Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 14°
12°
Mércores 14°
12°
Xoves 15°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

27Dec 2017

A UD Cerqueda implica aos máis pequenos nas causas solidarias co 1º Minitrofeo Os Petóns

A UD Cerqueda volve a demostrar que os partidos non sempre se xogan nos campos de fútbol, e que unha entidade deportiva pode ser moito máis ca iso. Pero ademais o club malpicán quere transmitir esa filosofía ás novas xeracións, e por iso este ano organiza por primeira vez unha versión “mini” do trofeo solidario Os Petóns. Deste xeito tamén implicará aos máis pequenos nas causas solidarias.

OS PETONS MINI

Hoxe tivo lugar a presentación do torneo na Casa do Concello de Malpica, coa participación do alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro Miguel Fernández; o presidente e o capitán do Cerqueda, Roberto García e Daniel Reixía, e o presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano. O club carballés, que xa participou co equipo sénior en edicións anteriores do trofeo Os Petóns, comparte plenamente a filosofía da UD Cerqueda.

O I Minitrofeo Os Petóns disputarase este sábado 30 no campo de Xaviña (Buño). Ás 11 xogarán os equipos benxamíns de ámbolos dous clubs e as 12, os infantís. Do mesmo xeito que a recadación do torneo sénior vai destinada á compra de comida para o banco de alimentos, nesta ocasión os cartos que se consigan servirán para mercar xoguetes para os nenos e as nenas de familias con poucos recursos.

Por iso, tanto desde os equipos participantes como desde o propio Concello de Malpica faise un chamamento a toda a veciñanza para que se achegue este sábado ao campo de Xaviña, “porque a ocasión -sinalaron- ben o merece”.

CARTEL

23Dec 2017

Dezasete entidades colaboran para encher de actividade para todos os públicos o Nadal de Malpica

O Concurso Escolar de Debuxo e Pintura foi a primeira actividade do Malpica Nadal, un programa cultural impulsado desde a Concellería de Educación, Cultura e Turismo coa colaboración de 17 entidades de todo tipo. As asociacións Malante, Raigañas, Carcaxía, San Xulián, Pobo Alfareiro, Viradeira de Buño, A Feira, O Brizo, Río de San Antonio, Leiloio, Amigos da Mikaela, as ANPA dos colexios Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, os propios colexios, o CRA Nosa Señora do Faro e A Galiña Azul de Aldeola xuntan esforzos para encher de actividade todo o mes de decembro e os primeiros días do ano 2018.

arbore nadal (5)

As xornadas previas ás vacacións escolares estiveron centradas na elaboración dos adornos que decoran xa a árbore de Nadal xunto á Casa do Concello. Papá Noel visitou xa o 17 de decembro a Casa dos Veciños de Leiloio, mentres que o alumnado do CEIP Milladoiro recibiu o día 20 unha visita anticipada dos Reis Magos e O Apalpador estivo este sábado na Casa da Cultura de Seaia, onde ademais actuou o mago Álex e houbo unha festa infantil con inchables.

O día de Noiteboa terá dúas citas principais: ás 18 horas, cos pasarrúas de panxoliñas das cantareiras de Malante polas rúas de Malpica, e ás 18.30 coa entrega de agasallos aos nenos e nenas na Fonte da Praza de Anselmo Villar Amigo. O día de Nadal non haberá actividade, pero o 26 volverá a animación cunha festa infantil con chocolatada incluída no pavillón do colexio de Buño. O mércores 27 repetirase a festa no pavillón de Malpica; o 29, no centro sociocultural das Pozacas, e o 30, nas escolas de Pontella.

Para Fin de Ano repetimos a San Silvestre Malpicana, con saída ás 12 horas da praza e festa con brinde incluído ao rematar. E pola noite, teremos o tradicional baile organizado pola Concellería de Servizos Sociais a partir das 23.45 horas, con uvas, cava, cotillón e a música do Dúo Café no auditorio do Centro Cívico.

O prato forte do Malpica Nadal serán as cabalgatas de Reis, que se celebrarán os días 5 e 6. A véspera do día de Reis os Magos de Oriente farán tres rutas: unha por Cambre, Buño, Cerqueda e Malpica; outra por Mens, Barizo, Seaia e Vilanova, e a terceira por Leiloio. O sábado tocaralles visita a Seaia, onde tamén haberá inchables pola tarde no campo da festa.

Concurso de debuxo e pintura

IMG_4100

Elena Blanco Barca, alumna de 6º de infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, foi este ano a gañadora do premio de cartel, mentres que Candela Lema Chouciño (na foto, xunto ao alcalde), de 5º de infantil do CRA Nosa Señora do Faro, acadou o premio de pantalla dixital. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, levoulles os seus agasallos aos coles. O terceiro galardoado foi Tristan Schurink Novo, alumno de 5º de primaria do CEIP Milladoiro e gañador do concurso de saúda de Nadal. Parabéns a todos/as os/as participantes, porque foi moi difícil escoller!

 

CARTEL NADAL DEC 17

16Dec 2017

Rematou o taller de pladur e pintura organizado pola Concellería de Servizos Sociais para persoas en risco de exclusión

Coa entrega de diplomas e unha visita ao espazo acondicionado rematou o taller práctico de pladur e pintura organizado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Malpica, a través da empresa de economía social Máis Porvir, para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral dos participantes, pero tamén se conseguiu darlle un valor engadido ao traballo mediante o acondicionamento dunha aula na Casa do Oleiro de Buño.

CLAUSURA PLADUR (5)

No acto de clausura participaron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández; Adolfo López Baña, administrador de Máis Porvir, e Sandra Caamaño, xerente da empresa.

O taller de pladur e pintura permitiu darlle continuidade ao programa de formación que vén levando a cabo nos últimos anos co obxectivo de impulsar a empregabilidade dos colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao traballo. Foi un obradoiro totalmente práctico, no que se ofreceron ás persoas participantes os coñecementos básicos en instalación de pladur, pintado de superficies e pequenos arranxos en edificios.

O curso tivo unha duración de 54 horas, e o programa formativo incluíu coñecementos sobre eliminación de humidades, prevención de riscos, impermeabilización e técnicas de colocación de pladur, e pintado de superficies.

CLAUSURA PLADUR (18)

12Dec 2017

O alcalde de Malpica xestionou coa Xunta un investimento de case 90.000 euros en obras hidráulicas

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, xestionou coa Xunta de Galicia un investimento próximo aos 90.000 euros en obras hidráulicas.

ETAP (2)

ETAP de Ponte Berrón

Por unha banda, mediante un convenio de colaboración coa empresa pública Augas de Galicia, o Concello de Malpica acometerá a renovación de bombas na estación de tratamento de auga potable (ETAP) cun investimento de 57.995 euros. A actuación, que acometerá a empresa Espina Obras Hidráulicas SL, permitirá a instalación tres bombas novas na ETAP de Ponte Berrón, informa o alcalde.

O outro proxecto consistirá na mellora da pavimentación e da rede de pluviais en espazos públicos do núcleo de Pontella, adxudicado á empresa Construcciones López Cao SL. Neste caso, a intervención realizarase mediante un convenio entre o Concello de Malpica e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun orzamento de 30.955,61 euros.

8Dec 2017

“O tolleito de Inishman” foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica

O tolleito de Inishman, cunha puntuación de 4,97 sobre 5, foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica. A montaxe de Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesias, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans, colleitou na nosa vila un novo recoñecemento, que se suma aos cinco premios María Casares acadados este ano.

O tolleito de Inishman

Cándido Pazó subiu ao escenario para dedicarlle a representación a Paco Souto

Contraproducións arrebátalle deste xeito o título a Malasobra, que fora a compañía gañadora da valoración do público nos anos 2014, 2015 e 2016, e que nesta ocasión quedou no cuarto posto. Con 185 espectadores, a proposta de Contraproducións foi tamén unha das que máis público atraeu ata o auditorio do Centro Cívico, e ademais estivo cargada de emoción porque Cándido Pazó subiu ao escenario antes de que comezase a función para dedicarlle a representación a Paco Souto.

En total, os nove espectáculos programados pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo reuniron a 1.093 persoas. As obras infantís volveron a triunfar, e, de feito, A tropa trapalleira de Bocaberta, con 195 persoas, foi a que levantou máis expectación. Do mesmo xeito que a afluencia foi boa, cunha media de 121 espectadores/as por función, tamén foi moi alta a puntuación acadada polas compañías participantes, cunha media de 4,55 sobre 5, o cal demostra a boa acollida que ten o teatro galego.

Ademais de Contraproducións, que fixo dobrete con Memorias dun neno labrego, e Bocaberta, pola XIII Mostra de Teatro de Malpica pasaron Volta e Dálle con Dura Lex, Malasombra con Os Rockenstein, Ibuprofeno Teatro con O furancho (segunda coa mellor valoración do público), A Panadaría con Pan! Pan!, Rimavane con Vestido de voda (terceira na votación) e Talía Teatro con Foucellas.

24Nov 2017

O Concello de Malpica asina un contrato por dous anos, ampliable ata tres, con Aspaber para a limpeza viaria

ASPABER 2

O Concello de Malpica e Aspaber asinaron hoxe o contrato correspondente ao servizo de limpeza viaria, que foi adxudicado ao centro especial de emprego Aspaber no concurso público convocado a tal efecto. No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández; o presidente de Aspaber, Francisco Costa, e a directora do centro especial de emprego, Dolores Fernández.

Aspaber, que viña desempeñando o servizo de limpeza viaria en Malpica desde mediados do ano 2013, renova deste xeito a súa vinculación co noso concello ao presentar a mellor oferta. O contrato ten dous anos de vixencia e un importe de 82.031,49 euros, e poderá ser prorrogado como máximo un ano máis.

O persoal de Aspaber encargarase da limpeza viaria, varrido e baldeo, limpeza de papeleiras, carteis e pintadas, entre outras funcións. O alcalde de Malpica expresou a súa satisfacción por poder seguir contando co centro especial de emprego non só polo bo facer que ten demostrado senón tamén porque este novo contrato permite ao Concello de Malpica seguir materializando o seu compromiso coa integración laboral das persoas discapacitadas.

24Nov 2017

O Concello de Malpica reforza o seu compromiso contra a violencia de xénero e ofrece ás vítimas “todo o apoio ano noso alcance”

IMG_3536

En Malpica anticipamos a conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller para reunir a diferentes sectores sociais arredor dun obxectivo común, porque, como sinalou na súa intervención a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, “a cidadanía debe involucrarse nesta loita”. Para conseguir ese obxectivo, o Concello de Malpica puxo en marcha nos últimos anos unha serie de iniciativas de visibilización que teñen como protagonista a veciños e veciñas do noso concello. O lipdub contra a violencia de xénero e a exposición fotográfica “Por elas, por nós” son dous claros exemplos, e hoxe quixemos volver a amosalos. Pero este ano damos un paso máis utilizando as fotografías da exposición para ilustrar o calendario de Malpica Igualdade para o ano 2018, do que se distribuirán 2.500 exemplares.

“O Concello -manifestou o alcalde, Eduardo Parga- non dedica tan só un día ao ano a reclamar, pedir e loitar pola erradicación da lacra social que é a violencia de xénero; o equipo de goberno está moi sensibilizado con este problema e traballa contra el no día a día. A mostra é que hai un convenio firmado co Centro de Información á Muller de Carballo, outro co Punto de Información á Muller Rural creado pola Asociación Íntegro, e tamén contamos coa colaboración inestimable da Garda Civil para por en funcionamento un protocolo de actuación con celeridade cando recibimos unha denuncia por malos tratos. Debo resaltar que o noso municipio ten un índice moi baixo de denuncias, e que en todas elas se actuou coa maior celeridade posible e se lle brindou á vítima todo o apoio ao noso alcance”.

Tanto o alcalde como a concelleira insistiron na necesidade de promover desde a casa, a escola e a sociedade unha educación en igualdade, pero tamén animaron a denunciar a violencia machista non só ás vítimas, senón tamén á cidadanía, “porque non podemos ser cómplices dos maltratadores co noso silencio”, apuntou Eduardo Parga.

O acto celebrado no Centro Cívico incluíu tamén unha pequena lembranza de Paco Souto, veciño e concelleiro falecido este ano, que foi un dos participantes na campaña “Por elas, por nós”. O Concello de Malpica quixo lembralo coa proxección do vídeo dunha canción que lle gustaba moito, e na que se fala, precisamente, do papel que cumpre a muller na sociedade. Unha visita á exposición, que poderá verse tamén nos vindeiros días na sala circular do Fondo Lugrís, completou o acto.

22Nov 2017

A Xunta inviste máis de 24.000 euros no CEIP Milladoiro de Malpica para converter a antiga casa do conserxe en comedor escolar

OVIDIO RODEIRO 1

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Milladoiro de Malpica, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir algo máis de 24.000 euros na transformación da antiga vivenda do conserxe nun comedor escolar para dar servizo aos alumnos.

O delegado territorial estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a directora do centro, Olga Rodríguez. As obras executadas consistiron na demolición de tabiques interiores, colocación de pavimento novo, pintura, colocación de falso teito, arranxo de iluminación e instalación eléctrica, adaptación de zona de cátering, mobiliario de cociña e zona de lava mans.

ovidio rodeiro 3

Na actualidade no CEIP Milladoiro, un dos tres centros cos que conta o municipio de Malpica, cursan os seus estudos un total de 176 alumnos entre infantil (44 en tres aulas) e primaria (132 en seis aulas), e traballan 15 mestres. Ovidio Rodeiro agradeceu á comunidade educativa do centro a súa implicación “por sumar ao esforzo por manter a calidade do ensino público e ao tempo reclamar as mellores condicións posibles para que os alumnos podan desenvolverse nas instalacións adecuadas”.

O delegado aproveitou a ocasión para felicitar á comunidade educativa po seren escollida, con 19 colexios máis de Galicia, para o proxecto Radio na Biblio, un proxecto piloto que pretende estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a centros creativos de aprendizaxe e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares.

Rodeiro lembrou que este ano a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometeu vinte obras en outros tantos centros das comarcas de Carballo e Costa da Morte por un importe de algo máis de 1,2 millóns de euros.

22Nov 2017

Un convenio entre o Concello de Malpica e a Axencia de Turismo de Galicia permitiu sinalizar os nosos recursos turísticos

sinalizacion turistica

O convenio asinado entre o Concello de Malpica de Bergantiños e a Axencia de Turismo de Galicia para a mellora da sinalización turística do noso municipio permitiunos mellorar a identificación dalgúns dos nosos recursos turísticos máis significativos.

Grazas a un investimento de 10.098,78 euros levamos a cabo a sinalización do pobo oleiro de Buño e a súa olería tradicional, así como do Ecomuseo do Forno do Forte e o Forno dos Mouróns, dous puntos imprescindibles de visita para as persoas que queiran coñecer máis de preto a nosa artesanía.

Así mesmo, o convenio permitiu sinalizar as Torres de Mens e a igrexa románica de Santiago, na mesma parroquia; o dolmen da Pedra da Arca, en Cerqueda; o faro de Punta Nariga e o porto, en Barizo, e a ermida de Santo Hadrián e a praia de Seaia, na parroquia de Malpica.

21Nov 2017

A veciñanza de Malpica volve a protagonizar a campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, volve a converter á cidadanía na auténtica protagonista da loita contra esa lacra social. A campaña deste ano terá como eixo o acto público que se celebrará este xoves 23, a partir das 12.30 horas, no Centro Cívico.

O alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, presentarán o programa de actos, que inclúe unha homenaxe ao finado Paco Souto, que foi un dos participantes na campaña do ano pasado e protagoniza unha das imaxes da exposición fotográfica “Por elas, por nós”, que poderá verse a partir do xoves no Fondo Lugrís (aula circular).

As fotografías que integran a mostra, precisamente, ilustran un calendario conmemorativo que a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade repartirá entre a cidadanía. A distribución comezará no acto do día 23, no que tamén se proxectará o lipdub contra a violencia de xénero gravado con diferentes colectivos do municipio e que leva case 7.000 visualizacións en YouTube.

cartel 2

Página 69 de 149« Primera...102030...6768697071...8090100...Última »