Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 14°
11°
Luns 14°
Martes 19°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Uncategorized

Uncategorized

16Mar 2025

O alcalde de Malpica acompaña a Protección Civil na recollida de material de sinalización entregado pola Xunta

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e o concelleiro de Seguridade, Rodrigo Mato, estiveron hoxe cos membros de Protección Civil do municipio na recollida do novo material de sinalización proporcionado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que dirixe Diego Calvo.

Este material permitirá mellorar a seguridade viaria e a xestión das emerxencias no concello, reforzando o equipamento dos servizos de Protección Civil. Desde o Concello de Malpica, agradécese o apoio da Xunta de Galicia e o compromiso dos voluntarios de Protección Civil, cuxo labor resulta fundamental para a protección da veciñanza.

16Mar 2025

Malpica súmase á 16ª edición da Primavera en Ruta de Senda Nova

O Concello de Malpica reafirma o seu compromiso coa natureza e o patrimonio cultural ao participar na 16ª edición da Primavera en Ruta, organizada por Senda Nova. Este ano, o evento celébrase baixo o lema “XUNTAS”, en homenaxe á colaboración entre entidades, asociacións e administracións locais que fan posible esta iniciativa dende hai 16 anos.

A presentación da nova edición tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza, nun acto especial onde a rapazada da Escola Ambiental foi protagonista, convertendo a xornada nun evento de portas abertas para difundir as actividades que realizan.

Malpica únese a outros concellos colaboradores, como Carballo e A Laracha, facilitando puntos de inscrición e saídas para as rutas programadas. A iniciativa conta tamén co apoio de diversas asociacións e colectivos, tanto galegos como asturianos, consolidando así unha rede de participación activa no coñecemento e posta en valor do territorio.

Como novidade, este ano todas as rutas terán saída de bus desde o noso concello, con paradas en Malpica e Leiloio, facilitando así a participación da veciñanza.

A partir de agora, todas as persoas interesadas poderán inscribirse directamente no Concello de Malpica para participar nas diferentes andainas da Primavera en Ruta, que se desenvolverán entre marzo e maio:

Rutas da 16ª Primavera en Ruta

  • Ruta 1: O Son do Anllóns (Carballo, Coristanco)
    O río de Bergantiños
    Data: 23 de marzo
    Distancia: 16 km | Dificultade: Baixa
    Coa participación do Grupo Naturalista Mavea (Asturies)
  • Ruta 2: Camiños de Aldemunde (Cerceda, Carballo, Tordoia)
    O bosque na encrucillada
    Data: 30 de marzo
    Distancia: 7 km | Dificultade: Baixa
    Coa participación da Asociación Veciños polo Rural (Cerceda) e A. de Veciños de Aldemunde de Arriba
  • Ruta 3: Costa Agreste de Cerqueda e Cambre (Malpica de Bergantiños)
    Paisaxe malpicá
    Data: 6 de abril
    Distancia: 15 km | Dificultade: Media-baixa
    Coa participación da Plataforma Salvemos Peñamayor (Asturies)
  • Ruta 4: Ruta das Mámoas (Cabana de Bergantiños)
    Segredos megalíticos
    Data: 13 de abril
    Distancia: 14 km | Dificultade: Baixa
  • Ruta 5: Coristanco Histórico (Coristanco)
    Patrimonio conxunto
    Data: 27 de abril
    Distancia: 16 km | Dificultade: Media
    Coa participación da Asociación Lourido (Coristanco)
  • Ruta 6: Camiños de Caión (A Laracha, Carballo)
    Miradoiros do Atlántico
    Data: 11 de maio
    Distancia: 14 km | Dificultade: Baixa
    Coa participación do Concello de Guitiriz dentro do seu programa “Guitiriz en Ruta 2025”
  • Ruta 7: Terras Altas de Soneira (Zas)
    Zas en estado puro
    Data: 18 de maio
    Distancia: 16 km | Dificultade: Media-baixa
  • Ruta 8: Forza do Río Chonia (Trazo)
    Recunchos de Trazo
    Data: 25 de maio
    Distancia: 16 km | Dificultade: Baixa

Para máis información e inscricións, poden achegarse ás oficinas municipais do Concello de Malpica ou consultar as súas canles oficiais.

12Mar 2025

Malpica intensifica a loita contra a avespa velutina

O Concello de Malpica pon en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina no marco do Programa Galego de Vixilancia e Control desta especie invasora. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Medioambiente, busca implicar á veciñanza na loita contra esta praga que afecta á biodiversidade e á apicultura local.

Dende este martes, 12 de marzo, as persoas interesadas poden inscribirse nas oficinas xerais do Concello.

Así mesmo, lémbrase que para solicitar a retirada de niños de velutina é necesario chamar ao teléfono 012.

18Feb 2025

A Deputación Provincial da Coruña subvencionou a campaña de Promoción do Mercado Municipal de Malpica e a Campaña de Mercanadal 2024. Dende o concello queremos agradecer á Deputación Provincial o apoio a estas iniciativas aprol do comercio local de Malpica de Bergantiños”

18Feb 2025

Malpica súmase á celebración do Día de Rosalía con música e gastronomía

O Concello de Malpica de Bergantiños participará este domingo 23 de febreiro na celebración do Día de Rosalía de Castro, unha iniciativa promovida pola Fundación Rosalía de Castro para honrar a figura da escritora galega.

No marco desta conmemoración, os establecementos hostaleiros do municipio que desexen sumarse poderán inscribirse ata o xoves 20 de febreiro ás 14:00 horas, chamando ao 981 707 104 ou enviando un correo electrónico a anton.noceda@malpicadebergantinos.es.

Os locais participantes servirán como tapa especial o tradicional “caldo de gloria” na hora dos viños do mediodía do domingo. Ademais, o Concello organizará un pasarrúas de cantareiras que percorrerá os establecementos inscritos, amenizando a xornada cunha homenaxe musical á autora. Tamén se distribuirán salvamanteis cos versos do poema Miña casiña, meu lar, no que Rosalía describe a receita deste prato tradicional galego.

A iniciativa busca combinar gastronomía e cultura para poñer en valor o legado da escritora e promover a súa figura entre veciñanza e visitantes.

1Feb 2025

A actividade física como clave do benestar en Malpica

A charla abordou os beneficios do exercicio para a saúde, con experiencias de veciños que melloraron a súa calidade de vida

Onte, 31 de xaneiro, o Auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu unha charla sobre a actividade física e a saúde. O evento foi organizado polo Concello de Malpica.

Os temas tratados incluíron a osteoporose, hipertensión, diabetes, obesidade, colesterol, cardiopatías, fibromialxia, menopausa e cancro. Os poñentes foron Alejandro Mato Rey, graduado en Ciencias da Actividade Física, e Elena Facal Cean, graduada en Fisioterapia.

Ambos presentaron evidencias sobre os beneficios do exercicio. O público, moi entregado, participou activamente e formulou preguntas.

Os veciños Manu e Fernando compartiron as súas experiencias compartindo como a súa calidade de vida mellorou desde que asisten ao ximnasio municipal.

O acto foi moderado por María Bardanca, Técnica Deportiva do Concello. Contou coa presenza do alcalde Eduardo Parga e da concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro que entregaron un obsequio aos poñentes ao finalizar a charla.

31Xan 2025

Pleno do Concello de Malpica aproba o reparto do POS+2025

O Concello de Malpica celebrou onte o seu pleno ordinario no que se aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS+) 2025. O goberno local presentou a proposta de reparto dos fondos, que inclúe investimentos en infraestruturas deportivas e gasto corrente, así como o proxecto complementario para a mellora viaria. En concreto, o POS+2025 distribuirase do seguinte xeito:

• 264.182,57 € para o proxecto de Cambio de céspede, rego, acolchado do perímetro de xogo e banquiños do campo de Pedra Queimada, que contempla a creación de dous campos de fútbol 8 e un de fútbol 11.

• 274.463,26 € destinados a gasto corrente.

Así mesmo, a partida do POS+ Complementario destinarase ao ensanchamento e mellora da estrada Brión – O Castro, cun orzamento de 210.508,92 €.

A proposta saíu adiante grazas aos 6 votos a favor do PP, mentres que o BNG e AIM optaron pola abstención (3 votos), e o PSOE manifestou a súa oposición con 4 votos en contra.

Desde o goberno local destacan que estas actuacións permitirán mellorar as infraestruturas municipais e garantir a prestación de servizos esenciais á veciñanza.

30Xan 2025

Finalizan as obras da mellora da escaleira de acceso á praia de Seaia

O Concello de Malpica vén de anunciar a finalización das obras da nova escaleira de acceso á praia de Seaia, que xa está dispoñible para o seu uso. A actuación enmárcase dentro das iniciativas para mellorar a accesibilidade ao litoral e garantir un tránsito máis seguro para veciños e visitantes.

A execución do proxecto foi posible grazas a unha subvención de Red Natura e contou cun orzamento de 37.741,22 euros, dos cales 30.000 euros foron achegados como axuda pública, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). A intervención tivo un prazo de execución de dous meses.

Desde o goberno local destacamos a importancia desta mellora para reforzar a seguridade dos usuarios e agradeceron a colaboración de todas as persoas implicadas no desenvolvemento da infraestrutura.

14Xan 2025

A charla “A TÚA MELLOR MEDICINA ES TI” adíase ao 31 de xaneiro

A charla “A TÚA MELLOR MEDICINA ES TI”, programada inicialmente para este venres, queda adiada para o día 31 de xaneiro. O evento levarase a cabo no Centro Cívico de Malpica e dará comezo ás 20.00 horas.

Os malpicáns Elena Facal e Alex Mato, xunto con María Bardanca, Técnica Deportiva do Concello, serán os encargados de presentar esta charla que abordará temas de grande interese para a comunidade.

  • Alex Mato, estudante de terceiro curso do Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e con formación específica orientada á saúde, explicará como a actividade física contribúe a mellorar diversas patoloxías cada vez máis frecuentes, para as que adoitan prescribirse numerosos medicamentos. Farase especial fincapé na diabetes e na menopausa, temas de gran relevancia para a poboación.
  • Elena Facal, fisioterapeuta, falará sobre as vantaxes dunha vida activa no proceso de rehabilitación fronte a diferentes patoloxías ou lesións.

Ademais, ofrecerase un espazo para resolver dúbidas sobre as mellores formas de ser máis activo de maneira saudable.

O Concello de Malpica anima a todas as persoas interesadas a asistir o vindeiro 31 de xaneiro para coñecer máis sobre como a actividade física pode ser unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde e o benestar.