Malpica garda un minuto de silencio e le un manifesto contra a violencia de xénero
Hoxe, ás 12:00 horas, a Praza Villar Amigo foi o lugar dun emotivo acto polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O evento comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas, que rematou cunha sentida rolda de aplausos por parte de todos os asistentes. De seguido, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, tomou a palabra para ler o manifesto oficial baixo o lema: “Que a nosa luz apague para sempre a violencia de xénero.” Durante a lectura, lembrouse o caso de Estela Blach, asasinada en Baiona, e fíxose fincapé no número de vítimas deste ano, que ascende xa a 41 en España. O manifesto destacou a importancia de denunciar, actuar con contundencia e promover unha tolerancia cero ante a violencia de xénero. A veciñanza, representantes do Concello, asociacións locais e funcionarios uníronse a este acto como mostra de compromiso colectivo.
Para finalizar, lanzouse un farolillo ao ceo, simbolizando a memoria das vítimas e a esperanza dun futuro sen violencia.
O Concello de Malpica reafirmou o seu compromiso coa loita contra esta problemática e lembrou que o teléfono 016 está dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, para atender ás mulleres vítimas de violencia de xénero.