Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

26Mai 2017

Fin de semana teatral coa estrea da nova montaxe de Os amigos de Malpica e o maratón do obradoiro infantil municipal

Esta fin de semana o teatro chega por partida dobre a Malpica.

CARTEL MAIO 2017

Mañá sábado, ás 19.30 horas, a compañía Os Amigos de Malpica estreará a súa nova montaxe, “Aquí mando eu, entendido?”, unha comedia dirixida por Andrés Mourente Castro e protagonizada por Xurxo Alfeirán Chouciño, María del Carmen Varela Caravel, Adriana Reigía Martínez, Luis Mato Lema e Manuel Bugallo Chouciño, que ademais contarán coa axuda do apuntador Jesús Rodríguez Bello. O protagonista da obra é Xaquín, un viúvo autoritario e teimudo afeito a impoñer o seu parecer a base de ameazas a todo o mundo, incluída a súa única filla… Para coñecer o resto da historia haberá que asistir á función de mañá no auditorio do Centro Cívico. A obra está recomendada para maiores de 10 anos.

E o domingo, dentro do programa Nos Tempos das Letras, sairán a escena os alumnos e alumnas do Obradoiro de Animación Teatral do Concello de Malpica. A partir das 18 horas, tamén no auditorio do Centro Cívico, celebrarase un maratón de teatro infantil no que se representarán as obras “O punto e final”, “Unha de bruxas”, “Margarida, a filla de don Importante” e “Acampada no cemiterio”.

En ámbolos dous casos, a entrada é libre ata completar aforo.

26Mai 2017

95 persoas actúan na gala de clausura das escolas municipais de aeróbic e baile moderno, ximnasia rítimica e patinaxe

A medida que se achega o mes de xuño toca ir poñendo fin ás actividades culturais e deportivas organizadas polo Concello de Malpica durante o curso académico. As primeiras en despedirse son as alumnas das escolas municipais de aeróbic e baile moderno, ximnasia rítmica e patinaxe, que ofrecerán mañá venres unha exhibición na que participarán un total de 95 deportistas.

11

O pavillón municipal de Malpica abrirá as súas portas ás 17 horas para recibir ás participantes e a todas as persoas que queiran acompañalas. As primeiras en saír á pista serán as alumnas de aeróbic e baile moderno. Despois será a quenda das de ximnasia rítmica, ás que seguirán as nenas e nenos de patinaxe de Buño e de Malpica.

Ao remate, segundo informou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, haberá un agasallo para cada participante e unha merenda para todos. Na clausura tamén participarán o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández.

22Mai 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas incluirá este ano unha homenaxe a Paco Souto

Este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas será especial porque, como lembrou hoxe Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, “é a primeira vez que o celebramos sen Paco Souto”. O que foi secretario de Caldeirón e un dos principais impulsores do premio, faleceu o pasado 30 de marzo, e tanto os seus compañeiros e compañeiras da asociación como o Concello de Malpica queren dedicarlle dalgún xeito esta 12ª edición. Con esa intención, segundo anunciou o presidente de Caldeirón na presentación do certame, que tivo lugar hoxe no Centro Cívico, coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, celebrarase unha homenaxe a Paco Souto.

POESIA EROTICA 22 MAIO (6)

Unha das propostas que se barallaron foi o cambio de nome do propio certame, pero Paco de Tano explicou que finalmente desestimouse “porque a fin de contas foi el o que lle puxo o nome de Illas Sisargas”. Do papel fundamental que xogou Paco Souto na historia do certame falou tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e nese sentido considera que é preciso lembrar a súa figura.

Do mesmo xeito que Paco de Tano manifestou a intención da Asociación Cultural Caldeirón de manter o premio, o alcalde de Malpica expresou o compromiso do Concello de seguir colaborando como ata agora. “O certame de poesía erótica ten o noso apoio total porque cremos nesta iniciativa e esperamos que siga indo a máis, como ata agora”.

O prazo de inscrición está aberto  ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, na primeira fin de semana de novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros. Consulta as bases completas pinchando aquí.

BASES XII CERTAME DE POESIA ERÓTICA ILLAS SISARGAS 2017

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
13Mai 2017

O Concello de Malpica participa na campaña “Quere o teu mercado” co sorteo dun lote de pezas de Olería de Buño

O de Malpica é un dos 90 mercados galegos que participan na campaña internacional “Quere o teu mercado”, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, fomentando así a compra do produto local e a profesionalidade dos praceiros e praceiras. En Galicia a campaña está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta, e desenvólvese arredor do 27 de maio, Día do Mercado.

PEZAS QUERE O TEU MERCADO

As 5 pezas xa están preparadas para o sorteo

O Concello de Malpica e as praceiras e praceiros súmanse á iniciativa cunha campaña que se levará a cabo dende o 15 ata o 27 de maio, e que rematará co sorteo de cinco pezas tradicionais da nosa Olería de Buño. Con cada compra, os clientes dos postos do mercado recibirán un boleto, que deberán cubrir cos seus datos persoais e depositar nunha urna situada na entrada do edificio. O sorteo celebrarase o día 27, ás 12 horas, no propio mercado.

O Concello de Malpica anima aos veciños e veciñas a facer as súas compras no mercado municipal, onde atoparán produtos frescos, de calidade e da nosa contorna, favorecendo así a produción de proximidade e a economía local. E ademais, do 15 ao 27 de maio, a túa compra pode ter premio. Participa e sorte!

Se queres saber máis sobre a campaña Quere o teu mercado pincha aquí.

12Mai 2017

SEA pon á venda 14 parcelas no parque empresarial de Malpica cun 25 % de desconto

Reunion_Sepes

O alcalde de Malpica ten participado en varias xuntanzas con SEA para reclamar unha rebaixa nos prezos que fagan o polígono máis competitivo

Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), que é a empresa promotora do parque empresarial de Malpica, pon á venda 14 parcelas cun 25% de desconto sobre o prezo orixinal. As persoas interesadas poden presentar as súas ofertas na sede da entidade, en Santiago, ata as 13 horas do día 26 de maio. A documentación precisa pode consultarse aquí, e se alguén precisa máis información pode chamar ao número de teléfono 981 575 469.

Para a adxudicación das parcelas SEA opta por un procedemento aberto que se decidirá polo prezo que ofrezan os licitadores. Para participar, os interesados deben depositar unha garantía do 5% do prezo base das parcelas. As ofertas presentaranse en dous sobres: A, coa documentación xeral, e B, coa proposta económica.

No parque empresarial de Malpica hai 14 parcelas dispoñibles con superficies que van dende os 1.000 metros cadrados, por un prezo de saída de 60.750 euros, ata os 5.578 metros que ten a parcela máis grande, e que sae a licitación por 317.997,25 euros.

11Mai 2017

Chega a Malpica o programa de prevención da violencia de xénero na idade adolescente “SUPRime o ConTRoL”

O venres 12 de maio chega a Malpica o programa socioeducativo “SUPRime o ConTRoL”, unha iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Garda Civil que pretende previr as situacións de violencia de xénero, sobre todo na idade adolescente, e informar ás familias sobre os riscos das novas tecnoloxías. A actividade forma parte do Programa Socioeducativo que se está a desenvolver este curso no IES Urbano Lugrís, e do que tamén se dará conta ás familias para que coñezan as experiencias e os resultados obtidos ata o momento.

Encontro coas familias_Malpica_10-05

A xornada programada para hoxe está dirixida ás familias, coa finalidade de achegarlles algunhas ferramentas que lles permitan abordar estes problemas dende o entorno familiar. A charla terá lugar na Aula Circular, no 2º andar do Centro Cívico, ás 16 horas. Participarán persoal docente e a unidade especializada da Garda Civil en actividades educativas de prevención de violencia contra as mulleres e en novas tecnoloxías.

10Mai 2017

Estudantes da Coruña e de Venecia que participan nun intercambio visitaron o noso concello

INTERCAMBIO (6) O IES Agra do Orzán (A Coruña) e Instituto Superior Benedetti-Tommaseo de Venecia (Italia) participan nun intercambio que xa case forma parte da tradición en ámbolos dous centros, pero este ano por primeira vez incluíron entre as súas actividades unha visita ao municipio de Malpica. As mozas e os mozos tiveron a ocasión de coñecer Punta Nariga e tamén o Forno do Forte. No ecomuseo foron recibidos polo tenente de alcalde, Miguel Fernández, que quixo que levasen un recordo aínda mellor da visita facendo entrega dunha xerra ao profesorado do Agra do Orzán e dun pucheiro de encote ao do instituto italiano.

INTERCAMBIO (5)

Os intercambios entre ámbolos centros, que se remontan anos atrás, teñen compoñentes culturais e sociais. Un grupo de alumnos e alumnas do IES coruñés, entre eles un malpicán, estiveron en febreiro en Venecia, convivindo coas familias dos estudantes que agora visitan A Coruña. A súa estancia rematará mañá.

4Mai 2017

Xa está en marcha en Malpica o clubEmprego, un espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido por Íntegro

A aula de informática da Casa do Oleiro de Buño convértese na sede do clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido pola Asociación Íntegro coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O primeiro grupo empezou a traballar hoxe, e ata alí achegáronse a concelleira Marisol Blanco e o alcalde, Eduardo Parga, que amosou o seu desexo de que todas as iniciativas que está a desenvolver o Concello de Malpica en materia de formación acaden o obxectivo pretendido da inserción laboral.

CURSO PIMD

O clubEMprego é unha nova acción formativa incluída no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Ámbito Rural (PIMD Rural), aínda que está aberto a todas as mulleres que queiran realizar unha busca activa de emprego. O proxecto consiste en ofrecerlles asesoramento individual e grupal para dotar de ferramentas útiles e necesarias a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade social.

Con esa intención, en cada sesión haberá grupos reducidos de traballo aos que se lles facilitará apoio formativo individualizado relacionado con Tic´s, trámites administrativos ou empoderamento, así como accións grupais dirixidas á realización de procuras dixitais, entrega de currículos, rastrexos a pé de rúa, creación de bolsas de emprego ou intermediación laboral con empresas, entre outras. Ademais, faranse prospeccións de mercado periódicas para coñecer, a curto e medio prazo, as necesidades de mercado da zona e adecuar a formación das alumnas ás mesmas.

1Mai 2017

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” con exposicións, contacontos, teatro, música e actividades literarias

Malpica entra “Nos Tempos das Letras” cun programa que inclúe propostas para todos os públicos e que abrangue diferentes manifestacións culturais. Durante cinco semanas, todos os venres ás 18 horas os máis pequenos da casa están chamados a participar nos “Venres na biblioteca”, que comezarán o 5 de maio co espectáculo de Gloria Mosquera “As aventuras de Mamá Cabra”, para nenos/as de 2 a 10 anos. O día 12 escoitarán os “Contos nacidos do mar” de Raquel Queizás, e o 19 chegará “A nosa música con Jorge e María”, ámbolos dous recomendados a partir de 3 anos. Para rapaces e rapazas de 5 a 12 anos, Ghazafelhos traerá o espectáculo “Camiñando entre estrelas” o día 26 de maio, e para rematar, para o 2 de xuño reservamos as historias de “Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica”, con BocAberta.

Do 8 ao 31 de maio estará aberta, tamén na biblioteca, unha exposición sobre Carlos Casares, protagonista do cartel anunciador do programa. A literatura estará moi presente “Nos Tempos das Letras” grazas á colaboración da Asociación Cultural Caldeirón, que o luns 22 de maio presentará o XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas (Centro Cívico, 12 horas), e o 3 de xuño convídanos á presentación da publicación “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias (Casa do Pescador, 20 horas).

O 3 de xuño tamén será o día do teatro, co maratón de fin de curso a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do Concello de Malpica. A partir das 18 horas, no auditorio do Centro Cívico, representará “O punto e final”, “Unha de bruxas”, “Margarida, a filla de Don Importante” e “Acampada no cemiterio”.

No programa “Nos Tempos das Letras”, organizado pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo, tamén colaboran a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

CARTEL NOS TEMPOS DAS LETRAS 17

 

28Abr 2017

Dúas xogadoras de Malpica na Selección da Costa de fútbol feminino, que debuta o 1 de maio en Buño

Eva Luz e Iria Gundín son as dúas xogadoras de Malpica convocadas para a Selección da Costa de fútbol feminino, que debutará o vindeiro luns 1 de maio no campo de Xaviña, en Buño, contra a Selección Coruñesa Sub-15. A creación da Selección da Costa e unha aposta máis da Asociación Deportiva Vidú polo deporte, neste caso co apoio da Federación Galega de Fútbol. “A Costa da Morte é unha zona cunha gran tradición futbolística e na cal, actualmente o fútbol feminino está en pleno auxe”, manifestan dende a entidade.

Por todo isto e coa intención de darlle un impulso e visibilidade ao fútbol feminino na zona, a entidade cormelá decidiu dar o paso de crear este combinado que debutará o vindeiro luns 1 de maio. Ese día, a Selección da Costa enfrontarase no Campo de Xaviña (Buño) á Selección Coruñesa Sub-15 que dirixe o carballés Gueli Cotelo.
No que respecta ao combinado costeiro, a Selección da Costa estará dirixida por David Castro, un bo coñecedor da modalidade na zona e que estará moi ben arroupado, xa que contará coa axuda da gran María Varela Bardanca, quen está considerada como a mellor futbolista da zona e ademais conta cunha traxectoria impecable e inmaculada no mundo do fútbol.

Cartel Seleccions 1 de Maio

O seleccionador da Costa da Morte convocou un total de 20 xogadoras de sete clubs diferentes para este primeiro encontro e elas son as seguintes: Angy Esmorís, Lucía Couñago, Andrea Domínguez, Laura Seoane, Ana Fontes, Zeltia Belo e Paula Gómez do Bergantiños CF; Raquel Domínguez, Cintia Arijón, Carla Varela e Leticia Santos do SD Tordoia; Sarai Muiños, Iria Gundín e Tatiana Barcia do Vitoria CF; Verónica Mallo e María Lorenzo do SCD Pastoriza; Eva Luz e Karina Tajes do RC Deportivo; Andrea Rodríguez do Ural CF e Ana Bugallo do EF Luís Calvo Sanz.

Por parte da Selección Coruñesa Sub-15, o seleccionador Gueli Cotelo solicitou a presenza de dezaoito xogadoras de catro clubs e son as seguintes: Ana Carreiras, Ana Bermúdez, Carlota Sánchez, Inés González, Laura Rivas, Lucía Lorenzo e Uxía Franqueira do Deportivo Orzán; Aroa Guerra, Andrea Díaz e Carlota Barreiro do Imperátor OAR; Nuria Campo, Clara Taboada, Alba Villar, Laura Cetina, Inés García, Zaida Táboas e Ania Montero do Vitoria CF e Giselle Englem do Orzán SD.

Tanto a Federación como a Asociación Deportiva Vidú esperan que este partido sexa unha gran festa do fútbol feminino e que sirva de trampolín para que esas mozas e nenas que están en dúbidas de dar o paso para xogar ao fútbol se animen a facelo.

Página 79 de 149« Primera...102030...7778798081...90100110...Última »