O Concello de Malpica reforza a seguridade durante as festas de San Adrián
O dispositivo da romaría está integrado por 40 persoas entre Protección Civil, Policía Local e Garda Civil
Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza en Malpica durante as festas de San Adrián, que se celebrarán dende mañá venres ata o domingo, debido a que se espera unha afluencia masiva de visitantes, sobre todo o domingo pola mañá. O dispositivo da romaría estará integrado por 40 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local _que se reforza con persoal dos concellos limítrofes_ e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.
A comisión de seguridade leva semanas traballando na organización dos efectivos e dos servizos para veciños e visitantes, que disporán de zonas de aparcamento gratuítas e debidamente sinalizadas, e que ademais estarán vixiadas por persoal de Protección Civil e Policía Local. Dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar atascos no centro, onde a circulación estará restrinxida.
As festas de San Adrián converten Malpica, tradicionalmente, no punto de encontro de milleiros de persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia.