Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

10Abr 2017

Comenzou a instalación da marquesiña do CEIP Milladoiro

MARQUESIÑA MILLADOIRO (1)

O contrato de subministración, montaxe e instalación de elementos prefabricados para a segunda fase da marquesiña do CEIP Milladoiro xa está en marcha. Os traballos son executados pola empresa Solconor S.L., cun orzamento de 23.415,92 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI 2016). O prazo de execución é de dous meses.

Dentro do PAI 2016 tamén se inclúe o proxecto de mellora da seguridade do alumeado público de Barizo, Mens, Malpica e Vilanova.

9Abr 2017

As Torres de Mens abriron as súas portas para recibir a un grupo de excursionistas do municipio de Cambre

VISITA TORRES MENS 9 ABRIL 2017 (8)

As Torres de Mens abriron hoxe as súas portas ao público, excepcionalmente, para recibir a un grupo de máis de corenta excursionistas procedentes do municipio coruñés de Cambre. A visita foi xestionada polo departamento de Educación, Cultura e Turismo do Concello de Malpica, que contactou co propietario do BIC (Ben de Interese Cultural), Agustín Ordóñez, quen, ademais de abrir a súa residencia, exerceu como guía. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, agradeceu a hospitalidade do dono das torres achegándose tamén ata a histórica fortaleza e facéndolle entrega dun conxunto de pezas tradicionais de Olería de Buño.

VISITA TORRES MENS 9 ABRIL 2017 (4)

A viaxe a Malpica forma parte do programa de actividades da Oficina de Información Xuvenil de Cambre, que cada mes organiza unha excursión a un concello galego para coñecer novas rutas de sendeirismo, visitar algún recurso turístico (neste caso, as Torres de Mens) e ofrecer aos mozos e mozas a posibilidade de practicar actividades diferentes. En Malpica, ademais de percorrer un treito do Camiño dos Faros, asistiron a un curso de pesca e pola tarde levárono á práctica.

As Torres de Mens son un conxunto amurallado composto por vivenda e tres torres de planta cadrada. No último andar dunha delas sobresae un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. Pertenceron aos Condes de Altamira, e no ano 1467 quedaron parcialmente derruídas. No ano 1988, o seu propietario, Agustín Ordóñez, encargoulle a rehabilitación ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, un traballo que recibiu o premio Europa Nostra no 1993.

8Abr 2017

O Concello de Malpica, no acto de cesión da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo por parte das redeiras ao Museo do Pobo Galego

REDEIRAS (5)

O alcalde e o concelleiro Miguel Fernández, coa conselleira, o patrón maior e a presidenta da federación O Peirao

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández acompañaron hoxe ás redeiras malpicás no acto de cesión da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo por parte da Federación de Redeiras Artesás de Galicia O Peirao ao Museo do Pobo Galego. A conselleira do Mar, presente no acto, agradeceu a xenerosidade das redeiras, e destacou que a medalla que lles outorgou o Goberno central o ano pasado recoñece “o seu esforzo, o labor de todos os días e o traballo ben feito”.

A malpicá Verónica Veres, presidenta da Federación de Redeiras Artesás de Galicia, fixo entrega da medalla ao presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi. Ademais de Rosa Quintana, tamén asistiron ao acto a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a director xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

REDEIRAS (7)

Unha representación das redeiras de Malpica

O Peirao recibiu unha das 14 medallas outorgadas o ano pasado polo Consello de Ministros, que decidiu recoñecer con este distintivo o esforzo que realiza o colectivo por “lograr o recoñecemento da igualdade de dereitos nun labor, o de quen fabrica e pon a punto as redes de pesca, que non se considerara antes oficio”. Ademais do seu gran valor social, o Goberno destacou a aportación das redeiras ao patrimonio cultural de Galicia.

A Federación de Redeiras Artesás agrupa a unha decena de entidades de Cedeira, A Gurada, Cangas, Cambados, Cariño, Burela, Corme e Malpica. Dende o ano 2004 vén traballando pola defensa dos intereses das redeiras profesionais, na divulgación do seu labor tradicional, na prevención de riscos laborais, na formación das asociadas e na denuncia do intrusismo.

1Abr 2017

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 10 ata o sábado 15 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 15 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

O Forno do Forte consta de 11 estruturas distribuídas arredor do forno -que é a peza central-, como o cabanote, o hórreo, a administración, a taberna, a tenda, a exposición agrícola e as vivendas dos oleiros. Durante todo o horario de apertura ao público, á parte de visitar as instalacións, o público poderá ver o traballo do oleiro Antonio Corral no torno.

VISITA LOS ROSALES (2)O Concello de Malpica aproveita a celebración dos Días Europeos da Artesanía, esta fin de semana, para convidarvos a visitar o Forno do Forte e a vila de Buño. Precisamente hoxe recibimos dúas visitas moi interesantes, unha organizada pola Fundación Eduardo Pondal e outra dun grupo de veciños e veciñas do barrio coruñés dos Rosales (adxuntamos foto), que tamén percorreron a vila de Malpica e quedaron a xantar na Casa da Cultura de Seaia. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández exerceron como anfitrións.

30Mar 2017

O pleno da corporación de Malpica decreta un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto

O pleno da corporación de Malpica decretou un día de loito oficial polo pasamento do concelleiro Paco Souto. “Hoxe é un día de loito para esta corporación municipal, para o noso pobo, para o mundo da cultura e para un sector tan importante para Malpica como o marisqueiro”, dixo o alcalde, Eduardo Parga, na declaración institucional que se leu durante a sesión.

FOTO MAR CASAL

Imaxe do pleno celebrado hoxe (Foto: Mar Casal)

“Hoxe o mar arrebatounos a un leal compañeiro, bo veciño e mellor persoa. Francisco Souto Barreiro, Paco Souto, percebeiro, escritor, político, gran activista social e cultural, sempre creativo e sempre buscando novas iniciativas coas que contribuír ao desenvolvemento cultural do seu pobo, do noso pobo. Paco Souto deixa un enorme oco na vida cultural de Malpica e da comarca. Deixa tamén unha cadeira baleira neste salón de sesións, pero deixa, sobre todo, unha familia pola que traballaba, pola que loitaba e á que adoraba”, continuou o alcalde, que quixo transmitir as condolencias de toda a corporación e de todo o pobo de Malpica á súa dona, Enma Abella, e aos seus fillos.

O pleno, ao que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado provincial e concelleiro en Carballo Xosé Regueira, rematou cun minuto de silencio “como a última homenaxe que podemos facerlle”, declarou Eduardo Parga.

Os restos mortais de Paco Souto atópanse no tanatorio de Malpica, onde mañá venres ás 15.45 horas celebrarase un acto cívico organizado pola súa organización política. Ás 17 horas será incinerado en Carballo.
.

28Mar 2017

A CMAT organiza un curso de inglés para hostalaría en Buño

Cursos ingles

A CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), que preside o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, organiza cursos de inglés para hostalaría en Buño e Baio. Na vila oleira haberá dez sesións, que se impartirán dende o 3 de abril ata o 5 de maio, mentres que no concello de Zas levaranse a cabo dende o 4 de abril ata o 11 de maio. En ámbolos casos o horario será de 10 a 12.

Os cursos están organizados pola CMAT en colaboración coa Deputación da Coruña e Acerta. Os/as hostaleiros/as interesados/as en participar poden inscribirse a través do correo electrónico cursoscmat@gmail.com ou do número de teléfono 981 106 060.

24Mar 2017

Asinado o contrato das obras de recuperación ambiental do espazo público da Camposa

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o representante da empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, asinaron hoxe o contrato para a execución das obras de recuperación ambiental do espazo público da Camposa, en Buño. No acto estivo presente tamén o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández. O proxecto, incluído no Plan de Medio Ambiente (PMA 2016) da Deputación da Coruña, suporá un investimento de 34.835,62 euros.

MALPICA CONTRATO CAMPOSAO espazo público da Camposa rexistra unha importante actividade, xa que concentra os servizos da Casa do Oleiro, o antigo centro comarcal e o novo centro de saúde, cunha gran afluencia diaria. Precisamente, e para facilitar os desprazamentos dende a vila de Buño ata A Camposa, o Concello de Malpica xa acometeu no seu momento, con fondos da Xunta de Galicia, a construción dunha senda peonil.

22Mar 2017

O Concello de Malpica súmase ao programa clubEmprego coa finalidade de impulsar a inserción laboral da muller

O Concello de Malpica únese a clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller promovido pola asociación Íntegro dentro do seu PIMD Rural. As mulleres interesadas poden informarse con máis detalle e/ou formalizar a súa inscrición na Oficina de Desenvolvemento Local, situada na Casa do Oleiro de Buño, tanto persoalmente coma a través do número de teléfono 981 711 303 ou do correo electrónico joseramon.andrade@malpicadebergantinos.es.

CARTEL PIMD MALPICA

 

Con esta iniciativa, que arrancará en abril, o Concello de Malpica dá un paso máis nas accións que vén promovendo nos últimos anos coa finalidade de mellorar a inserción laboral dos veciños e veciñas, e en especial dos colectivos que máis dificultades atopan para atopar emprego, coma discapacitados, persoas en risco de exclusión ou, coma neste caso, mulleres.

Esta novidosa experiencia está dirixida a mulleres con ganas de incorporarse ao mercado de traballo. O clubEmprego posibilitará a busca de emprego en grupo e a prestación de asesoramento individual e grupal para dotar de ferramentas útiles e necesarias a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade social. Para elo, en cada sesión haberá grupos reducidos de traballo aos que se lles facilitará apoio formativo individualizado relacionado con Tic´s, trámites administrativos ou empoderamento, así como accións grupais dirixidas á realización de procuras dixitais, entrega de currículos, busca a pé de rúa, creación de bolsas de emprego ou intermediación laboral con empresas, entre outras. Ademais, faranse prospeccións de mercado periódicas para coñecer, a curto e medio prazo, as necesidades de mercado da zona e adecuar a formación das alumnas ás mesmas. Así mesmo, en caso que a demanda o requirise, tamén se poría en marcha un clubEmprendemento para mulleres emprendedoras, interesadas no autoemprego, coa finalidade de poñer ao seu alcance as medidas, coñecementos e axudas necesarias para crear o seu propio negocio ou empresa.

Para garantir o éxito e a viabilidade das novas acción, dende a asociación Íntegro traballarase de forma coordinada co departamento de Desenvolvemento Local e cos Servizos Sociais.

16Mar 2017

A Casa do Oleiro acollerá o día 21 unha xornada informativa sobre as axudas do Programa Leader Galicia 2014-2020

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte celebrará a vindeira semana unha serie de charlas para dar a coñecer as axudas do Programa Leader Galicia 2014-2020 para a zona. Unha das xornadas informativas terá lugar o martes 21, ás 20.00 horas, na Casa do Oleiro de Buño.

O prazo de solicitude das axudas está aberto xa. Hai dúas convocatorias anuais, unha que remata o 31 de marzo e outra ata o 31 de maio. Para este ano hai un orzamento de 563.337,58 € (abrangue proxectos produtivos e non produtivos), e para o 2018 están consignados un total de 315.295,31 euros.

Triptico

Máis información

• Edificio de Servizos Múltiples. Rúa A Torre, s/n – 15129 Vimianzo. Tfno. 608 633 222
• Centro Comarcal de Bergantiños. A Camposa, s/n – Buño – Malpica de Bergantiños. Tfnos. 981 71 73 58 – 678 648 065
• 981 71 73 58 (centraliña)
• www.gdrcostadamorte.com

15Mar 2017

Aberta a inscrición para as prazas que ten reservadas o Concello de Malpica na Travesía a Nado Illas Sisargas

O Concello de Malpica ten aberto dende onte e ata o día 30 o prazo de inscrición para as prazas que ten reservadas na 8ª Travesía a Nado Illas Sisargas, que se celebrará o 6 de agosto. Segundo informou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, os solicitantes teñen que ser maiores de 18 anos ou maiores de 16 con consentimento paterno. Na adxudicación terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.

A inscrición realizarase no Departamento de Deportes do Concello de Malpica en horario de 9:00 – 14:00 ou no teléfono 981 720 001. As persoas que resulten adxudicatarias das prazas reservadas para o Concello de Malpica pagarán unha cota de inscrición reducida de 30 €, 5 dos cales destinaranse a unha ONG. O concelleiro Iago Espasandín agradece a colaboración do Club Travesía Sisargas habilitar este prazo extraordinario de inscrición.

Para o resto dos participantes o prazo abrirase o 1 de abril, e as anotacións formalizaranse a través da páxina www.championchipnorte.com. A cota será de 50%, e o 10% de todas as inscricións será doado á Cruz Vermella para o seu programa de atención á primeira infancia. Máis información na web www.travesiasisargas.com.

Página 80 de 149« Primera...102030...7879808182...90100110...Última »