Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O pleno de Malpica aproba a rebaixa do IBI para o 2016

11Nov 2015

O pleno de Malpica aproba a rebaixa do IBI para o 2016

A proposta do goberno municipal, o tipo que aplica o Concello sobre a base impoñible establecida polo Catastro pasa do 0,6 ao 0,4932

540-f-foto

A corporación municipal de Malpica vén de aprobar no pleno celebrado esta mesma tarde a rebaixa do IBI para o vindeiro ano. Precisamente, a sesión celebrouse hoxe con carácter extraordinario para poder cumprir os prazos e que a medida entre en vigor o 1 de xaneiro do 2016. A proposta do goberno presidido por Eduardo Parga consiste na redución da porcentaxe que aplica o Concello sobre o valor catastral dos bens inmobles.

Cal é o tipo vixente no Concello de Malpica?

Dende a entrada en vigor do Real Decreto-Ley 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, o Concello de Malpica está obrigado a aplicar un tipo do 0,6 por non ter actualizados naquel momento os valores dos bens inmobles do municipio. Para o ano 2016 o Goberno permite aplicar unha redución aos concellos que, como é o caso de Malpica, cumpren unha serie de requisitos.

Que tipo se aplicará no 2016?

O goberno municipal propuxo aplicar o 0,4932. Esta porcentaxe estableceuse en función dun estudo económico elaborado polos servizos técnicos municipais, no que se determina que é o tipo necesario para manter o mesmo nivel de ingresos que ata o momento.

Como é posible manter o mesmo nivel de ingresos reducindo o tipo?

Debido a que como consecuencia do proceso de actualización catastral realizado este mesmo ano foi posible incluír no padrón arredor de 200 bens inmobles que ata agora non tributaban, pero que si o farán a partir do 2016.

Por que non se reduce ata o 0,45 anterior ao decreto do Goberno?

Aínda tendo en conta as novas altas catastrais, a redución do 0,6 ao 0,45 suporía un descenso dos ingresos do Concello de Malpica de máis de 90.000 euros. O alcalde explicou que o estudo económico realizado polos técnicos municipais sinala que o IBI é un dos recursos máis importantes para a estabilidade orzamentaria, e que o Concello non debe perder financiamento, sobre todo cando é preciso manter os novos servizos en marcha, coma a escola infantil, ou que entrarán en funcionamento o vindeiro ano, coma a EDAR.