22Abr 2015

O Día do Ritmo reunirá este sábado en Malpica a preto de douscentos nenos e nenas de varios concellos

A exhibición incluirá aeróbic infantil e ximnasia rítmica
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños celebrará este sábado o Día do Ritmo, no que participarán preto de douscentos nenos e nenas de varios municipios. Nos últimos anos dende o goberno municipal estase a promocionar o exercicio físico en todos os sectores da poboación, e nas idades infantís fíxose un gran esforzo para poder poñer en marcha as modalidades de aeróbic e ximnasia rítmica, ademais de desenvolver a psicomotricidade e o ritmo. Pero ademais de difundir a práctica destas actividades involucrando a diferentes entidades, o Concello de Malpica promove dende hai 12 anos a organización dun evento que permite darlles difusión e que, ao mesmo tempo, convértese nun escenario no que as alumnas e os alumnos demostran o aprendido durante o curso.

 

O Día do Ritmo celebrarase no polideportivo municipal de 11.00 a 14.00 horas. Na exhibición participarán 33 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Malpica, e o resto, ata os preto de douscentos asistentes, serán convidados doutros concellos. O Concello de Malpica conta coa colaboración do Club Deportivo Costa Bergantiñá na organización do evento, no que tamén colaboran Gadis Híper de Carballo, Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.