Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Portos de Galicia derrubará a lonxa vella de Malpica para mellorar o acceso ao porto e ampliar as prazas de aparcamento

26Dec 2014

Portos de Galicia derrubará a lonxa vella de Malpica para mellorar o acceso ao porto e ampliar as prazas de aparcamento

O presidente do Ente Público, José Juan Durán, presentou hoxe o proxecto, que tamén inclúe a creación dun espazo de lecer
540-f-foto

Unha vez rematadas as obras de reparación e reforzo do dique, Portos de Galicia acometerá unha nova actuación no porto de Malpica grazas ás xestións realizadas polo alcalde. O presidente do Ente Público, José Juan Durán, anunciou hoxe que o seu departamento procederá á demolición da lonxa vella para mellorar a accesibilidade, ampliar o aparcamento e crear un novo espazo de lecer. José Juan Durán presentou o proxecto acompañado polo deputado autonómico Aurelio Núñez; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Obras e Mar, Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, e o patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez. 

 

As obras arrincarán despois do Nadal e estarán listas nun prazo de dous meses. O investimento ascende a 150.000 euros. José Juan Durán explicou que a demolición da lonxa vella, e sobre todo do seu gran beiril, “vai supoñer unha mellora importante na accesibilidade para camións e tráilers ao porto. Dende o punto de vista da operativa portuaria, dende o Ente Público e a Xunta de Galicia interésanos suprimir ese aleiro, que fai moi angosta a entrada”. O espazo que quedará baleiro despois do derrubo permitirá crear unha vintena de prazas de aparcamento para usuarios do porto, pero tamén se creará unha nova área de lecer, con bancos, que permitirá “harmonizar o espazo resultante con outras actuacións que se fixeron no porto de Malpica nos últimos meses”, apuntou o presidente de Portos.

 

A intervención completarase co saneamento e a estabilización do muro. “Creo que se cumpren moitísimos obxectivos: en primeiro lugar, o tema da mellora do acceso e tamén por suposto que haxa máis prazas de aparcamento para os usuarios do porto, e, por suposto, tamén hai que pensar no lecer. Eu creo que esteticamente a zona esta do porto vai saír gañando”, declarou José Juan Durán.

 

O alcalde de Malpica amosouse agradecido pola resposta de Portos de Galicia á súa petición e pola presenza de José Juan Durán na vila para presentar o proxecto. Eduardo Parga destacou a importancia da creación novas prazas de aparcamento e a humanización dos espazos portuarios para a súa utilización por parte de toda a cidadanía. “É unha mellora para o pobo de Malpica, xa que o pobo de Malpica necesita do porto e o porto necesita do pobo de Malpica”, manifestou o alcalde.