Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Torneo Solidario Os Petóns marca o comezo da colaboración da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica

26Ago 2015

O Torneo Solidario Os Petóns marca o comezo da colaboración da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica

“O fútbol ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”, sinalaron os organizadores na presentación do cartel
540-f-foto

A xunta directiva da Unión Deportiva Cerqueda está convencida de que o fútbol “ten un potencial tremendo” que vai moito máis alá do puramente deportivo, e está decidida a aproveitalo. A promoción da Croa do Castro nas camisetas que lucirán os xogadores no seu debut na 2ª Autonómica constitúe un exemplo da nova dimensión que pretenden darlle ao club, pero non o único. Hoxe tivo lugar no centro social das Pozacas a presentación do Torneo Solidario Os Petóns, que marca o comezo dunha colaboración estable da UD Cerqueda co banco de alimentos do Concello de Malpica de Bergantiños. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, en representación do goberno municipal, e por parte do club deportivo asistiron o presidente, Roberto García, e o directivo Alberto Pose, así coma o capitán do equipo, Daniel García Reixía.

 

“O fútbol -sinalaron os organizadores do torneo- ten que servir para algo máis que para ir os domingos ao campo”. En principio, toda a recadación que se consiga no torneo deste sábado destinarase á compra dos alimentos máis necesarios para o banco que xestiona a Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician 21 familias do municipio malpicán. Pero a directiva da UD Cerqueda xa avanzou a súa intención de seguir colaborando durante todo o ano cun servizo que consideran especialmente importante dadas as dificultades que atravesan moitas familias. Dende o Concello de Malpica, tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes agradeceron este xesto solidario, animaron aos veciños e veciñas de todo o municipio a acudir ao torneo e desexaron á UD Cerqueda moita sorte na 2ª Autonómica, na que se estreará na primeira fin de semana de setembro contra o Fisterra.

 

No Torneo Solidario Os Petóns, que se disputará este sábado 29 no campo de Xaviña (Buño), participarán, ademais da UD Cerqueda, o CD Baíñas e o CF Boimorto. Os partidos comezarán ás 18 horas.