O Concello de Malpica convida por segundo ano á hostalería local a participar nunha ruta de tapas de temática pesqueira
Despois do éxito acadado o ano pasado, a Concellaría de Promoción Económica de Malpica fai un novo convite á hostalería local para celebrar a segunda edición da ruta de tapas Malpica Sabe a Mar, unha iniciativa que naceu para impulsar o turismo enogastronómico e poñer en valor as tradicións pesqueira e oleira do noso concello.
A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, mantivo un primeiro encontro co sector no que a práctica totalidade dos hostaleiros e hostaleiras que participaron na anterior edición expresaron a súa intención de repetir. De todos os xeitos, o prazo de inscrición está aberto ata o 15 de xuño. Para facilitar a participación dos locais ponse á súa disposición o enderezo de correo electrónico concellodemalpica@gmail.com, aínda que os interesados e interesadas tamén poden dirixirse ao Centro Cívico (departamento de Educación, Cultura e Turismo) ou á Casa do Oleiro (oficina de Promoción Económica).
Segundo a proposta dos participantes na primeira xuntanza, a segunda edición da ruta celebrarase do 22 ao 24 de setembro. Malpica sabe a Mar diferénciase doutras iniciativas semellantes porque inclúe os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que inclúe a ruta é a olería, xa que para a ocasión volverán a elaborarse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.
O Concello de Malpica, tal como explicou a concelleira de Promoción Económica, encargarase da organización, a promoción e o subministro de material promocional en colaboración cos propios locais.