Malpica celebra o 86º aniversario das Misións Pedagóxicas con monicreques, magosto e concurso de disfraces de época
As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 86 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Cultura quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, este domingo, día 20, volverá a haber monicreques no mesmo lugar (se o tempo o permite) que 86 anos atrás. En caso de choiva os actos trasladaranse ao Mercado Municipal (rúa Patria Galega).
Pero o programa de actividades deseñado pola Concellaría de Cultura, que conta un ano máis coa colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, será máis amplo. De feito, xa está aberta na aula circular do Fondo Lugrís, no Centro Cívico, a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, que pode visitarse ata o día 31, e que inclúe novas achegas. Para seguir ampliándoa, durante estes días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.
O día 20, como hai 86 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola representará Dona Barriga Verde, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 6 anos.
A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo, as Cantareiras da A.C. Malante e a formación Os do fondo da barra cos seus cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.
A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e un vale de 50 euros para a compra de libros, e na absoluta, en trofeo e vale de 100 euros canxeable no comercio e na hostalaría locais.