Malpica afondará en dúas especies mariñas como son a zamborca e a saboga
Será a través dunha xornada, o próximo venres, na confraría
A confraría de pescadores de Malpica prepara, co apoio da Concellaría de Cultura, unha xornada divulgativa sobre dúas especies como son a zamborca e a saboga, coñecidas máis tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Será este venres, día 19 de novembro, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da confraría.
Na charla darase a coñecer o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño. O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón, ambos da USC, serán os poñentes.
«Sempre loitamos por visibilizar a importante función social, educativa, histórica e científica que desenvolvemos e, que na maioría das ocasións, non sae a relucir se non é con xornadas coma esta», trasladan dende a confraría malpicá. Este estudo está financiado polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.