Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 19°
17°
Domingo 21°
17°
Luns 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

11Out 2021

Malpica rememora as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e un espectáculo de monicreques

O departamento de Cultura do Concello de Malpica, dentro da programación da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña, rememorará as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e un espectáculo de monicreques. Conmemoraranse así as históricas representacións de José Val de Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e Rafael Dieste.

O 20 de outubro de 2021 cúmprense 88 anos desde que o público malpicán puido gozar dunha serie de actividades con monicreques que acabarían percorrendo toda España co obxectivo de achegar a cultura a toda a poboación.

Deste xeito, o Fondo Lugrís do Centro Cívico será o escenario dunha mostra fotográfica das Misións Pedagóxicas do 1933 que estará aberta ao público desde o 18 ao 31 de outubro.

Ademais, o 24 de outubro ás 18:00 horas terá lugar o espectáculo ‘Varietés do Animalario’ da compañía teatral Paporrubio na praza Anselmo Villar Amigo. Trátase dunha actuación familiar, adecuada para nenas e nenos a partir de 3 anos,.

Será necesario inscribirse previamente para esta actividade, que contará cun aforo máximo de 100 persoas. Poderán reservarse asentos a partir do 15 de outubro enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es indicando nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto. Cada persoa poderá solicitar ata catro asentos. A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, destacou a importancia “dunha conmemoración histórica non só para Malpica, senón para todo o país”. “A través desta programación queremos facer un tributo a unha iniciativa pioneira que sentou as bases para o proceso de alfabetización de toda a sociedade”, engadiu.

6Out 2021

Malpica acollerá a cuarta edición do Memorial Ángel Rubio de xadrez, que repartirá 800 euros en premios

Malpica acollerá o vindeiro sábado 9 de outubro a IV edición do Memorial Ángel Rubio de xadrez. A proba repartirá 800 euros en premios e é valedora para o V Circuíto de Xadrez Deputación da Coruña 2021.

Esta competición anual está coordinada polo Club Xadrez Guillán, organizada polo Club Xadrez Arteixo e patrocinada polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación, a Asociación de Olería de Buño e Frutas Fondo.

A proba terá lugar no pavillón municipal de Malpica e comezará ás 16:00 horas coa primeira rolda. O acto de clausura e de entrega de premios está previsto para as 21:00 horas.

As inscricións poden realizarse ata o venres 8 de outubro chamando ao 617 23 43 93 ou enviando un correo a pokeryajedrez@gmail.com. Os prezos son de 8 euros na categoría xeral, 5 euros en sub-16 e gratuíto para GM-MI e competidores locais.

As bases da competición están dispoñibles na páxina web http://www.pokeryajedrez.com/iv-concello-de-malpica/.

30Set 2021

O Concello de Malpica aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico co seu novo organigrama de goberno

O Concello de Malpica aprobou na sesión plenaria deste xoves, 30 de setembro, un novo organigrama de goberno que aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico e que consta de sete Concellerías.

Eduardo Parga queda ao cargo da alcaldía e da carteira de Urbanismo. Pola súa banda, Alfredo Cañizo está ao fronte da Concellería de Servizos, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Rural, Mar, Turismo e Festexos, ademais da primeira tenencia de alcaldía. Miguel Ángel Fernández Miras leva a Concellería de Obras e Medio Ambiente, así como a segunda tenencia de alcaldía.

A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Olería queda nas mans de Marisol Blanco Gorín, que tamén asume a terceira tenencia de alcaldía. A cuarta tenencia de alcaldía será de Noelia Freijeiro Novo, así como a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes.

Pilar Doldán Pose pasa a ser concelleira de Promoción Económica, Emprego e Comercio. Finalmente, Fernando Rodríguez Baldomir asume as carteiras de Mocidade e Novas Tecnoloxías.

29Set 2021

O Concello de Malpica de Bergantiños, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre Malpica, impulsa a celebración do Concerto Benéfico Isla Bonita

O Concello de Malpica, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre, impulsan a celebración do concerto benéfico ‘Isla Bonita’ para recadar fondos cos que colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Está previsto que a cita teña lugar o vindeiro 23 de outubro en Canido.

A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos.

Co obxectivo de colaborar e facilitar na adaptación a esta situación, o Concello e a Asociación Salitre contactarán nos vindeiros días con máis agrupacións malpicás, con grupos musicais e con establecementos comerciais e hostaleiros para implicar ao maior número de persoas posibles.

O proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación. Irase actualizando información nos vindeiros días.

22Set 2021

Malpica abre as inscricións para a EMEF, os cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic

O Concello de Malpica acaba de abrir as convocatorias para inscribirse nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF), así como nos cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic.

No caso da EMEF e ximnasia terapéutica, a tempada 2021/22 comezará a partir do 1 de outubro. As clases de ximnasia impartiranse os mércores e os venres en Buño (de 10:15 a 11:00 horas) e en Malpica (de 11:15 a 12:00 horas).

En canto a pilates, baile moderno e aerobic, os cursos iniciaranse a partir do 5 de outubro. As sesións de baile moderno e aerobic están destinadas para persoas maiores de 16 anos e terán lugar no pavillón deportivo. Serán os martes e os xoves de 20:05 a 21:00 horas.

O pavillón deportivo será tamén o escenario das clases de pilates, que se distribuirán en catro grupos con sesións os martes de 18:05 a 19:00 horas e de 19:05 a 20:00 horas e os xoves neses mesmos horarios.

As inscricións poderanse realizar de xeito presencial na Casa do Concello. Para máis información está dispoñible o teléfono 981 72 00 01.

16Set 2021

A rapazada malpicá poderá gozar dunha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’ dende o 24 de setembro ata o 15 de outubro

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18:00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral.

O 24 de setembro dará comezo o programa con ‘O arquivo do Chibo’, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será ‘A caixa sen Pandora’, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade.

O 8 de outubro está programada a actuación ‘Aldara na montaña’, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as ‘Tardes na biblioteca’ deste outono con ‘Entre bechos anda o conto’ da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

Lembramos que esta programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por covid-19. O aforo máximo será de 15 persoas por actuación, un número suxeito a variacións en función da evolución da pandemia. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

7Set 2021

Orballo Cultural chega a Canido o 11 de setembro

Ao longo do sábado, o festival Orballo Cultural organiza dúas sesións con música en directo: Ao mediodía con Pau que vira e Lóstregho e pola tarde con The Lowcos e Maikel DJ Set. As entradas están dispoñibles en https://www.woutick.es/evento/1705/entradas-orballo-cultural-en-malpica-de-bergantinos.

3Set 2021

O pleno municipal de Malpica inviste como novo alcalde a Eduardo Parga

Esta mañá tivo lugar un pleno extraordinario da corporación municipal de Malpica no Centro Cívico no que se investiu como novo alcalde do Concello a Eduardo Parga.

Este cambio de goberno prodúcese tras unha moción de censura presentada no mes de agosto polo Partido Popular, con seis edís, e o concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo.

A corporación quedará composta do seguinte xeito: Eduardo Parga como alcalde; Miguel Ángel Fernández; Fernando Rodríguez; María Soledad Blanco; Noelia Freijeiro; María del Pilar Doldán; e Alfredo Cañizo como edís do goberno. A oposición estará conformada por Walter Pardo, Sergio García, Ángel Garrido, María Manuela Álvarez, por parte do PSOE; e Leticia Varela e Miguel Varela por parte do BNG.

O novo rexedor malpicán, Eduardo Parga, logo da celebración do pleno, indicou que traballará “para darlle dinamismo ao municipio, poñernos a xestionar a partir de xa e darlle saída a todo o que quedou feito polo anterior goberno, así como preparar os novos proxectos que presentaremos nas vindeiras semanas”.

Pola súa banda, Walter Pardo afirmou “levar Malpica e a súa veciñanza dentro do meu corazón” e amosouse “satisfeito por todo o traballo realizado nos dous anos de lexislatura ó fronte deste goberno”.

Miguel Varela, voceiro do BNG, sinalou que “toda a base da acción política parte do diálogo e así continuaremos a exemplarizalo dende a bancada da oposición”.

31Ago 2021

Concello e Deputación despiden unha edición máis dun Campamento Urbano Malpica 2021 no que participaron 27 nenas e nenos

O Concello e a Deputación da Coruña despediron esta mañá unha edición máis do Campamento Urbano Malpica 2021, organizado para promover a conciliación da vida familiar e laboral e destinado ás crianzas de 4 a 12 anos. Tivo lugar do 2 ao 31 de agosto e participaron 27 nenas e nenos. A actividade contou co financiamento do Fondo Social do Plan Único da entidade provincial

Esta mañá o alcalde, Walter Pardo; o tenente de alcalde, Sergio García e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, acompañaron á rapazada no acto celebrado no patio escolar do CEIP Milladoiro, onde lle entregaron aos rapaces e rapazas uns obsequios tras a súa participación e bo comportamento. 

Os obxectivos prioritarios do mesmo, ademais de promover a conciliación, foi promover a rúa como espazo de uso público, poñer en valor o coñecemento da contorna e promover hábitos saudables para empregar con conciencia o tempo de lecer. 

Dentro da programación do Campamento Urbano Malpica 2021 desenvolvéronse actividades como xogos de presentación e cooperativos, papiroflexia, xogos na praia (participando no XX Concurso de Barcanas e Castelos) ou accións de sensibilización musical e igualdade de xénero.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, puxo de relevancia “este tipo de actividades, que non só promoven a conciliación da vida familiar e laboral, variable fundamental no verán”, senón tamén “no eido formativo, reforzando ideas educativas nos ámbitos de coñecemento do medio ou da igualdade”, enfatizou.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, quixo “destacar a implicación dos cativos e cativas nunha situación tremendamente atípica tamén para eles e elas, e segundo nos transmiten os monitores e monitoras, o seu comportamento foi exemplar”, admitiu. 

26Ago 2021

Malpica avoga por un modelo híbrido para coidar o medio ambiente impulsando tamén as axudas a causas sociais

O Concello de Malpica, a través das concellarías de Medio Ambiente e Servizos Sociais, continúa coa súa firme aposta polo coidado do medio á par que impulsa axudas a causas sociais. 

Corazóns solidarios
Corazóns solidarios

Recentemente instaláronse catro novos colectores baixo a denominación de Corazóns Solidarios, que funcionarán como recollida de tapóns de plástico e lle darán tamén outro aspecto ás rúas malpicás. 

Lembramos que ao longo do termo municipal xa se instalaran diante do Centro Cívico, a carón da parada de taxis, na entrada do CEIP Xoaquín Rodríguez Otero e no parque García Alén, de Buño. 

Página 41 de 153« Primera...102030...3940414243...506070...Última »