Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Xuño

Xuño 2015

27Xuñ 2015

Clausurados os cursos de manualidades para maiores e persoas con diversidade funcional impartidos en Malpica e Buño

Mañá remata tamén a temporada de baile social ata setembro
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños clausurou os obradoiros de manualidades que se impartiron dende principios de setembro no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño, e nos que participaron máis de 50 persoas maiores e/ou con diversidade funcional. O alcalde, Eduardo Parga, entregou a cada participante, na súa maioría mulleres, os diplomas acreditativos da formación adquirida, aínda que a mellor forma de comprobar os resultados do traballo desenvolvido é visitar as exposicións que están abertas nos citados edificios municipais. No Centro Cívico a mostra pode visitarse a diario en horario de mañá e tarde, mentres que na Casa do Oleiro habilitouse un horario especial que abrangue dende onte ata o sábado da vindeira semana de catro a sete da tarde.

 

As exposicións inclúen todo tipo de obras, dende cadros elaborados coas técnicas artísticas máis variadas ata botellas decoradas, xoias, mantelerías, bolsos e carteiras, e obxectos decorativos de todo tipo, algúns deles elaborados con material de refugallo.

 

As 16 alumnas de Buño organizaron unha festa de clausura coa súa monitora, Chelo García, na que ademais de Eduardo Parga participou o tenente de alcalde, Miguel Fernández. Tamén houbo festa en Malpica para as 35 alumnas e alumnos (só dous homes que participaron no obradoiro) de Lucía Villanueva. Tanto nun caso coma noutro celebrouse unha merenda con todo tipo de doces, moitos deles elaborados polas propias participantes. A maior delas, por certo, ten 87 anos. Agora comezan as vacacións, pero en setembro volverán á carga.

 

Esta fin de semana non só rematan os obradoiros de manualidades, senón tamén o baile social que, ao igual ca os cursos, organizou a Concellería de Servizos Sociais. A sesión de baile deste domingo desenvolverase no horario habitual de 20 a 23 horas.

 

27Xuñ 2015

O Concello de Malpica reforza o servizo de salvamento nas praias con máis medios materiais e humanos

Voluntarios de Protección Civil colaborarán cos seis socorristas na vixilancia de Area Maior e Canido durante as fines de semana
540-f-foto

O Concello de Malpica reforza o servizo de salvamento nas praias de cara ao inicio dos meses vacacionais por excelencia. O alcalde, Eduardo Parga; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o coordinador da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Iván Muiño, presentaron hoxe os medios materiais dos que disporán este verán os seis socorristas contratados polo Concello, que empezaron a traballar o día 20 e rematarán a primeiros de setembro.

 

O equipo inclúe unha embarcación, tubos de rescate, boias torpedo, un taboleiro espiñal para a inmobilización de posibles lesións medulares, un desfibrilador e un taboleiro de rescate innovador, xa que ao ser inchable é máis lixeiro e polas súas dimensións permite realizar vixilancias dinámicas pola praia.

 

Pero non só se incrementan os medios materiais, senón tamén os humanos. Así, os socorristas contarán co apoio de voluntarios de Protección Civil, que reforzarán o servizo as fines de semana. O servizo de salvamento estará operativo nas praias de Area Maior e Canido ata principios de setembro, en horario ininterrompido de 12 a 20. Nas praias do municipio que non dispoñen de socorristas xa están colocados os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

 

24Xuñ 2015

O fotoxornalista Felipe Carnotto retrata Nicaragua tras gañar o certame “Imaxes con Fondo”

O premio da segunda edición do concurso organizado polo Fondo Galego de Cooperación consistía nunha viaxe para elaborar unha mostra fotográfica
540-f-foto

O fotógrafo Felipe Carnotto áchase ata comezos de xullo en Nicaragua retratando a vida no país e os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Malpica de Bergantiños, para preparar unha exposición que logo xirará por municipios de toda Galicia. A viaxe forma parte do premio da segunda edición de Imaxes con Fondo, certame que o fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo gañou o pasado ano.

 

Desde que a comezos de xuño iniciara o seu periplo, Felipe Carnotto está a visitar distintas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2003 en materia de turismo sostible, autoconstrución de vivendas, formación agropecuaria, abastecemento de auga ou empoderamento das mulleres. Nos primeiros días, coincidiu en terreo coa técnica de proxectos do Fondo Galego, a tamén viguesa Andrea García Corzo, que durante dúas semanas supervisou os resultados das intervencións realizadas entre 2011 e 2015.

 

A asociación municipalista desenvolveu ata o momento un total de 17 proxectos co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, algúns deles con achegas extraordinarias de entidades socias coma o Concello de Vigo e mesmo da Consellería de Vivenda. No entanto, desde 1998 o Fondo Galego ten apoiado unha trintena de actuacións no país centroamericano que suman preto de un millón de euros de investimento, moitas delas en colaboración con ONGD galegas.

 

Na actualidade, estase a executar unha intervención con Amigos da Terra para facilitar o acceso á auga a 178 familias empobrecidas e outra con Taller de Solidaridad a prol do turismo rural comunitario. A andaina do fotoxornalista, que conta con distintos galardóns e ten publicado en xornais como Der Spiegel, Financial Times ou The Guardian, pode seguirse na bitácora www.felipecarnotto.com/blog.

 

21Xuñ 2015

A organización da VI Travesía a Nado Sisargas-Malpica doa ao banco de alimentos 150 kg de comida, un por cada participante

A espectacular proba celebrarase o vindeiro 9 de agosto
540-f-foto

A Travesía a Nado Sisargas-Malpica, que chega este ano á súa sexta edición, non é só unha proba deportiva, senón tamén solidaria. Os organizadores doaron ao banco de alimentos do Concello de Malpica un total de 150 quilos de comida, un por cada participante. Daniel Gambón, en representación do Club Travesía Sisargas, fixo entrega ao alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e á concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, de champiñóns, chícharos, cenoria, albóndegas, fabada, lentellas, garavanzos, salsa de tomate, fariña, aceite, azucre, cacao en polvo, atún… todo ilo adquirido na cadea de supermercados Gadis, que colabora coa proba.

 

A Travesía a Nado Sisargas-Malpica celebrarase o vindeiro 9 de agosto. Os participantes terán que percorrer 4,2 km. en mar aberto, dende a Sisarga Grande, ata onde irán embarcados, pasando polo cabo de San Adrián e a Punta de Seaia ata chegar á praia de Malpica. Un dos aspectos máis importantes da proba é a seguridade. O dispositivo estará integrado por 10 postos de vixilancia por terra, boias de sinalización do percorrido, ambulancia, lanchas de apoio, barco escoba, lancha de coordinación e equipo médico, lancha de intervención e kayaks de apoio.

 

O interese que esperta a Travesía a Nado Sisargas-Malpica non deixa de aumentar dende a primeira edición. Este ano as 150 prazas dispoñibles completáronse xa nos primeiros días.

 

20Xuñ 2015

Máis de 1.700 escolares da provincia visitaron este curso o Forno do Forte de Buño

O ecomuseo ampliará o seu horario durante o verán e estará aberto tamén os domingos pola mañá
540-f-foto

Cada curso pasan polo Forno do Forte centos de estudantes, e sobre todo nestes últimos días intensifícase o ritmo de visitas ata tal punto que o oleiro José Antonio Corral tivo que ser reforzado varios días. A artesá Marilá Gómez demostrou que tamén é unha excelente docente. O éxito do ecomuseo obedece en gran parte ao importante labor de difusión que se leva a cabo entre os centros de ensino, explica o seu xerente, Paco Doval. Como consecuencia, este curso pasaron polo museo de Buño un total de 1.758 nenas e nenos de 31 colexios e institutos e Arteixo, Camariñas, Fisterra, Malpica, A Laracha, Carnota, Portosín, Santiago, Betanzos, Cee, Ordes, Ames, Cambre, Oroso e A Coruña. Foi o segundo ano de máis afluencia.

 

O Forno do Forte convértese cada curso no destino de centos de escolares chegados dende todos os recunchos da provincia. O ecomuseo ofrécelles a posibilidade de mergullarse na historia da nosa olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través dun percorrido que a nosa guía, Lola Martínez, sabe facer interesante para todas as idades. Pero os nenos e nenas, ademais, poden converterse por un día en artistas do barro. Para os máis pequenos, o oleiro José Antonio Corral organiza obradoiros que se desenvolven no cabanote, e que permite que moitas nenas e nenos teñan o seu primeiro contacto co barro, e cando os visitantes xa son alumn@s de instituto cédelles o seu posto no torno por uns minutos.

 

Pero aínda que o venres rematou o curso e os estudantes non regresarán ao Forno do Forte polo menos ata setembro, a actividade no museo non descende. De feito, coincidindo coa chegada do verán amplíase o horario de apertura para facilitar a veciños e veraneantes a visita ás instalacións. Deste xeito, o ecomuseo estará aberto de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 18 horas, e os domingos de 10 a 14.

19Xuñ 2015

O Concello de Malpica pon en marcha o servizo de salvamento nas praias

Seis socorristas velarán pola seguridade dos bañistas en Area Maior e Canido
540-f-foto

Os servizos a veciños e visitantes dispostos polo Concello de Malpica para esta fin de semana festiva completaranse coa entrada en servizo do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por seis persoas, nas praias de Area Maior e Canido. Os socorristas traballarán dende o sábado 20 de xuño ata primeiros de setembro, en horario ininterrompido de 12 a 20.

Nas praias do municipio que non dispoñen de servizo de salvamento xa están colocados os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

 

19Xuñ 2015

Malpica acollerá mañá un showcooking con produtos da pesca

Os asistentes, ata un máximo de 40, poderán aprender receitas e degustar os pratos elaborados por un chef con experiencia neste tipo de actividades
540-f-foto

Mañá sábado tes unha cita coa cociña en Malpica. Ás 12 da mañá comezará na Praza da Fonte un showcooking organizado polo Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte (GAC3) no que poderán participar un máximo de corenta persoas. Un experimentado chef preparará en directo tres pratos con base mariñeira coa premisa “Cociña de km. 0”, o que quere dicir que a materia prima que empregará é peixe que se pesca na costa malpicá, ten grandes cotas de captura e ademais é alcanzable para todos os petos.

 

Os asistentes poderán aprender as receitas e sorprenderse coa sinxela elaboración, o exquisito sabor e o baixo custe dos pratos. O chef estará acompañado por un axudante e un camareiro que servirán como apoio na cociña e repartirán os pratos entre os asistentes.

 

18Xuñ 2015

O Concello de Malpica reforza a seguridade durante as festas de San Adrián

O dispositivo da romaría está integrado por 40 persoas entre Protección Civil, Policía Local e Garda Civil
540-f-foto

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza en Malpica durante as festas de San Adrián, que se celebrarán dende mañá venres ata o domingo, debido a que se espera unha afluencia masiva de visitantes, sobre todo o domingo pola mañá. O dispositivo da romaría estará integrado por 40 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local _que se reforza con persoal dos concellos limítrofes_ e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.

 

A comisión de seguridade leva semanas traballando na organización dos efectivos e dos servizos para veciños e visitantes, que disporán de zonas de aparcamento gratuítas e debidamente sinalizadas, e que ademais estarán vixiadas por persoal de Protección Civil e Policía Local. Dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar atascos no centro, onde a circulación estará restrinxida.

 

As festas de San Adrián converten Malpica, tradicionalmente, no punto de encontro de milleiros de persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia. 

 

13Xuñ 2015

Eduardo Parga pide o apoio da corporación para “avanzar cara esa Malpica viva e xeradora de riqueza que tod@s queremos”

O pleno da toma de posesión dos novos membros da corporación municipal encheu o salón de sesións
540-f-foto

Os membros da nova corporación municipal de Malpica tomaron posesión dos seus cargos nun salón de sesións abarrotado. A Miguel Fernández, presidente da mesa de idade, correspondeulle por segunda vez entregar o bastón de mando ao seu compañeiro de partido Eduardo Parga Veiga, que recibiu o apoio da maioría da corporación para continuar á fronte do Concello de Malpica de Bergantiños durante os vindeiros catro anos.

 

Eduardo Parga tivo palabras de agradecemento para os veciños/as de Malpica e para os compañeiros/as do grupo municipal, e tendeu a man a todos os grupos municipais “porque estou convencido -dixo- de que o único interese que nos move a todos é traballar por mellorar o noso concello e a calidade de vida dos habitantes de todas e cada unha das nosas parroquias” Despois de dar a benvida aos novos membros da corporación, o alcalde instou aos representantes de todos os partidos a responder á confianza depositada polos veciños/as nas urnas “intentando sempre buscar o camiño que nos permita seguir avanzando cara esa Malpica viva, atractiva e xeradora de riqueza que todos e todas queremos”.

 

Eduardo Parga dirixiuse tamén aos veciños/as presentes no salón de sesións. “Sabede que as portas do Concello de Malpica -dixo- sempre estarán abertas para vós. Porque o noso principal compromiso é estar preto dos cidadáns, atender as vosas necesidades e seguir traballando para construír un futuro mellor para todas e todos”.

 

Hoxe foi día de novidades no salón de sesión por partida dobre, xa que tamén se estreou o tapiz artesanal co novo escudo do Concello de Malpica de Bergantiños que a partir de agora decorará a parede principal. Así mesmo, cada un dos membros da corporación foi agasallado cun pin e un marcapáxinas do escudo e unha selección de publicacións editadas polo Concello.

 

Página 1 de 212