Moita animación na apertura do Mercado Medieval de Malpica
Os postos de venda de produtos gastronómicos e artesanía, así coma diversas actuacións e atraccións, animarán as rúas da vila ata o domingo
O Mercado Medieval Mariñeiro de Malpica abriu as súas portas oficialmente este mediodía cunha amplísima oferta de gastronomía, artesanía e atraccións que van animar as rúas da vila durante toda a ponte do 15 de agosto, coincidindo coa celebración da Festa Galega.
O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Alfredo Cañizo e Miguel Fernández realizaron un completo percorrido polos máis de trinta postos que integran o atractivo mercado. Os representantes municipais conversaron cos comerciantes, entre os que hai algún que visitan Malpica por primeira vez, pero tamén os hai que repiten e que ademais levaron moi boa impresión das anteriores edicións. Durante o paseo, as autoridades locais foron descubrindo unha amplísima oferta que inclúe todo tipo de queixos e embutidos, sabedores doces (cos que se atreveu o alcalde), churrasco, polbo e outros moitos atractivos culinarios, pero tamén xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería, tatuaxes con hena, complementos e bolsos ou peluches térmicos. Tamén ten un posto a Asociación de Redeiras O Fieital, que amosa todo tipo de obxectos relacionados co mar e novidosos deseños de moda elaborados con redes, coma un chal e un bolso.
O Mercado Medieval de Malpica permanecerá aberto ata o domingo. Este ano no só aumentou o número de postos, senón que tamén van a máis as actividades paralelas. Os cabezudos xa empezaron a percorrer hoxe pola mañá o recinto feiral, pero tamén se agarda a visita de músicos e do Gran Cabaleiro Negro Medieval, que chegará a lomos do seu cabalo. Para os máis pequenos haberá unha noria de madeira ecolóxica impulsada a manivela, un castelo inchable, paseos en poni e unha mesa de xogos tradicionais na que poderán poner a proba o seu enxeño.
E todo iso no centro da vila, engalanado especialmente para a ocasión.