Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 13°
Luns 15°
Martes 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

9Set 2015

O Concello de Malpica mellora a dotación de Protección Civil cun remolque equipado para emerxencias

O alcalde e o coordinador da agrupación acudiron a recollelo á Academia Galega de Seguridade Pública nun acto presidido polo vicepresidente da Xunta
540-f-foto

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe na sede da Academia Galega de Seguridade Pública dun total de 41 remolques de emerxencias para as agrupacións de Protección Civil de concellos das catro provincias galegas, entre eles o de Malpica. Ao acto acudiron o alcalde, Eduardo Parga, e o coordinador da agrupación de voluntarios malpicá, Iván Muíño.

 

O vicepresidente da Xunta resaltou a importancia de que os concellos galegos poidan dispoñer de máis medios que acheguen seguridade á cidadanía, polo que a Xunta facilita así aos concellos galegos novos equipamentos para as emerxencias. O remolque está dotado dun xerador de electricidade, equipo de iluminación, bombas de achique para augas residuais e pluviais, luces de sinalización de accidentes, conos, motoserra, desbrozadora, garrafas e todo o material de autoprotección correspondente.

 

Os novos equipamentos van destinados a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, no marco de Programa Operativo Feder-Galicia 2007-2013. Hoxe outorgáronse 41 remolques para atención ás emerxencias, e proximamente a Xunta fará entrega de vehículos todo terreo tipo pick-up, furgóns para transporte e loxística, embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate; esparexedores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo e remolques con carpa presurizadas para Posto de Mando Avanzado, cun orzamento total que supera os 4 millóns de euros.

 

8Set 2015

As asociacións reúnense para elixir aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo

No comité tamén participarán catro membros da corporación e un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo
540-f-foto

As entidades inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Malpica de Bergantiños están convocadas para mañá mércores coa finalidade de elixir aos seus representantes no Comité de Irmandamento con Malpica de Tajo (Toledo).

 

Segundo o acordo plenario adoptado o pasado 26 de marzo, o comité estará integrado por catro membros da corporación municipal, un por cada grupo político; un traballador da área de Cultura, Educación e Turismo, e tres representantes do movemento asociativo.

 

O obxectivo do irmandamento é, tal como se recolle no acordo plenario, “establecer lazos de relación e amizade permanente con Malpica de Tajo en orde a un mellor coñecemento, entendemento, intercambio de experiencias e cooperación mutuas dende a liberdade e o respecto aos dereitos dos homes e das vilas”.

 

A reunión das asociacións está convocada para mañá ás 20.30 horas no auditorio do Centro Cívico. As entidades proporán a tres representantes para proceder á constitución do comité e levar a cabo o irmandamento entre ámbolos concellos.

 

7Set 2015

A Concellería de Servizos Sociais iniciará o día 18 os cursos de manualidades para maiores e persoas con diversidade funcional

As actividades funcionarán durante todo o curso en Malpica e Buño
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica porá en marcha o día 18 os cursos de manualidades para persoas maiores e/ou con diversidade funcional. Segundo informou a concelleira delegada da área, Marisol Blanco Gorín, a presentación das actividades levarase a cabo ese mesmo día nos horarios correspondentes a cada grupo.

 

O obradoiro para persoas con diversidade funcional desenvolverase os luns e os venres, de 10.30 a 12.30 horas, no Centro Cívico de Malpica. Nese mesmo espazo asistirán a clases os maiores todos os martes e os venres de 16.00 a 18.00 horas. Os maiores de Buño reuniranse na Casa do Oleiro todos os mércores e venres de 15.45 a 17.45 horas. As persoas interesadas en participar poden informarse no departamento de Servizos Sociais.

 

6Set 2015

As entidades xa poden solicitar o uso de espazos nos locais municipais para desenvolver as súas actividades

O prazo está aberto ata o día 15 no Rexistro do Concello de Malpica
540-f-foto

Co curso escolar tamén comezan as actividades das Escolas Culturais do Concello de Malpica e as actividades organizadas polas asociacións nas diferentes parroquias. Co obxecto de organizar axeitadamente os espazos dispoñibles, a Concellería de Educación, Cultura e Turismo abre un prazo para que as entidades presenten as súas solicitudes para o curso 2015-16.

 

Os edificios municipais nos que poden solicitar salas son o Centro Cívico de Malpica, a Casa da Cultura de Seaia, o Centro Sociocultural de Beo,  a Escola Unitaria de Pontella,  o Centro Sociocultural de Mens, o Centro Sociocultural de Barizo, o Centro Sociocultural das Pozacas, o Centro Sociocultural de Cambre e  a Escola Unitaria de Leiloio.

O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro mércores 15 de setembro e as entidades poden formalizar as súas demandas no Rexistro Xeral do Concello de Malpica. Estas pódense realizar a través dun escrito onde consten os datos da entidade solicitante e o local municipal, sala e horario para a que se solicita, así como a finalidade.

Sempre que sexa posible tratarase de respectar as demandas de local, sala e horario que cada entidade realice. Nos casos en que non sexa posible, por coincidir con horarios de actividades doutras entidades ou do propio Concello, e sempre despois de falar coas entidades interesadas, procederase a ofrecerlles outra sala ou horario que reúna as características que a actividade precise  dentro dos espazos dispoñibles.

5Set 2015

A Concellería de Obras e Servizos acondiciona o tramo do Camiño dos Faros que atravesa o municipio

Na vila malpicá está situado o Km 0 da ruta que remata en Fisterra
540-f-foto

A Concellería de Obras, Servizos e Seguridade de Malpica está a traballar no acondicionamento do tramo do Camiño dos Faros que atravesa o municipio. Segundo informou o concelleiro delegado da área, Miguel Fernández, nos tramos nos que non é posible empregar maquinaria, e que supoñen un total duns 3 quilómetros de lonxitude, a limpeza estase a realizar a man por parte da brigada municipal. O concelleiro Miguel Fernández avanzou que os traballos quedarán rematados a vindeira semana, co cal o tramo malpicán estará listo para a próxima edición da ruta organizada.

 

En Malpica, de feito, sitúase o Km 0 do Camiño dos Faros, que se estende ata Fisterra pola beira do mar ao longo de 200 quilómetros, e que pasa por todos os faros dese treito da Costa da Morte e outros lugares de interese. A primeira etapa abrangue dende o porto de Malpica ata a praia de Niñóns, cun total de 22 quilómetros ao longo dos cales se divisan ata media ducia de praias, as Illas Sisargas e Punta Nariga.

4Set 2015

Case 7.000 persoas visitaron este verán o Forno do Forte

O de Buño é un dos principais reclamos museísticos da Costa da Morte durante todo o ano
540-f-foto

Un total de 6.936 persoas visitaron o Ecomuseo do Forno do Forte de Buño dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto. Este último, como é habitual dende a apertura ao público da instalación no ano 2006, foi o mes de maior afluencia cun total de 3.908 persoas, e con picos que superaron as 350 en determinados días. O xerente do ecomuseo, Paco Doval, salientou o interese que esperta o Forno do Forte, e o mundo da olería en xeral, non só durante o verán, senón ao longo de todo o ano. De feito, o de Buño foi o recurso turístico da Deputación Provincial da Coruña máis concorrido durante a Semana Santa na Costa da Morte, e durante o curso escolar pasaron por el un total de 1.758 nenas e nenos de 31 colexios da provincia.

 

Os visitantes locais son maioría. Malpica e o municipio de procedencia da porcentaxe máis ampla, seguido de A Coruña, Madrid e Santiago. Por comarcas, Bergantiños e a Costa da Morte achegan o maior número de usuarios. Dentro de Galicia, a provincia que leva a palma é A Coruña, e por comunidades autónomas o ránking está liderado por Madrid, seguida de Cataluña, Valencia e Castela-León, estas dúas moi igualadas. Este verán, segundo indicou Paco Doval, notouse un aumento de visitantes de Francia, que foi o país europeo con máis presenza no ecomuseo seguido por Italia, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Suíza. Tamén se rexistrou un incremento de persoas procedentes de Sudamérica.

 

O Forno do Forte seguirá aberto durante o mes de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 18 horas, e os domingos de 10 a 14 horas.

 

3Set 2015

O Concello de Malpica amplía ata o domingo o servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Area Maior e Canido

A Concellería de Obras e Servizos vén de reparar a escaleira de acceso ao areal de Beo para mellorar a seguridade dos usuari@s
540-f-foto

O Concello de Malpica amplía ata o domingo o servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Area Maior e Canido, segundo informou o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández. Á vista das previsións meteorolóxicas e da elevada afluencia que se agarda para a fin de semana, o Concello de Malpica optou por garantir a seguridade e prorrogar uns días os contratos dos seis socorristas, que empezaron a traballar o 20 de xuño.

 

Este verán o servizo reforzouse grazas á colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que se sumou á vixilancia as fines de semana, e á disposición dun maior número de medios materiais. O equipo inclúe unha embarcación, tubos de rescate, boias torpedo, un taboleiro espiñal para a inmobilización de posibles lesións medulares, un desfibrilador e un taboleiro de rescate innovador, xa que ao ser inchable é máis lixeiro e polas súas dimensións permite realizar vixilancias dinámicas pola praia.

 

O servizo de salvamento estará operativo esta fin de semana nas praias de Area Maior e Canido en horario ininterrompido de 12 a 20. Nas praias do municipio que non dispoñen de socorristas hai aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

 

A Concellería de Obras, Servizos e Seguridade acometeu, así mesmo, ao longo do verán, unha serie de obras de acondicionamento dos areais, fundamentalmente orientadas a garantir a seguridade dos usuarios. Neste sentido, a última actuación que se levou a cabo foi a mellora da escaleira de acceso á praia de Beo, o que permitiu reducir a perigosidade da baixada.

 

2Set 2015

A conselleira de Sanidade visitou as obras do centro de saúde de Buño

O edificio está practicamente rematado e prevese que entre en servizo entre finais deste ano e principios do que vén
540-f-foto

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe as obras do centro de saúde de Buño, unhas instalacións completamente novas que unha vez en funcionamento poderán atender a unha poboación de ao redor de 1.800 persoas.

 

O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- ten un importe de 624.810 euros, e a superficie que se construíu é de 524 metros cadrados. Contará cunha área médica con tres consultas de medicina xeral e unha consulta de enfermería; e unha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns, necesarios para o correcto funcionamento do centro.

A obra de construción comezou o pasado mes de febreiro e a empresa agarda tela rematada en outubro. Despois, a Consellería de Sanidade e o Concello de Malpica acometerán os traballos de urbanización da parcela, que inclúen a construción de beirarrúas, zona de aparcamento, accesos e áreas axardinadas. Ao mesmo tempo procederase ao equipamento, que está nestes momentos en fase de licitación, polo que as previsións do departamento autonómico son que o novo centro de saúde entre en servizo entre finais deste ano e principios do que vén.

O de Buño foi o primeiro dunha serie de 15 centros de saúde cuxas obras están xa en marcha ou a piques de empezar, e que supoñen un investimento previsto neste ano 2015 de 20,3 millóns de euros. Estes centros virán a sumarse aos 20 xa rematados e postos en funcionamento, e aos 9 reformados, así como 2 novos consultorios: entre todos eles, prestan servizos de Atención Primaria a 300.000 cidadáns.

“Así, nun momento economicamente tan difícil, na maior crise económica coñecida, fomos quen de buscar financiamento para mellorar as infraestruturas, non só de atención primaria, senón tamén dos hospitais”, observou a conselleira.

1Set 2015

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia mellora os fogares de dúas familias

O servizo cumpriu este verán dous anos en funcionamento e ten nestes momentos un total de 21 familias usuarias
540-f-foto

O banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e a Concellería de Servizos Sociais, está a mellorar os fogares de dúas familias. No mes de agosto facilitouse un colchón a un matrimonio usuario e amoblouse por completo a vivenda dunha familia monoparental con dous fillos a cargo. O banco de alimentos achegou os mobles e o Concello de Malpica adquiriu os electrodomésticos.

 

Nos dous anos que leva en funcionamento (cumpríronse o 19 de xullo), o banco de alimentos do Concello de Malpica ten contribuído á mellora das condicións de habitabilidade de varios fogares. Nestes momentos o servizo conta con 21 familias usuarias que todos os meses, á parte das necesidades específicas que se poidan atender, reciben alimentos básicos. Na última entrega, á parte de todo tipo de produtos non perecedoiros, os paquetes incluíron polo, peixe, tomates, pementos, froita e salchichas. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco; o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, e o alcalde, Eduardo Parga, supervisaron o reparto.

 

 

UD Cerqueda

O banco de alimentos contará a partir de agora, ademais, coa colaboración da Unión Deportiva Cerqueda. Para empezar, o club destinará os 379 euros recadados no Torneo Solidario Os Petóns á adquisición dos produtos con máis demanda ou que máis escasean nestes momentos. Pero dende a xunta directiva xa se fixo pública a intención de ampliar esa colaboración a todo o ano.

 

Tanto o alcalde, Eduardo Parga Veiga, coma a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, agradeceron o xesto solidario da UD Cerqueda e valoraron moi positivamente o convenio coa Fundación Amigos de Galicia, xa que a atención ás familias con máis necesidades é unha prioridade para o goberno municipal.

 

31Ago 2015

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán colaboran no control dunha colonia de gatos vagabundos

Para evitar que a colonia siga aumentando os felinos son castrados, e para que non haxa problemas de hixiene son aloxados nunha caseta especialmente deseñada para eles
540-f-foto

O Concello de Malpica e a Asociación Protectora de Animais Gatocán veñen de asinar un convenio para o control dunha colonia de gatos vagabundos que estaba a provocar molestias entre os residentes da zona de Canido.

 

Mediante o acordo, voluntarios da protectora encárganse de capturar aos felinos e levalos ao refuxio de Gatocán para proceder á súa castración. Posteriormente, os gatos son trasladados de novo a Malpica para integrarse nunha colonia controlada que estará situada nunha caseta especialmente deseñada para eles que xa está instalada a poucos metros da praia.

 

A caseta foi inaugurada onte, e xa aloxa aos seus primeiros inquilinos despois de ser desparasitados e castrados. O interior está preparado para que os felinos poidan durmir e comer, e será o propio Concello de Malpica o que se encargará de facilitarlles a alimentación de xeito controlado. Neste sentido, dende o Concello e Gatocán pídese aos veciños e veciñas que non dean de comer aos gatos, xa que estas prácticas só contribúen a que proliferen cada vez máis e a que se produzan os problemas de hixiene que xa teñen provocado as queixas da cidadanía.

 

Segundo os cálculos iniciais, os voluntarios de Gatocán terán que dar captura a máis de corenta gatos. A protectora, que xa ten experiencia neste tipo de prácticas noutros concellos galegos, considera que esta é a forma máis “civilizada” de poñer fin ao problema, xa que, por unha banda, permítese que os gatos sigan vivindo na zona, e, por outra, “empezan a adquirirse bos costumes que, ademais de mellorar a calidade de vida dos animais, facilitan a convivencia”.

 

O Concello de Malpica faise cargo dos gastos de desprazamento, castración e construción da caseta, o cal pode supoñer, en total, arredor dos 1.500 euros. 

 

Página 101 de 149« Primera...102030...99100101102103...110120130...Última »