unha das propostas da primeira reunión

540-f-foto

O movemento asociativo do municipio de Malpica de Bergantiños e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo xa están a traballar na programación do Nadal co obxectivo de que as actividades cheguen a todas as parroquias e a todos os públicos. Unha das propostas da primeira reunión consistiu, precisamente, en intentar conseguir a implicación do maior número de entidades na organización da cabalgata de Reis, que é un dos actos centrais do cartel e un dos máis esperados polos nenos e nenas. A experiencia deste ano foi un éxito que se pretende repetir e incrementar no 2016.

Na reunión, presidida pola concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, participaron representantes de boa parte das asociacións do municipio e o técnico de Educación, Cultura e Turismo, Antón Noceda. A programación pecharase nas vindeiras semanas coas achegas de todas as entidades.

8Nov 2015

O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica presentaron na Cea das Letras “A outra voz”, a obra premiada o ano pasado

540-f-foto

O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra “A razón do perverso”. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada “A outra voz”, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.

Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.

Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de “A outra voz” xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.

Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea.

Xa no restaurante A Cunca, de Buño, que foi o escenario da celebración, tanto o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, coma o técnico de Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que integraron o xurado xunto con Verónica Martínez, agradeceron a presenza de autores e convidados. O alcalde de Malpica agasallou a Mário J. Herrero cun precioso botixo de rosca de Olería de Buño, e reiterou o apoio do Concello de Malpica, e o seu en particular, ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Eduardo Parga lembrou que o concurso botou a andar sendo el concelleiro de Cultura e que se sente especialmente orgulloso de que hoxe en día sexa unha proposta literaria de referencia en toda Galicia.

5Nov 2015

O espectáculo “15 primaveras” de Mamá Cabra abre a XI Mostra de Teatro de Malpica

A actuación, dirixida ao público familiar, terá lugar mañá venres ás 20.30 horas no Centro Cívico

540-f-foto

Mamá Cabra presenta en Malpica o seu novo espectáculo, no que fará un percorrido pola historia do grupo e da súas mellores cancións. Un espectáculo diferente cun formato de concerto-teatro no que se amosará unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda.

No formato “15 primaveras, a gran festa”, que abrirá mañá venres (Centro Cívico, 20.30 horas) a XI Mostra de Teatro de Malpica, Mama Cabra acompáñase dos principais expoñentes do panorama musical para público infantil, como poden ser Magín Blanco (A nena e o grilo), Pablo Díaz e Olga Kirk (Tic Tac) ou Uxía Senlle coa súa familia de (María Fumaça).

Elenco: Gloria Mosquera: voz, guitarra; Vita Ivaskevica: voz; Tomi López: baixo; Carliños Freire: batería; Javier Constenla: teclado; Harry Prince: violín; Diego Maceiras: acordeón ; Luís Iglesias “Luchí”: actor.

Duración: 60 minutos
Xénero: Musical
Público preferente:  Público familiar

A XI Mostra de Teatro de Malpica reunirá o mellor da escena galega ao longo dos meses de novembro e decembro. Este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a Asociación Teatral Os Amigos de Malpica, a Asociación Cultural Caldeirón e o colectivo Teatro Valle Innova-Fundación Valle Inclán, ofrecerá dez actuacións para todo tipo de público. 

Página 1 de 212