Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica vibrou con “Pinocchio” e “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”

6Dec 2021

Malpica vibrou con “Pinocchio” e “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”

A 17ª Mostra de Teatro do Concello chegará o próximo venres ó seu fin

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu durante esta fin de semana dúas obras incluídas na 17ª Mostra de Teatro do Concello.

O venres foi a quenda de “Pinocchio”, da compañía Teatro Ghazafelhos. Foi unha representación musical na que o monicreque universal encheu ó público de risa e emoción. Da man de Pepablo Patinho, Montse Piñón, Jorge Casas, Paty Lesta e Cristian Leggiero viviuse unha tarde-noite de aventura que marabillou ás familias malpicás.

“Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas, en coprodución co Centro Dramático Galego, chegou o sábado. Este espectáculo, dirixido e interpretado por Mª Ángeles Iglesias, abordou temas como a sexualidade, a parella, os soños, as frustracións, os desexos e as fantasías da muller. Convidou, así, ás espectadoras a reflexionar sobre normas ou parámetros establecidos que se fan propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con cada persoa.

Esta última obra está subvencionada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña-Teatro en Igualdade. A concelleira de Igualdade en Malpica, Marisol Blanco, non a quixo perder. Mesmo conversou coa directora e protagonista e mercou o libro que recolle o guión da obra.

Próxima cita

A próxima e última cita será o vindeiro venres con “Vida de cans”, de Talía Teatro (auditorio do Centro Cívico a partir das 20:30 horas). Esta iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, conta cun aforo limitado debido á pandemia, polo que é necesario reservar as entradas (gratuítas) en auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto.