Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
Martes 14°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

20Abr 2018

As escolas municipais de ximnasia rítmica de Malpica e Cabana participarán o 28 de abril no Día do Ritmo

O sábado 28 de abril celebrarase o Día do Ritmo, que ao longo das súas 13 edicións anteriores ten acadado gran éxito de participación e de público. O pavillón municipal de Malpica será escenario dun espectáculo de deporte e música aberto a todos os públicos, que comezará cunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo das escolas municipais de Cabana e Malpica e rematará cunha demostración do alumnado da escola municipal de baile moderno do Concello de Malpica.

DIA DO RITMO

Nos últimos años, desde a área de Deportes do Concello de Malpica vense realizando un importante esforzo na promoción das modalidades deportivas de baile moderno e ximnasia rítmica. Con esa intención, á marxe de difundir a súa práctica involucrando a diferentes entidades, incluso de fóra do municipio, estableceuse a organización dun evento co obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.

A cita esta fixada para o día 28 a partir das 11.30 horas. A entrada é libre e de balde.

20Abr 2018

O Concello e Protección Civil de Malpica colocan trampas para a velutina en zonas axardinadas ou frecuentadas por nenos/as

trampeo 1

A campaña de trampeo da avespa velutina iniciada hai un mes polo Concello de Malpica e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil xa está a dar froitos, e os primeiros datos de capturas de raíñas empezaron a chegar esta semana á Casa do Concello. En total repartíronse un centenar de trampas e líquido atraente entre apicultores, sobre todo, pero tamén entre veciñas e veciños interesados en axudar a combater a praga.

trampeo 2

Agora o Concello de Malpica e Protección Civil dan un paso máis, e hoxe mesmo iniciaron a colocación de trampas en zonas axardinadas, nas que abundan as árbores que exercen maior atracción sobre as avespas asiáticas, como camelias ou rododendros; pero tamén nas proximidades de edificios e espazos públicos frecuentados por nenos e nenas.

O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, e o coordinador da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Iván Muíño, agradeceron a colaboración veciñal e reiteraron a importancia de realizar un trampeo o máis amplo posible durante a primavera para evitar a proliferación de niños nos vindeiros meses.

18Abr 2018

Susana Seivane e Luar na Lubre serán os pratos fortes da XI Festa Galega, que se celebrará os días 17 e 18 de agosto

LNL XXX ANIV CARTEL

Luar na Lubre

Este verán a música tradicional galega volverá a inundar as rúas de Malpica con motivo da celebración da XI Festa Galega, que terá lugar os días 17 e 18 de agosto. E este ano farao cun cartel de luxo encabezado por dous dos máximos expoñentes do folclore galego de sona internacional, como vén de confirmar a Concellería de Cultura, que xa se atopa inmersa na organización do festival. A gaiteira Susana Seivane e a célebre banda Luar na Lubre, dúas iconas do panorama actual, serán os pratos fortes dunha edición na que tamén se darán cita algunhas das mellores voces da música folk da Costa da Morte.

Susana nueva

Susana Seivane

Os asistentes á Festa Galega deste ano terán a oportunidade de gozar e bailar ao son dos mellores. E non é unha frase feita, porque o vindeiro mes de agosto pasarán pola localidade dous referentes do folk en Galicia con maior proxección fóra das nosas fronteiras. O venres 17, Susana Seivane, herdeira dunha das máis prestixiosas familias de gaiteiros e artesáns galegos, será a primeira en subirse ao escenario para ofrecer un xenuíno concerto no que fusionará o estilo máis enxebre da gaita coa influencia de novas tendencias musicais nun espectáculo cheo de frescura e orixinalidade. Ao día seguinte, o sábado 18, será a quenda da mítica formación galega Luar na Lubre. Con máis de 30 anos de traxectoria, 17 discos editados e 300.000 copias vendidas, o célebre grupo de música celta protagonizará unha auténtica viaxe ás súas orixes para sorprendernos co seu último traballo recompilatorio, co que está a colleitar grandes éxitos.

O departamento de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, segue a traballar na elaboración do programa da XI Festa Galega para converter a Malpica no epicentro da música folk durante toda unha fin de semana.

14Abr 2018

O Concello de Malpica inviste case 90.000 euros na mellora de vías en Buño, Cerqueda, Barizo e Mens

DAMASO FERREIRO _PISTAS

O Concello de Malpica realizará un investimento de 87.754,08 euros na mellora de vías en catro parroquias: Buño, Cerqueda, Barizo e Mens. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou o contrato coa empresa adxudicataria, Construcciones Dámaso Ferreiro, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

Os traballos, que se acometerán en canto o tempo o permita, teñen un prazo de execución de 3 meses, e están financiados con cargo ao POS+ 2017. Un dos proxectos, adxudicado por 47.454 euros, ten como finalidade o arranxo de vías nas parroquias de Buño e Cerqueda; mentres que os 40.300,08 euros restantes corresponden ao proxecto redactado para Barizo e Mens.

Con esta actuación, o goberno municipal de Malpica mantén o seu compromiso coa mellora das infraestruturas que permiten prestar un mellor servizo á cidadanía.

13Abr 2018

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil de Malpica

IMG_3537

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil de Aldeola acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, e polo primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, así como pola dirección do centro. Os representantes municipais trasladáronlle algunhas peticións para mellorar os servizos que se prestan á familia nesta escola da rede pública Galiña Azul e realizaron un percorrido por todas as dependencias.

O número de nenos matriculados na escola infantil de Malpica, que entrou en servizo no ano 2015, aumentou de xeito considerable nos últimos anos, pasándose de 28 pequenos en febreiro do curso 2015-2016 a 35 en febreiro do presente curso 2017-2018. Ademais, e á vista das solicitudes de praza xa rexistradas para o próximo curso (2018-2019), a previsión é que volva medrar o número de alumnos.

IMG_3552

O centro malpicán manterá o próximo curso (2018-2019) a súa oferta de prazas, cun total de 41, o que sitúa a taxa de cobertura pública nese concello coruñés en escolas para nenos de 0 a 3 anos no 83,67%, moi por riba da recomendación da Unión Europea para os seus estados membros, así como da taxa de referencia do 50%.

Esa oferta permite prestar servizo, ademais, non só ao concello de Malpica, senón tamén ofrecer recursos para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar a pais e nais doutros concellos da área que teñen elevada demanda de prazas, que carecen de escolas públicas, como Laxe, ou que non contan con centros da rede A Galiña Azul, como Cabana de Bergantiños.

 

27Mar 2018

Asinado o contrato das obras de reforma integral das rúas Garda Pardines, Doutor Fleming e Travesía González López

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe coa empresa Construcciones Vázquez y Reino os contratos correspondentes á execución das obras de reforma integral da Travesía Emilio González López e das rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dous proxectos nos que investirá 21.840,50 e 67.881 euros, respectivamente, con cargo ao POS+ 2017. Na sinatura dos contratos tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

contrato vyr

O obxectivo das dúas actuacións é dobre: por unha banda, a mellora dos servizos urbanísticos, que son antigos e están deteriorados, e, por outra, a mellora da accesibilidade e do aspecto xeral das rúas, todas elas moi céntricas, mediante a renovación integral de firmes e pavimentos.

Na Travesía Emilio González López o principal problema radica na inexistencia de rede separativa de augas pluviais e residuais, polo que se producen rebordamentos nalgúns baixos, e ademais a rede de abastecemento de auga é obsoleta. Para solucionar esas deficiencias e acometer o novo tratamento en superficie establécese un prazo de execución de dous meses.

Os mesmos problemas cos servizos urbanísticos repítense nas rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dúas vías curtas, de 46 metros de lonxitude, e estreitas (4,50 e 3,25 metros de ancho, respectivamente), que están situadas no centro urbano e son moi transitadas, sobre todo no verán, xa que conectan a rúa principal co paseo marítimo e a praia. O tránsito é fundamentalmente peonil, e só circulan os vehículos de residentes, reparto de mercadorías, limpeza e recollida de residuos sólidos urbanos. Neste caso o prazo de execución é de catro meses.

25Mar 2018

O alcalde acada o compromiso da Consellería de Sanidade para mellorar o centro de saúde de Malpica

20180322 Alcalde Malpica

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, vén de manter unha entrevista co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, coa finalidade de tratar varias cuestións, entre elas unha serie de melloras no centro de saúde da capital municipal. O edificio presenta algunhas necesidades derivadas, fundamentalmente, da antigüidade da construción. Dado que se trata dun inmoble de titularidade municipal, a Consellería de Sanidade estudará as actuacións precisas e abordará súa execución a través dun convenio de colaboración co propio Concello de Malpica.

Eduardo Parga aproveitou a xuntanza para propoñer tamén o traspaso do centro de saúde á Xunta de Galicia, que no noso concello xa xestiona directamente o de Buño. Esta petición enmárcase no acordo acadado entre a propia Administración autonómica e a Fegamp para proceder, dunha maneira progresiva, ao traspaso dos numerosos centros de saúde en toda Galicia que aínda son de titularidade municipal. Deste xeito, o Sergas asumiría a xestión e o mantemento do centro de saúde de Malpica, que agora recaen no Concello.

23Mar 2018

O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha campaña de trampeo de avespa velutina

CAMPAÑA VELUTINA

Coa chegada da primavera empeza tamén a actividade da avespa velutina. Despois do letargo invernal as raíñas comezan a saír dos niños, polo que estamos no mellor momento para actuar e evitar que a especie invasora se siga propagando. Con esa intención, o Concello de Malpica e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atraínte que deberán colocar o antes posible en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avespa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de recordar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

atrainte

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e membros de Protección Civil, entre eles o seu coordinador, Iván Muíño. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar na campaña faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento da campaña. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.

22Mar 2018

O Día do Patín reúne este venres en Malpica a preto de 300 nenos e nenas dos concellos de Costa Bergantiñá

patinaje1 copia (1)

Malpica acolle este venres unha nova edición do Día do Patín, organizado pola Agrupación Deportiva Costa Bergantiñá coa colaboración do Concello. Tras o éxito acadado nas anteriores, a de mañá será outra tarde de espectáculo, música e diversión tanto para participantes coma para público. A cita, ás 18.00 horas no polideportivo municipal.

Nestes últimos años, a Agrupación Deportiva Costa Bergantiñá trata de aproveitar as sinerxias xurdidas entre os concellos que pertencen a esta entidade, e nesta ocasión prográmase un evento de patinaxe onde se plasma o gran esforzo dos/as participantes nas escolas de patinaxe e do monitorado para organizar unha exhibición coma esta.

Nesta edición contaremos con preto de 300 participantes, 45 deles/as alumn@s da Escola Municipal de Malpica, e o resto de Laxe, Cabana, Coristanco e Ponteceso.
O Club Deportivo Costa Bergantiñá conta tamén coa colaboración do Club Patín Velúa, Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e Deputación de A Coruña.

14Mar 2018

O Concello de Malpica ratificou en Íntegro a súa adhesión ao PIMD Rural

INTEGRO 1

O Concello de Malpica vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Íntegro para a posta en marcha de novas acción formativas dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD). Ata as instalacións que a entidade ten en Nantón (Cabana) desprazáronse o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín.

Por terceiro ano consecutivo, o goberno municipal malpicán quixo ratificar a súa adhesión ao PIMD Rural para continuar ofrecendo un servizo de asesoramento e intervención integral ás mulleres, preferentemente, con diversidade funcional que residen no municipio e, especialmente, no ámbito rural. Ademais, dende a concellería que dirixe Marisol Blanco tamén está previsto levar a cabo novas actividades de formación para contribuír a mellorar tanto a capacitación profesional como a empregabilidade dun colectivo en situación de especial vulnerabilidade.

INTEGRO 2

Así mesmo, as persoas que o desexen poderán solicitar no punto de intervención, situado no departamento de Servizos Sociais, todo tipo de información sobre recursos en materia de diversidade, talleres pre-laborais e actuacións encamiñadas á búsqueda de emprego. Pola contra, este ano, a atención psicoloxica e mediación familiar quedará centralizada no Centro de Información á Muller de Carballo.
Por outra banda, os responsables municipais aproveitaron a súa estancia no centro de recursos para realizar un percorrido polas instalacións e coñecer algunhas das melloras levadas a cabo pola entidade. Tamén tiveron tempo para visitar os obradoiros ocupacionais e conversar cos usuarios e usuarias sobre o seu funcionamento. E, por suposto, non marcharon coas mans baleiras, xa que recibiron como agasallo unha mostra de xabóns de Bicos de Amora.

Página 67 de 149« Primera...102030...6566676869...8090100...Última »