Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 18°
12°
Domingo 19°
14°
Luns 19°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

23Ago 2016

60 participantes nos cursos de surf organizados polo club Silfo coa colaboración do Concello de Malpica

surf-3-web

Sesenta nenos e nenas de 8 a 16 anos participan ao longo desta semana nos cursos de surf organizados polo club Silfo coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. O alcalde, Eduardo Parga; o 1º tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, acudiron hoxe á presentación da iniciativa xunto co presidente do Silfo, Juan José Rodríguez. As sesións desenvolveranse ata o xoves.

Así mesmo, do 29 ao 31 realizaranse os cursos de kayak do Club Náutico de Malpica para pequenos/as de 9 anos en diante.

19Ago 2016

O “Pobo medieval de Malpica” gaña o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”

A elaboración das 17 figuras participantes encheu de animación o areal

Gañador do primeiro premio

Gañador do primeiro premio

Un impresionante “Pobo medieval de Malpica” acadou o primeiro premio do Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, un clásico que marca o comezo das Festas do Mar. A figura de area destacou non só polas súas dimensións, senón polo detalle da recreación, un aspecto que destacou tamén o xurado á hora de outorgar o segundo premio a “A serea”. O terceiro foi para “A balea de Lugrís”. Pola súa banda, o público apoiou maioritariamente o castelo titulado “A barca dos soños”, obra dun numeroso grupo infantil. O premio á mellor barcana foi para unha barcana pirata, e o premio infantil, para “Cabaliño de mar”. O xurado tívoo moi complicado, xa que a calidade e a orixinalidade das obras vai en aumento cada ano.

FOTO-DE-GRUPO-web

Foto de grupo con todos os participantes no concurso

Despois dunha noite de choiva, a elaboración das 17 figuras participantes encheu de animación durante toda a mañá a praia de Area Maior. Ás 13 horas rematou o tempo outorgado para a realización das obras e comezou a deliberación do xurado, integrado pola presidenta da Asociación de Amas de Casa, María Luz Pardo, e os concelleiros Miguel Fernández e Iago Espasandín. Todos eles acompañaron ao alcalde, Eduardo Parga, na entrega de premios. Todos os galardoados recibiron unha peza de Olería de Buño e os tres primeiros, ademais, premios en metálico. Ademais, para todos os nenos e nenas participantes houbo doces.

GAÑADORES-1-PREMIO-web

Os gañadores recibindo o seu premio da man do alcalde

18Ago 2016

Nenos e nenas do campamento urbano infantil participan nun obradoiro de lingua creativa

IMG-20160818-WA0003-web

Os nenos e nenas do grupo de maiores que participan no campamento urbano infantil organizado polo Concello de Malpica asistiron hoxe á primeira xornada dun obradoiro de lingua creativa impartido por Xosé Manuel Varela, co que traballaron sobre as lendas de Malpica de Bergantiños.

O taller desenvolveu habilidades orais e escritas dos rapaces tomando como base a lenda do trigal maldito, e ao remate os participantes elaboraron ilustracións baseadas na lenda. As imaxes do conde das Torres, o espírito encerrado na igrexa de Santiago de Mens e a moza raptada foron as máis repetidas polos nenos e nenas.

O luns, martes e xoves da vindeira semana continuará o obradoiro con novas actividades.

 

17Ago 2016

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area abre as Festas do Mar

CASTELOS-WEB1

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, que chega este ano á súa 16ª edición, abrirá as Festas do Mar. Todas as persoas interesadas en participar teñen unha cita este venres, día 19, a partir das 10.30 horas. Ata ese momento poderán realizarse as inscricións, tanto a pé de praia coma os días anteriores no Departamento de Educación e Cultura (Centro Cívico).

Segundo consta nas bases, cada participante individual ou grupo poderá presentar unha única obra. Haberá tres categorías: infantil (ata os 10 anos), amateur (de 11 anos en diante) e barcanas. Haberá seis premios: 1º (130 euros e trofeo), 2º (70 euros e trofeo) e 3º (40 euros e trofeo) na categoría amateur, premio á mellor barcana, premio especial do público e premio infantil, que serán galardoados con cadanseu trofeo. Para optar ao premio infantil todos os autores da obra deberán ter como máximo 10 anos cumpridos.

O Concello de Malpica delimitará a zona do certame. As obras realizaranse entre as 11.00 e as 13.00 horas, e só se poderán utilizar area e materiais que e atopen depositados na praia, así como ferramentas e difusores e auga. O xurado valorará a calidade artística e a orixinalidade dos castelos e barcanas segundo unha serie de criterios: calidade técnica, complexidade da obra realizada, deseño, dimensións, vinculación da obra co Concello de Malpica e orixinalidade. Para a elección do premio especial do público instalarase unha urna, entre as 13.00 h. e as 13.30 h. na Praia de Area Maior, na que todos os espectadores/as do concurso poderán depositar o seu voto. Será premiada a obra con maior número de votos, agás que xa obtivera outro premio por parte do xurado, nese caso outorgaríase á seguinte obra máis votada.

O xurado estará composto por 2 representantes do Concello de Malpica nomeados polo Alcalde (que determinará quen dos dous actuará como Presidente e como vogal) e 2 das entidades colaboradoras (Asociación de Amas de Casa de Malpica e/ou Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa).

17Ago 2016

A Área de Igualdade do Concello de Malpica retoma o programa Conectad@s con dous novos cursos

CARTEL CURSOS CONECTAD@S

A Área de Igualdade do Concello de Malpica de Bergantiños, que dirixe Marisol Blanco Gorín, retomará en setembro o programa Conectad@s, que promove o coñecemento e a utilización das novas tecnoloxías para contribuír a diminuír a brecha dixital de xénero. A oferta inclúe un curso de alfabetización dixital para mulleres e outro de novas tecnoloxías para persoas maiores de 55 anos, que se celebrarán na Casa do Oleiro de Buño dende o 12 de setembro ata o 11 de novembro. Os horarios determinaranse segundo as persoas inscritas.

As persoas interesadas deben presentar a solicitude de participación antes do 7 de setembro. Os grupos serán de seis persoas como máximo. Para máis información ou para inscribirse, as mulleres interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou contactar coa técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, no 981 720 280.

16Ago 2016

A Mostra da Olería mantén o tirón con preto de 15.000 visitas entre o Parque Luciano García Alén e o Forno do Forte

IMG_4433-web

Con 5.500 visitas ao Ecomuseo do Forno do Forte e entre 8.000 e 9.000 ao Parque Luciano García Alén, o balance da Mostra da Olería de Buño “só pode ser positivo”, tal como manifestou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, no acto de clausura da 33ª edición. “Entendemos que a Mostra da Olería mantense, e anímanos a seguir traballando para que medre”, engadiu o rexedor.

Como é habitual, o groso das visitas concentráronse durante as dúas fins de semana, e especialmente nesta última, na que houbo momentos de auténtica avalancha. A presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador, considerou que as cifras son especialmente boas tendo en conta o tempo de praia e a amplísima oferta festiva e cultural en toda a contorna. En canto ás vendas, a presidenta dos oleiros sinalou que tamén se mantiveron nas cifras do ano pasado.

Tanto a Asociación Oleira de Buño coma o Concello de Malpica, que comparten as tarefas organizativas, expresaron a intención de empezar a preparar canto antes a vindeira edición. “Hai que ter en conta que a Mostra da Olería é un referente a nivel autonómico, por calidade e porque estamos a falar dunha parte moi importante do noso patrimonio artístico e cultural. Por iso dende o goberno municipal apoiarémola en todo o que faga falla”, asegurou Eduardo Parga.

O alcalde agradeceu o apoio económico da Deputación da Coruña para poder organizar unha das mostras máis completas da historia, non só pola oferta de artesanía, que incluíu cestería e soprado de vidro ademais de olería, senón tamén polo amplísimo programa de actividades paralelas, coa Cocedura Tradicional ou os obradoiro no Ecomuseo do Forno do Forte, a multitudinaria visita dos Bolechas, o tren turístico ou o variado cartel musical, que concluíu hoxe coa actuación das gaiteiras Habelas Hainas.

15Ago 2016

Trinta nenos e mozos da comarca de Bergantiños aprenderon a navegar no curso de vela de Malpica

vela-4-web

Trinta nenos/as e mozos/as de 9 a 18 anos participaron no curso de vela organizado pola Deputación Provincial da Coruña, coa colaboración do Concello de Malpica, que se desenvolveu ao longo da semana pasada, en quendas de mañá e tarde. A actividade deportiva en Malpica continúa ao longo de todo o mes coa liga de fútbol praia infantil, que rematará o 26. Así mesmo, do 22 ao 25 terán lugar os cursos de vela promovidos polo club Silfo para nenas e nenos de 8 a 16 anos, e do 29 ao 31 realizaranse os cursos de kayak do Club Náutico de Malpica para pequenos/as de 9 anos en diante.

13Ago 2016

O martes empeza a traballar o persoal contratado polo Concello de Malpica dentro do Plan de Emprego Local da Deputación

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar os contratos co persoal de medio ambiente e obras contratado polo Concello con cargo ao Plan de Emprego Local que financia a Deputación Provincial da Coruña. Grazas a esta iniciativa, que ten como finalidade mellorar a empregabilidade e fomentar o desenvolvemento sostible do territorio provincial, en Malpica promoverase a inserción laboral dun total de 14 persoas: 10 peóns de medio ambiente, 3 peóns de albanel e 1 oficial de segunda de albanel. Todos eles empezarán a traballar o vindeiro martes.

13Ago 2016

Xabier Díaz e Mercedes Peón, pratos fortes da IX Festa Galega de Malpica

Os concertos coincidirán coa celebración de IV Feira Medieval Mariñeira, na fin de semana seguinte ás Festas do Mar

Festa-Galega-Cartel-web

A vida cultural no Concello de Malpica está en plena efervescencia neste mes de agosto. Atopámonos na recta final da Mostra da Olería de Buño, que acada a súa 33ª edición, e na fin de semana seguinte ás Festas do Mar chegarán a Festa Galega e a Feira Medieval Mariñeira, que encherán de música e animación as rúas da vila. Este ano temos un cartel de auténtico luxo, encabezado por Xabier Díaz e Mercedes Peón, dous pesos pesados da música galega que subirán ao escenario do porto de Malpica os días 26 e 27, respectivamente.

Do 26 ao 28 estará aberta tamén a Feira Medieval Mariñeira, con ducias de postos de artesanía, gastronomía e produtos do máis variados ao longo da rúa principal. A Feira Medieval Mariñeira abrirá todos os días ás 11 horas.

Programa da IX Festa Galega

Día 26 (Porto de Malpica)

22.00 h.Cantareiras da A. C. Carcaxía

23.00 h. Xabier Díaz & adufeiras do salitre

01.00 h.Fol de veneno

Día 27

11.30 h. Pasarrúas dos gaiteiros da A. C. Carcaxía e da A.C. Raigañas

19.15 h. 4º Desfile de Bandas de Gaitas da A.C. Malante (saída do Centro Cívico de Malpica)

Banda de Gaitas Airiños de Fene

Grupo de Baile Arume de Verdillo (Carballo)

Banda de Gaitas da A.C. Malante  (Malpica)

22.00 h. Cantareiras da A. C. Malante  (porto)

22.30 h. Cantareiras da A. C. Raigañas  (porto)

23.00 h. Mercedes Peón  (porto)

01.00 h. Leirabuxo  (porto)

11Ago 2016

O Concello de Malpica contrata obras por máis de 100.000 €

23-marzo-2016-web

O Concello de Malpica vén de contratar unha serie de obras por un importe que supera os 100.000 euros. A actuación máis importante, cun orzamento de 64.591,62 euros, xa está en marcha tras a sinatura do contrato por parte do alcalde, Eduardo Parga, coa empresa adxudicataria, Construcciones Dámaso Ferreiro. O proxecto consiste na mellora de camiños municipais de acceso ás explotacións agrarias en Barizo e Beo.

Tamén comezaron as obras de mellora da accesibilidade no polideportivo municipal de Malpica, cofinanciado entre a Xunta e o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) con 19.799,23 euros. A empresa adxudicataria é Construcciones López Cao, que ten de prazo ata o 15 de setembro para a execución da actuación.

Pola súa banda, a empresa Emilio Cancela Bouzas resultou adxudicataria dos traballos de prevención de incendios forestais mediante a limpeza das vías de titularidade municipal, que teñen un orzamento de 17.999,96 euros.