Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

15Nov 2021

«Liberto» é a próxima cita da Mostra de Teatro de Malpica

A historia de Ada deixará mudos aos asistentes

Este venres, día 19 de novembro, chega a cuarta cita da XVII Mostra de Teatro do Concello de Malpica. «Liberto», de Rebordelos S. L., será protagonista no auditorio do Centro Cívico. A obra pertence ao xénero do drama e terá unha duración de 80 minutos. Está pensada, sobre todo, para o público adulto.

A través desta interpretación, percorreremos a viaxe de Ada, unha muller nova que conta en primeira persoa a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento do seu segundo fillo. Durante o parto, o neno estivo un tempo sen osíxeno. Son dúas semanas de infinitos sentimentos que levan á protagonista a reflexionar sobre que o amor se manifesta de distintas formas, pero sempre esixe valentía.

Como xa é habitual, o horario programado será a partir das 20.30 e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas en asistir poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com. Deberán indicar o nome e os apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.

Outras dúas mostras están previstas para o que resta de mes e, tres máis, para decembro, sendo todas elas moi diversas e pensadas para os distintos públicos. Esta programación conta coa colaboración da área de cultura da Deputación da Coruña: @DACCultura en Twitter e facebook.com/Culturadac

15Nov 2021

Malpica afondará en dúas especies mariñas como son a zamborca e a saboga

Será a través dunha xornada, o próximo venres, na confraría

A confraría de pescadores de Malpica prepara, co apoio da Concellaría de Cultura, unha xornada divulgativa sobre dúas especies como son a zamborca e a saboga, coñecidas máis tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Será este venres, día 19 de novembro, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da confraría.

Na charla darase a coñecer o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño. O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón, ambos da USC, serán os poñentes.

«Sempre loitamos por visibilizar a importante función social, educativa, histórica e científica que desenvolvemos e, que na maioría das ocasións, non sae a relucir se non é con xornadas coma esta», trasladan dende a confraría malpicá. Este estudo está financiado polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.

14Nov 2021

A Cea das Letras 2021, unha nova edición exitosa

A obra de Andrea Fernández Maneiro, “Edénicas”, gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

A Casa da Cultura de Seaia acolleu este sábado 13 de novembro unha nova edición da xa consolidada Cea das Letras. A asociación Caldeirón de Malpica promoveu a Cea das Letras 2021, un evento que resultou todo un éxito.

Na Cea das Letras tamén degustáronse as tradicionais filloas da pedra que se prepararon no momento

Gastronomía e cultura unidas nun só evento coa celebración desta cita á que acudiron numerosos persoeiros .

A Cea das Letras 2021, organizado tamén polo Concello de Malpica e que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, deuse a coñecer á gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, salientou a importancia do Certame no panorama literario e lembrou os inicios desta cita coa poesía, “dende hai dezaseis anos. Foi unha aposta cando eu era concelleiro de Cultura e daquela non imaxinábamos nunca chegar ata aquí”.

Engadiu que durante estes anos todos, polo Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas “pasaron moitosescritores e escritoras que colocaron no seu lugar ao Concello de Malpica” no marco destas citas literarias.

Nesta edición o galardón recaeu na escritora Andrea Fernández Maneiro coa súa obra “Edénicas”. O xurado escolleuna por unanimidade “polo seu sutil erotismo e pola súa luz poética” entre outros.

Neste acto tamén se presentou o libro “Na república da intimidade”, de Ricardo Seixo.

As cantareiras de Raigañas e Farrapos amenizaron a velada, na que a olaría de Buño estivo moi presente tanto nos agasallos como na propia vaixela para degustar unas deliciosas filloas cociñadas no momento.

13Nov 2021

Malpica é a capital do surf nacional e galego esta fin de semana

O Concello de Malpica convértese esta fin de semana na capital do surf. A praia de Area Maior acolle estes días as probas da Liga Galega e o Campionato Nacional de Longboard.

A praia malpicá foi o escenario escollido para levar a cabo este sábado e domingo, 13 e 14 de novembro, a 4ª Proba do Circuíto Nacional de Longboard e a 2ª Proba Liga Galega Open, Máster e Sub 18 Longboard.

O evento está organizado pola Federación Galega de Surf, Federación Española de Surf e a escola local One Surf Academy, e colaboran o Concello de Malpica , Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Esta gran cita co surf estaba programada inicialmente para celebrarse a finais do pasado mes de outubro, pero debido ás condicións climatolóxicas e do mar tivo que ser aprazada ata o día de hoxe. Desta volta o tempo si acompañou ás e aos participantes das probas e permitiu que moitos espectadores se achegase ata a praia de Area Maior para presenciar o espectáculo.

12Nov 2021

A obra “Os Nenos da Variola” marcaron a terceira xornada da Mostra de Teatro en Malpica

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu na tarde deste venres 12 de novembro a terceira xornada da XVII Mostra de Teatro.

O público malpicán puido gozar da representación desta obra de teatro da compañía Pérez & Fernández. Trátase dunha adaptación á escena da novela de María Solar, “​Os Nenos da Variola​”, na que as e os asistentes, puideron

achegarse un pouco á vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que se converteron en heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Unha expedición que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

A seguinte cita desta edición da Mostra de Teatro, organizada polo Concello de Malpica coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña, será o vindeiro venres 19 de novembro coa representación de “Liberto”, da compañía Rebordelos S.L. Coñeceremos a través desta función a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.´

Ao igual que en todas as funcións da Mostra de Teatro, a de “Liberto” dará comezo ás 20:30 horas e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas en asistir, poderán reservar a súa entrada a través do correo auditoriodemalpica@gmail.com indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva. 

9Nov 2021

O Concello de Malpica tamén vai “DE FRONTE á violencia de xénero”

De novo e un ano máis, o Concello de Malpica adhírese á campaña impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña: “DE FRONTE á violencia de xénero” con motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

No marco desta campaña ofértanse diversas actividades e talleres virtuais nos que se abordan cuestións de gran interese tanto para os profesionais que traballan no seu día a día con mulleres, como para toda a cidadanía. Dende o Concello de Malpica queremos animar a todos os veciños e veciñas a participar nas actividades programadas e ir De Fronte á violencia de xénero.

Amais, dende a Área de Igualdade do concello están a ultimarse os detalles para celebrar outro acto realizado por expertos e especialistas que traballan a diario con mulleres que sufriron violencia de xénero. Nos próximos días agardamos poder presentalo e convidar a toda a veciñanza a participar.

9Nov 2021

Este sábado celébrase unha nova edición da Cea das Letras

A xa consolidada Cea das Letras, organizada pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica celebrarase este vindeiro sábado 13 de novembro ás 20:30 horas.

Nesta cita gastronómica-cultural, que conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, darase a coñecer o fallo do xurado do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

No acto, que que terá lugar na Casa da Cultura de Seaia, tamén se fará a presentación do libro “Na república da intimidade” de Ricardo Seixo. A Cea das Letras 2021 contará amais coas actuacións musicais das Cantareiras de A.C. Raigañas e Farrapos.

Todas as persoas interesadas en asistir á Cea das Letras, que ten un prezo de 20 euros, poden reservar praza chamando á Asociación Cultural Caldeirón no teléfono 649 507 285 ou ao Concello de Malpica no 981707104.

7Nov 2021

Inaugúrase a exposición “Trece luces na nosa costa” de Antonio Fernández

A exposición “Trece luces na nosa costa” de Antonio Fernández xa se pode visitar no Centro Cívico de Malpica logo de que esta tarde quedase inaugurada.

No acto estivo presente Xosé Regueira vicepresidente da Deputación de A Coruña, o Alcalde Malpica, Eduardo Parga Veiga e o artista Antonio Fernández. Eduardo Parga agradeceu a xentileza do autor “por ofrecernos esta exposición fotográfica dos faros da nosa costa, empregando unha técnica singular: o destello” así como tamén, por deixar que “a nosa localidade acolla a mostra para deleitarnos con parte do noso patrimonio” como son os faros. O Alcalde de Malpica tamén eloxiou a figura de Antonio Fernández e destacou o seu vencello con Malpica.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación de A Coruña destacou que grazas ás fotografías de Antonio Fernández “sempre se descobre unha cousa nova e sempre se acaba vendo algo máis” pois “Antonio ten a capacidade de mostrarnos realidades que están ocultas”.

No acto de inauguración de “Trece luces na nosa costa” tamén estiveron presentes alcaldes da zona como Evencio Ferrero do Concello de Carballo e José Manuel López do Concello de Laracha, e pechou a presentación a música de Miguel Anxo Calvo, O´Mighelo co seu acordeón.

“Trece luces na nosa costa”

A exposición fotográfica de Antonio Fernández permite descubrir dun xeito diferente todos os segredos e historias que agochan os faros da nosa costa como parte importante do noso patrimonio.

Fernández é un mestre xubilado que conta no seu haber con seis premios de diferentes certames, malia que se iniciou neste mundo da fotografía de xeito tardío. 

No acto de inauguración desta tarde, Antonio Fernández ensinoulles aos presentes a técnica que emprega para realizar as fotos que se recollen na exposición.

A mostra fotográfica poderase visitar ata o vindeiro 10 de decembro no Centro Cívico de Malpica de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 15.30 a 20.00 horas.

30Out 2021

O Centro Cívico acollerá a exposición fotográfica ‘Trece luces na nosa costa’ a partir do 6 de novembro

A Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do Concello de Malpica, en colaboración coa Deputación da Coruña, acaba de anunciar a exposición fotográfica ‘Trece luces na nosa costa’, de Antonio Fernández.

O acto de inauguración da mostra realizarase o sábado 6 de novembro ás 19:00 horas no Centro Cívico. As pezas permanecerán expostas desde ese mesmo día ata o 10 de decembro. O horario de visitas será de luns a venres de 10.00 a 13:30 e de 15:30 a 20:00 horas.

A través desta serie de imaxes, Antonio Fernández, mestre xubilado, trata de contar a historia dos faros da Costa da Morte e a evolución da súa función ao longo do anos. O autor conta con seis premios en diferentes certames que poñen de manifesto a calidade do seu traballo.

A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, anima a toda a veciñanza “a coñecer a historia do noso patrimonio a través dunha colección fotográfica que recolle esa aura especial que rodea os faros da nosa comarca”.

Página 35 de 149« Primera...102030...3334353637...405060...Última »