Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Os concellos de Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas nos sectores do comercio e a hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego conxunto

17Feb 2015

Os concellos de Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas nos sectores do comercio e a hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego conxunto

O proxecto presentado na Xunta de Galicia para o seu financiamento ten un orzamento de 158.400 euros
540-f-foto

Os concellos de A Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de solicitar unha subvención para a posta en práctica dun Programa Integrado de Emprego (PEI) entre este ano e o vindeiro. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral de 60 persoas desempregadas, sobre todo das que teñen maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, e reorientalas cara os sectores produtivos con maiores índices de inserción profesional na súa área de influenza.

 

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego a decembro do 2014, os tres concellos aglutinan a 5.374 desempregados, o que supón un 72 % do total de Bergantiños.

 

O Programa Integrado de Emprego desenvolverase en cooperación cos diferentes axentes económicos con presenza nos municipios de Carballo, Malpica e A Laracha: asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e profesionais…

 

As accións de formación específica previstas son as seguintes:

Caixeiro/a / atención ao cliente (420 horas)

Mozo/a de almacén / repoñedor/a supermercado / manexo carreta elevadora (390 horas)

Dependente de carnizaría (310 horas)

Dependente de peixaría (310 horas)

 Elaboración de repostería (230 horas)

Elaboración e presentación de tapas, pinchos e canapés (300 horas)

Todos os cursos serán impartidos por persoal cualificado, e para que a formación sexa o máis completa posible está previsto que os participantes realicen prácticas en empresas.

 

O primeiro paso do programa consistirá nunha serie de accións preparatorias, de cara á posterior inserción, que consistirán na creación de grupos de traballo sectoriais con empresas e institucións relacionadas cos seis cursos específicos que se van impartir. Deste xeito será posible coñecer as necesidades reais de persoal en cada unha das especialidades previstas, a dispoñibilidade das empresas para acoller alumnos/as en prácticas, e o seguimento continuado da formación por parte das empresas para que poidan ter un coñecemento actualizado que facilite a inserción laboral posterior dos alumnos/as.

 

O programa inclúe, ademais, accións de formación transversal que abranguen dende a orientación laboral ata a promoción do emprendemento e a potenciación da marca persoal para a busca de emprego, ademais de módulos sobre prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.

 

Tamén se levarán a cabo accións de prospección entre as empresas asentadas nos tres concellos para acadar un mínimo de 18 insercións laborais. Deste labor encargaranse dous titores, que realizarán visitas individualizadas a empresas dos sectores o comercio e a hostalería.

 

O PIE de Malpica, Carballo e A Laracha terá 12 meses de duración, dende o 1 de setembro deste ano ata o 31 de agosto do 2016. As accións formativas repartiranse entre as instalacións dispoñibles nos tres concellos. No caso de Malpica, a Casa do Oleiro de Buño. O custo total do programa é de 158.400 euros.