Malpica presenta a XX edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cunha novidade sonora

A alcaldía do Concello de Malpica acolleu este venres a presentación do XX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que promove a creación poética en lingua galega con liberdade temática e vocación innovadora.
No acto participaron o alcalde Eduardo Parga, a concelleira de Cultura Noelia Freijeiro, o presidente da Asociación Cultural Caldeirón Francisco Quiroga (Paco de Tano) e Emma Abella, quen puxeron en valor o percorrido do certame e destacaron as principais novidades desta edición.
O alcalde Eduardo Parga expresou a súa confianza no éxito da convocatoria:
“Esperamos que este ano xa a xente se anime e que sexa máis que o ano pasado. Seguro que a calidade de todos os poemas que se van a presentar vai a ser moi boa.”
Emma Abella salientou a relevancia simbólica de cumprir vinte edicións:
“Estamos moi contentos porque chegamos ao número redondo que é o vinte, e dentro de cinco anos faremos as vodas de prata, e xa estamos pensando ideas para celebralo.”
Pola súa banda, Francisco Quiroga (Paco de Tano) anunciou unha das novidades desta edición:
“Este ano temos unha novidade, que o libro ten un código QR no cal se poden escoitar os poemas musicados. E esperamos que este ano participe moita xente, e podemos dicir con orgullo que, desde Malpica, desde esta esquina pequeniña e case insignificante do mapa de Galicia, seguimos a exportar cultura innovadora para Galicia e para o mundo.”
O prazo para presentar os orixinais permanecerá aberto ata o 21 de setembro. O certame establece un premio único de 1.500 € e a publicación da obra gañadora na colección Illas Sisargas. As obras deberán estar escritas en galego e abordar unha temática de carácter erótico.
Descarga aquí as bases