Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica inaugura a sala expositiva “Non canto por cantar” cunha mostra da tradición inmaterial da terra

17Mai 2022

Malpica inaugura a sala expositiva “Non canto por cantar” cunha mostra da tradición inmaterial da terra

Ao comezo do acto o alcalde lembrou a figura do primeiro rexedor do Concello, Luis Cancela Vecino

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, inaugurou hoxe o novo espazo expositivo “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños).

Pola mañá abriu as portas cunha intervención do rexedor que lembrou a importancia de ter presente a historia, ao tempo que transmitiu o seu pesar polo falecemento do primeiro alcalde, en democracia, de Malpica, Luis Cancela Vecino “un home que fixo moito polo Concello, aínda lembro que foi o responsable de instalar o primeiro alumeado público de Malpica”.

No acto tamén interveu a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, cuxo departamento é responsable da organización da mostra. Unha exposición que reúne imaxes gráficas e documentación que percorren a historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén vivo a través das actuacións dos mozos e mozas. Asemade fixo entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra. Na súa intervención a concelleira destacou que: “Para rematar quero dar as grazas a todos/as os/as colaboradores que me axudaron a facer realidade  este proxecto, aos que aportaron documentación ( Rosario das Marías, Xosé Manuel Varela, Elena Verdes,  Fransy González, Xabier Díaz, Luis Prego, Beatriz Busto, AC O Fiadeiro, Asoc de Coros e Danzas EIDOS, Chisco Feijoo e Quique Peón), ás asociación locais por participar na grabación, a Marco e a Mara por aportarnos a visión máis pura de todo esto, a Sandra e  Guille de “Monnom” por conseguir plasmar ao detalle o que había na miña cabeza, a Selina Otero, polas suas verbas e , sobre todo, ás familias das persoas ás que hoxe homenaxeamos. Deixei para o final á persoa que me acompañou dende que isto eran só ideas na miña mente, Mar Suarez ou máis coñecida como Mar da Bouzas, grazas por adicarlle tanto tempo, por axudarme a darlle forma ao que hoxe presentamos, non hai maneira de agradecer o teu traballo. Por favor, acompáñame un pouco máis, que teño algo para ti”.

O acto contou coa participación e actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretaron pezas do Concello de Malpica.

“Non canto por cantar” é a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán. Cunha exhaustiva compilación de cancións e bailes recollidos aquí, esta mostra quere describir o xeito de bailar propio desta zona, con ritmos e pasos únicos na tradición galega. A pandeireta era o instrumento por excelencia. Había tamén gaiteiros que formaban parte das murgas ou charangas que tocaban nas festas. E regueifeiros. No pasado facíanse foliadas nos sobrados, fiadas, ruadas, bailes nas tabernas… Cada semana xuntábanse mozos e mozas do lugar para tocar, bailar e cantar. Era a forma de divertirse nos tempos de antes.

Os e as protagonistas desta exposición son os informantes, os maiores, dos que herdamos as pezas que hoxe tocan e bailan os mozos e mozas non só do concello senón de toda Galicia. Persoas que cederon a súa sabedoría en recollidas e foron fonte de información para asociacións folclóricas de distintos puntos da xeografía. Xente de Mens, Barizo, Santiso, Vigo dos Toxos, Beo, Seaia, Cerqueda, Cambre e Leiloio, principalmente, que nos deixan o seu legado. En “Non canto por cantar” poderán ver fotos de moitos deles e delas, dos que queda documentación gráfica, co seu nome, alcume, a casa á que pertencían e o lugar de onde son. Para esta exposición contamos con 44 pero segundo aseguran as fontes orais puido haber máis de 200 en todo o concello.

Dende maneos, muiñeira, punteada, ‘jotas’, agharrados, muiñeira corrida, valses ata a Ribeirana, un baile típico desta zona. Un baile moi especial que se bailaba nas foliadas, fiadas e tamén cando se facía o percorrido dos ‘Madamitos e Ghuardineros’ de Cerqueda no Entroido. Máis que un baile parece unha danza, difire de calquera outro baile solto da zona (punteadas, jotas e maneos). No vídeo desta exposición, que se proxecta na sala audiovisual contigua, obsérvanse estes bailes, intepretados por bailadores de antes (a primeira recollida foi no ano 1971 en Mens) e da actualidade, a través das tres asociacións de música e baile tradicional do concello malpicán: Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda, Asociación Cultural Malante de Malpica e Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía de Seaia. Ademais de bailes e cancións, as palabras dos mestres/as, músicos/as e bailadores/as malpicáns que manteñen viva a nosa cultura axudan a interpretar en “Non canto por cantar” a historia e o significado da música tradicional do Concello de Malpica.