Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
Martes 14°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Inaugurada a exposición de fotos “Asociación Española Contra o Cancro: 50 anos cambiando a historia do cancro”

4Feb 2022

Inaugurada a exposición de fotos “Asociación Española Contra o Cancro: 50 anos cambiando a historia do cancro”

Acudiron ó acto representantes do Concello e da xunta local da AECC

Botou a andar en Malpica a exposición de fotos “Asociación Española Contra o Cancro: 50 anos cambiando a historia do cancro”. Sita no Centro Cívico e Cultural de Malpica con motivo da conmemoración do Día Mundial Contra o Cancro, foi inaugurada pola presidenta da xunta local da AECC, Carmen Teresa Blanco, e o alcalde do Concello de Malpica, Eduardo Parga. Numerosos concelleiros de distintos grupos acudiron ó acto.

A mostra recolle o medio século de investigación da Fundación Científica AECC para mellorar a calidade de vida dos doentes e co obxectivo de acadar o 70% de supervivencia no ano 2030. Nestes aspectos afondaron o rexedor e a representante malpicá da entidade.

“Para min é unha satisfacción inaugurar esta exposición”, comezou dicindo Carmen Teresa, ó que engadiu: “Os cartos que se van reunindo coas distintas accións que levamos a cabo, como as cenas, van para a investigación, que é unha das cousas máis importantes dun país. Grazas a todos e a todas por vir”.

Pola súa parte, Parga agradeceulle, así mesmo, o “traballo” que está a facer polo “pobo de Malpica”. “Hai anos había medo a falar desta enfermidade que, en cambio, agora, está máis normalizada, con certos tipos de cancro que son máis curables. Isto é grazas ós investigadores e ás investigadoras, coa gran labor diaria que fan, e grazas a vós tamén, mesmo con eventos puntuais como as ceas, que ogallá pronto a situación sanitaria o permita e as poidamos recuperar para recadar un diñeiro cunha finalidade social importantísima”, expuxo.

DE VERDE

Todos os asistentes desprazáronse, logo, á casa consistorial, a cal, con motivo do 4 de febreiro, loce luces verdes e amosa unha gran pancarta para visibilizar esta loita e apoiar ás persoas que sofren a enfermidade.

NOVA INICIATIVA

A mostra fotográfica estará exposta na entrada das instalacións municipais ata o 18 deste mes. Ademais, a xunta local da AECC en Malpica ten preparada unha xuntanza coa doutora Estíbaliz Díaz Balboa, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario. Será o sábado 12 de febreiro, ás 18:00 horas, no Centro Comarcal de Buño.