Pleno do Concello de Malpica aproba o reparto do POS+2025
O Concello de Malpica celebrou onte o seu pleno ordinario no que se aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025. O goberno local presentou a proposta de reparto dos fondos, que inclúe investimentos en infraestruturas deportivas e gasto corrente, así como o proxecto complementario para a mellora viaria. En concreto, o POS+2025 distribuirase do seguinte xeito:
• 264.182,57 € para o proxecto de Cambio de céspede, rego, acolchado do perímetro de xogo e banquiños do campo de Pedra Queimada, que contempla a creación de dous campos de fútbol 8 e un de fútbol 11.
• 274.463,26 € destinados a gasto corrente.
Así mesmo, a partida do POS+ Complementario destinarase ao ensanchamento e mellora da estrada Brión – O Castro, cun orzamento de 210.508,92 €.
A proposta saíu adiante grazas aos 6 votos a favor do PP, mentres que o BNG e AIM optaron pola abstención (3 votos), e o PSOE manifestou a súa oposición con 4 votos en contra.
Desde o goberno local destacan que estas actuacións permitirán mellorar as infraestruturas municipais e garantir a prestación de servizos esenciais á veciñanza.