Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
10°
Domingo 14°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

31Xan 2025

Pleno do Concello de Malpica aproba o reparto do POS+2025

O Concello de Malpica celebrou onte o seu pleno ordinario no que se aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025. O goberno local presentou a proposta de reparto dos fondos, que inclúe investimentos en infraestruturas deportivas e gasto corrente, así como o proxecto complementario para a mellora viaria. En concreto, o POS+2025 distribuirase do seguinte xeito:

• 264.182,57 € para o proxecto de Cambio de céspede, rego, acolchado do perímetro de xogo e banquiños do campo de Pedra Queimada, que contempla a creación de dous campos de fútbol 8 e un de fútbol 11.

• 274.463,26 € destinados a gasto corrente.

Así mesmo, a partida do POS+ Complementario destinarase ao ensanchamento e mellora da estrada Brión – O Castro, cun orzamento de 210.508,92 €.

A proposta saíu adiante grazas aos 6 votos a favor do PP, mentres que o BNG e AIM optaron pola abstención (3 votos), e o PSOE manifestou a súa oposición con 4 votos en contra.

Desde o goberno local destacan que estas actuacións permitirán mellorar as infraestruturas municipais e garantir a prestación de servizos esenciais á veciñanza.

30Xan 2025

Finalizan as obras da mellora da escaleira de acceso á praia de Seaia

O Concello de Malpica vén de anunciar a finalización das obras da nova escaleira de acceso á praia de Seaia, que xa está dispoñible para o seu uso. A actuación enmárcase dentro das iniciativas para mellorar a accesibilidade ao litoral e garantir un tránsito máis seguro para veciños e visitantes.

A execución do proxecto foi posible grazas a unha subvención de Red Natura e contou cun orzamento de 37.741,22 euros, dos cales 30.000 euros foron achegados como axuda pública, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). A intervención tivo un prazo de execución de dous meses.

Desde o goberno local destacamos a importancia desta mellora para reforzar a seguridade dos usuarios e agradeceron a colaboración de todas as persoas implicadas no desenvolvemento da infraestrutura.

14Xan 2025

A charla “A TÚA MELLOR MEDICINA ES TI” adíase ao 31 de xaneiro

A charla “A TÚA MELLOR MEDICINA ES TI”, programada inicialmente para este venres, queda adiada para o día 31 de xaneiro. O evento levarase a cabo no Centro Cívico de Malpica e dará comezo ás 20.00 horas.

Os malpicáns Elena Facal e Alex Mato, xunto con María Bardanca, Técnica Deportiva do Concello, serán os encargados de presentar esta charla que abordará temas de grande interese para a comunidade.

  • Alex Mato, estudante de terceiro curso do Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e con formación específica orientada á saúde, explicará como a actividade física contribúe a mellorar diversas patoloxías cada vez máis frecuentes, para as que adoitan prescribirse numerosos medicamentos. Farase especial fincapé na diabetes e na menopausa, temas de gran relevancia para a poboación.
  • Elena Facal, fisioterapeuta, falará sobre as vantaxes dunha vida activa no proceso de rehabilitación fronte a diferentes patoloxías ou lesións.

Ademais, ofrecerase un espazo para resolver dúbidas sobre as mellores formas de ser máis activo de maneira saudable.

O Concello de Malpica anima a todas as persoas interesadas a asistir o vindeiro 31 de xaneiro para coñecer máis sobre como a actividade física pode ser unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde e o benestar.

11Xan 2025

O Concello acada a ampliación dunha liña de autobús con 16 novas paradas para o IES Eduardo Pondal

Os malpicáns estudantes de bacharelato dispoñen de unha liña gratuíta ata Ponteceso a partir do próximo luns.
  • O alcalde, Eduardo Parga, xestionou persoalmente unha medida coa que se atenderá ao alumnado da vila de Malpica e das parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens.
  • A nova liña estará activa desde o vindeiro luns, día 13 de xaneiro, e funcionará de luns a venres ao longo de todo o curso escolar.

Malpica, 10 de xaneiro de 2025 – A mocidade de Malpica, grazas ás xestións realizadas personalmente polo alcalde, Eduardo Parga, poderá beneficiarse, a partir do vindeiro luns 13 de xaneiro, da ampliación dunha liña de autobús que conecta o municipio co IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Esta mellora permitirá un acceso máis cómodo e eficiente ao centro educativo, especialmente para o alumnado matriculado nas ensinanzas non obrigatorias.

Ademais, os mozos e mozas do municipio poderán empregar desde esa mesma data a tarxeta Xente Nova, gozando así das vantaxes económicas que facilita esta iniciativa da Xunta de Galicia.

A liña, que agora chega ata a parada das Rabuceiras, na parroquia de Leiloio, contará con 16 novas paradas na localidade, atendendo ás parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens, así como á contorna da vila. As paradas que se incorporan son:

  • As Rabuceiras
  • A Trémoa
  • Cambre (igrexa)
  • Loutoño
  • A Aldeola
  • Cerqueda
  • Vilarnovo
  • A Camuza
  • Malpica
  • Ventorrillo
  • Cancela de Areas
  • Seaia
  • Cruce Santo Adrián
  • Barizo
  • Porto do Fondo
  • Mens

Os horarios están adaptados ás xornadas lectivas do instituto, mantendo as paradas e os horarios existentes no tramo de Ponteceso. O servizo funcionará de luns a venres durante o curso escolar, con saídas cara ao IES Eduardo Pondal ás 08:00 horas e regreso ás 14:10 horas. Os luns pola tarde, ofreceranse servizos adicionais ás 15:45 horas e ás 18:05 horas.

O Concello anima a toda a veciñanza a consultar os detalles dos horarios e servizos na páxina web www.bus.gal ou na aplicación móbil Transporte Público de Galicia.

Esta ampliación da liña de autobús reflicte, en verbas do rexedor, Eduardo Parga, “o compromiso do Concello de Malpica coa mellora das condicións de mobilidade da mocidade, garantindo un acceso equitativo á educación e incentivando o uso do transporte público”.

2Xan 2025

Fútbol Solidario en Buño: Partido a favor de ASFEGA con grandes figuras do deporte da Costa

Este sábado 4 de xaneiro de 2025, ás 18:00h no Campo de Xaviña, Buño, disputarase o Partido Solidario do Combinado QPC da Costa FEM contra o Victoria CF.
O Concello de Malpica e a UD Cerqueda colaboran con Quepasanacosta na organización deste evento deportivo que servirá para recadar fondos para a Asociación ASFEGA (Asoc. Asociación fenilcetonúria de Galicia). O saque de honra será feito por Marco García Lema, rapaz de Cerqueda cunha enfermidade metabólica rara.

O Combinado estará dirixido por Rubén Souto (Corme),, acompañado por Fran Figueroa (Esteirana). Susana, da UD Cerqueda, fará de Delegada.
As convocadas son: Miriam (Cabana) e Rosio (Xallas) como porteiras; como defensas Mai (Dumbría), Mariña (Cerqueda), Saskia (Corme), Lauriña (Outes), Nerea (Cee), Ainhoa (Ponteceso), Kelly (Dumbria), Lucía (Corme); medias Paula Fandiño (Dumbria), María (Xallas), Tamara (Mazaricos), Olalla (Corme), Olalla (Xallas), Bárbara (Esteirana), Andrea Romero (Corcubion), Paula Veiga (Cee), Carla (Corme) e Noe (Xallas); e como dianteiras Eva Lema (Dumbria) e Naroa (Corme).

Está aberta unha Fila 0 para ASFEGA: ES46 2080 0300 8530 4012 0322
Concepto: Partido Solidario + número de móbil.

Na previa, ás 16:00h, haberá ademais un encontro no CAT de Buño, coas portas abertas para todas as xogadoras do Fútbol da Costa que poderán vivir un encontro con María Bardanca e Elena Vázquez, dúas referentes do noso deporte. O evento será moderado pola xornalista malpicá Laura Rodríguez de @mareandoxogo.

27Dec 2024

O Concello de Malpica lanza unha nova edición da “Escola de Pais e Nais”

O Concello de Malpica de Bergantiños anuncia o inicio dunha nova edición da “Escola de Pais e Nais”, unha iniciativa que busca fortalecer os vínculos afectivos no seo das familias e ofrecer apoio especializado ás necesidades específicas de cada unidade familiar.

Nesta edición, que se desenvolverá de xaneiro a xuño, as sesións serán guiadas por unha Doutora en Psicoloxía Clínica e Neuropsicóloga Clínica, quen ofrecerá ferramentas prácticas e coñecemento experto para axudar ás familias a xerar apegos seguros cos seus fillos e fillas.

As actividades terán lugar os segundos e cuartos sábados de cada mes, ás 11:00 horas, no CAT (Antigo Centro Comarcal) de Buño.

As inscricións para participar están abertas a partir do 30 de decembro e poden formalizarse nas oficinas xerais do Concello.

24Dec 2024

Malpica acolle un espectacular show e masterclass de fútbol freestyle con Álvaro López

O Concello de Malpica continúa apostando por un Nadal deportivo coa organización dun evento de freestyle football a cargo de Álvaro López, tres veces campión de España, segundo no ranking europeo e situado no TOP 8 mundial desta disciplina.

O evento terá lugar o sábado, 28 de decembro, ás 20:00 horas, no Pavillón Municipal de Malpica. Durante a xornada, os asistentes poderán gozar dun espectacular show de habilidade e precisión con balón, ademais de participar nunha exclusiva masterclass onde o campión compartirá técnicas e trucos deste deporte acrobático.

Esta cita deportiva, promovida polo Concello de Malpica en colaboración coa Deputación da Coruña, ofrece unha oportunidade para descubrir e aprender máis sobre o mundo do freestyle football, unha modalidade que combina creatividade, destreza e espectáculo.

21Dec 2024

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebra a súa derradeira reunión do ano en Malpica

Os membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reuníronse en Malpica para celebrar a última sesión do ano 2024. O encontro tivo lugar no Concello de Malpica, onde foron recibidos polo alcalde, Eduardo Parga, que lles deu unha calorosa benvida.

No acto, o alcalde Eduardo Parga obsequiou aos membros do Colexio cunha redeira, unha fermosa boneca feita a man con barro de Buño, símbolo do patrimonio artesanal do municipio. Pola súa banda, os representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía entregaron ao alcalde unha placa conmemorativa como agradecemento pola hospitalidade e colaboración.

25Nov 2024

Malpica garda un minuto de silencio e le un manifesto contra a violencia de xénero

Hoxe, ás 12:00 horas, a Praza Villar Amigo foi o lugar dun emotivo acto polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O evento comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas, que rematou cunha sentida rolda de aplausos por parte de todos os asistentes. De seguido, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, tomou a palabra para ler o manifesto oficial baixo o lema: “Que a nosa luz apague para sempre a violencia de xénero.” Durante a lectura, lembrouse o caso de Estela Blach, asasinada en Baiona, e fíxose fincapé no número de vítimas deste ano, que ascende xa a 41 en España. O manifesto destacou a importancia de denunciar, actuar con contundencia e promover unha tolerancia cero ante a violencia de xénero. A veciñanza, representantes do Concello, asociacións locais e funcionarios uníronse a este acto como mostra de compromiso colectivo.

Para finalizar, lanzouse un farolillo ao ceo, simbolizando a memoria das vítimas e a esperanza dun futuro sen violencia.

O Concello de Malpica reafirmou o seu compromiso coa loita contra esta problemática e lembrou que o teléfono 016 está dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, para atender ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

20Nov 2024

Malpica reforza o seu compromiso co benestar animal cun convenio entre o Concello e a Asociación Malpica Felina

Esta mañá, o alcalde, Eduardo Parga, e a presidenta da Asociación Malpica Felina, Vanessa Cores, asinaron un convenio de colaboración e a asociación para o coidado dos animais sen fogar no noso municipio.

O acordo, promovido pola Concellería de Medio Ambiente que lidera Rodrigo Mato, busca fortalecer a rede de coidado e protección dos animais abandonados. Mato tamén estivo presente na sinatura deste importante documento, que é resultado dun traballo conxunto orientado a mellorar as condicións de vida destes animais.