Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 20°
16°
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Representantes de Sanidade e do Sergas e do Concello de Malpica reuníronse para abordar o proxecto dun novo centro de saúde no municipio

13Xan 2022

Representantes de Sanidade e do Sergas e do Concello de Malpica reuníronse para abordar o proxecto dun novo centro de saúde no municipio

O Concello malpicán foi dos primeiros de Galicia en propoñerlle á Xunta unha parcela para construír as instalacións sanitarias

Malpica, a 13 de xaneiro do 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse este mércores co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga,  para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.Na xuntanza, á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e a concelleira de Sanidade do Concello de Malpica, Marisol Blanco, a Xunta e o consistorio avaliaron a posibilidade da construción dun novo centro nunha proposta de parcela achegada polo rexedor, e que pode cumprir coas necesidades requiridas polo Sergas.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de Atención Primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Malpica tendo en conta que o actual, de 26 anos de antigüidade e de titularidade municipal, ten carencia de espazos para a actividade asistencial necesaria e conta con importantes deficiencias tanto estruturais como no estado de mantemento.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional  que contempla incrementar en tres as consultas para adultos e nunha as de pediatría, así como incorporar espazos para os profesionais como un despacho de coordinación, unha sala de estar ou vestiarios que non son posibles no actual inmoble polas súas carencias de superficie. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 1.000 metros cadrados de superficie.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida este mércores esa solicitude por parte do Concello de Malpica coa oferta dunha parcela, na que é unha das primeiras propostas concretas recibidas pola Xunta por parte dos 28 concellos contactados, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do Concello e iniciar a licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

Infraestruturas de Atención Primaria na provincia da Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de Atención Primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Buño (Malpica), Arteixo, Culleredo e Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinouse xa o convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e asinouse tamén un convenio de colaboración co Concello de A Coruña para a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee e Monfero, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 nos centros de saúde de Bergondo e Valdoviño.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia da Coruña, contempla a construción de dez novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está a piques de adxudicarse), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Malpica de Bergantiños, San Xoán na cidade de Ferrol, Fene e Teo.

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros cinco centros como o de Carballo, que se converterá en Centro Integral de Saúde; o de Conxo na cidade de Santiago ou os de Culleredo, Cedeira e Vimianzo.