Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

8Nov 2015

O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica presentaron na Cea das Letras “A outra voz”, a obra premiada o ano pasado

540-f-foto

O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra “A razón do perverso”. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada “A outra voz”, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.

Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.

Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de “A outra voz” xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.

Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea.

Xa no restaurante A Cunca, de Buño, que foi o escenario da celebración, tanto o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, coma o técnico de Cultura do Concello de Malpica, Antón Noceda, que integraron o xurado xunto con Verónica Martínez, agradeceron a presenza de autores e convidados. O alcalde de Malpica agasallou a Mário J. Herrero cun precioso botixo de rosca de Olería de Buño, e reiterou o apoio do Concello de Malpica, e o seu en particular, ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Eduardo Parga lembrou que o concurso botou a andar sendo el concelleiro de Cultura e que se sente especialmente orgulloso de que hoxe en día sexa unha proposta literaria de referencia en toda Galicia.