Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello colabora co IES Urbano Lugrís na posta en marcha dun punto limpo no centro educativo

1Feb 2017

O Concello colabora co IES Urbano Lugrís na posta en marcha dun punto limpo no centro educativo

O alumnado do IES Urbano Lugrís vai un paso máis alá no seu proxecto educativo coa posta en marcha dun punto limpo que permitirá que os rapaces e rapazas apliquen dun xeito moi práctico os coñecementos adquiridos na aula. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, acudiron ao centro para colaborar co proxecto facendo entrega de colectores de residuos orgánicos, envases e papel/cartón. Grazas á colaboración do Concello de Malpica, Sogama achegou os primeiros recipientes para a construción do punto limpo, que neste momento xa conta tamén con colectores específicos para fluorescentes, tóner e pilas. “Se funciona ben, a idea é seguir ampliándoo no futuro, por exemplo con recollida de aceite usado”, explica Xacobo de Toro, profesor de Bioloxía e responsable do proxecto. Unha das materias que teñen que aprender os alumnos e alumnas na súa clase está relacionada cos 3R (reducir, reciclar, reutilizar), e Xacobo de Toro está convencido de que “para interiorizalo o mellor é que o fagan”.

urbano lugris

Polo momento, os alumnos e alumnas de 4º de ESO están recibindo a formación necesaria para que sexan eles mesmos os encargados de mentalizar aos máis pequenos. O punto limpo está aberto a todo o alumnado e profesorado, e non só para que depositen os residuos xerados no propio instituto, senón tamén para que poidan traer das súas casas aqueles residuos para os que non teñen colectores específicos no lugar onde viven. O Concello de Malpica colaborará tamén coa retirada dos colectores cando estean cheos.